xoves, 20 de novembro de 2025

Apuntamentos sobre a 70ª SEMINCI: Punto de Encuentro

O riso e a faca (Pedro Pinho, 2025)

O RISO E A FACA (Pedro Pinho) - Premio Punto de Encuentro

O grande filme-monumento de 2025, cuxa duración (211 minutos na versión vista en festivais e salas que se estenden até os 320 na montaxe preferida polo director) se corresponde coa súa inmensa ambición narrativa e intelectual: é a obra mestra que necesitabamos sobre as cuestións sen resolver do colonialismo e os múltiples desafíos ambientais, sociais e políticos do presente. Escribirei dela máis estensamente cando se estree en salas no estado español, mais é xusto poñer o foco xa no seu actor protagonista, Sérgio Coragem (que apelido tan acaído!). Sen a fineza coa que compón un personaxe cheo de matices, seducido por un mundo novo que ao mesmo tempo fai evidentes as moitas contradicións nas que se encontra como europeo en África, e sen a súa asombrosa entrega, poucas veces vista no cinema recente, O riso e a faca non sería o que é. Sérgio é, para min, a maior revelación do ano.

ANOCHE CONQUISTÉ TEBAS
(Gabriel Azorín) - Premio Especial Fundos

O mellor filme de 2025, o máis xeneroso, emocionante, acolledor e habitábel, mesmo diría que sanador. A partir dun lugar único, as termas de Bande, Anoche conquisté Tebas crea un espazo e un tempo propio capaz de unir épocas diferentes coa vontade de expresar como os sentimentos humanos son os mesmos ao longo de milenios: a necesidade de recibir e dar afecto, o medo a estar só. Unha extraordinaria película sobre a amizade que se converte, ademais, na gran película sobre a noite e a escuridade. Un fito destinado a pasar, de inmediato, á Historia. Podedes ler aquí o artigo que escribín para o Nós Diario.

NINO
(Pauline Loquès) - Mención especial Punto de Encuentro

Un mozo de 29 anos descobre abruptamente que ten un cancro de gorxa o cal, unido a un incidente doméstico en condicións normais menor -a perda das chaves da casa- fai que inicie unha espera (ambulante) de tres días até o comezo do tratamento, con encontros e reencontros marcados por un medo á enfermidade que garda case sempre para si. Un punto de partida que fai pensar inevitablemente en Cléo de 5 a 7 de Agnès Varda; de feito, o filme podería chamarse Nino de venres a luns. Pauline Loquès escribe e dirixe con solvencia e achega ideas boas, como o hospital en obras, e sobre todo tira máximo partido do notábel protagonista, Théodore Pellerin. Paga a pena.

LITTLE TROUBLE GIRLS
(Urška Djukić)

A primeira longametraxe da eslovena Urška Djukić é unha elegantísima exploración do espertar sexual dunha moza católica de 16 anos, Lucía (excelente Jara Sofija Ostan) durante unha estadía nun convento para ensaiar co coro do que forma parte. Rodeada por outras rapazas máis abertas e ousadas ca ela, a protagonista experimenta a curiosidade e a dúbida polas sensacións que vive, entre a éxtase pola incipiente pulsión erótica cara ao corpo feminino e masculino e a éxtase mística, que ás veces se mesturan (un bico a unha imaxe da Virxe, un encontro cun obreiro espido de aparencia crística), para acabar aceptando con certa naturalidade o desexo (marabilloso o plano final coas uvas). Un valioso "coming of age" filmado con notábel virtuosismo e rigor e unha espléndida fotografía que tira grande partido do formato 1,5:1. Gratísima sorpresa.

A VIDA LUMINOSA
(João Rosas)

Após tres curtas (Entrecampos, María do Mar e Cataventos), a primeira longametraxe do João Rosas explora, con intelixencia e ironía, os primeiros e inseguros pasos na vida adulta do seu "Antoine Doinel", o Nicolau ao que encarna Francisco Melo. Entre a fraxilidade laboral e as incertezas amorosas, o personaxe móvese por Lisboa con calma e certo espírito "Nouvelle Vague"; resulta tan simpático como a propia película, un cariñoso retrato xuvenil que serve de hospitalario refuxio contra esa crueldade que non para de ocupar as salas.

Martin Pawley

luns, 17 de novembro de 2025

Apuntamentos sobre a 70ª SEMINCI: Sección oficial

The Mastermind

THE MASTERMIND (Kelly Reichardt) - Espiga de Ouro, mellor fotografía

O novo filme de Kelly Reichardt ten tanto de filme de atracos como outros seus anteriores tiñan de westerns: si, esa é a súa aparencia, mais o que fai é herdar elementos do xénero para levalos a outro territorio, moito máis interesante, no que o relato ou a peripecia importan cada vez menos. O protagonista, un home con estudos artísticos, organiza o roubo de varios cadros dun museo en parte co desexo de mellorar o nivel de vida familiar pola vía rápida (e en parte polo pracer e a simple posibilidade de facelo), mais as cousas vanse torcendo aos poucos e verase obrigado a escapar. A súa fuxida debuxa tamén o baleirado do personaxe, a expresión da súa perda de rumbo e da súa soedade, ou máis ben do seu imposíbel regreso a unha comunidade, que se integra perfectamente nun momento histórico de cambio e perda de inocencia, os EUA da guerra de Vietnam que aparece en forma de noticias de fondo nas televisións e, sobre todo, nas protestas pacíficas nas rúas. A esta criatura capaz de cometer sen pensar accións certamente miserábeis a cineasta non a retrata con crueldade: é tamén un ser impotente e de porvir dubidoso, inconsciente antes que malvado, que se condena a cada paso que dá a un fracaso maior. A espléndida interpretación de Josh O'Connor outórgalle atractivo e fondura, fai del un antiheroe que necesita que alguén lle dea un abrazo ou un sopapo, ou, mellor aínda, as dúas cousas á vez. Kelly Reichardt filma e monta de maneira maxistral, sen artificios inanes; é unha mestra do zurcido invisíbel, sempre refractaria ao exhibicionismo. Para min é a súa película máis valiosa, mesmo por riba de Certain Women (2016) e Showing Up (2022). Vista na estrea en salas comerciais.

MAGALHAES (Lav Diaz) - Espiga de Ouro

É case obrigado salientar o que ten de raro este filme na filmografía de Lav Diaz: dura apenas 160 minutos, é en cor e está protagonizado por unha estrela internacional, Gael García Bernal. Fóra deses pequenos detalles, o resultado encaixa razoabelmente ben no que se pode esperar do cineasta filipino, só que en forma concentrada, cos planos longos e o gusto pola inmobilidade, por facer evidente para o espectador o tempo e a súa duración. Mais tamén é outra cousa, un filme baseado nun personaxe histórico, e iso implica algún grao de narración e de explicación dos feitos, e o equilibrio entre esas dúas almas non acaba de casar ben de todo; a sensación é que a Magalhães lle sobra unha hora ou lle faltan dúas, o cal non significa que non estea chea de grandes virtudes, momentos brillantes (as escenas no barco, por exemplo) e interpretacións que sorprenden por boas (por exemplo o camarada Roger Koza, mais tamén o propio Gael García Bernal, cuxo talento ninguén discute, mais que aquí soubo adaptarse a un estilo completamente diferente do cinema que até agora fixo). Para alén diso, Magalhães expón de forma crúa o desastre humanista que é todo proxecto colonial, a violencia e o absurdo inherente a esas expedicións demasiadas veces contadas como "aventuras épicas" sen tacha. 

MIROIRS nº 3 (Christian Petzold)

Xa está fóra de dúbida que o alemán Petzold é un dos grandes creadores do noso tempo, con Phoenix como unha das cimas do cinema do século XXI. A súa obra, en particular a máis recente (e de ambientación contemporánea), traballa en favor dunha coidadísima depuración que deriva nuns filmes que parecen cada vez máis sinxelos, mais que levan dentro unha inmensa carga de profundidade e funcionan como variacións sobre asuntos vistos en obras anteriores. A idea da suplantación ou da representación dunha outra persoa que era central en Phoenix (nese caso, non tan outra) repítese aquí por medio dunha muller que, tras saír ilesa dun accidente de tráfico no que morre o seu noivo, é acollida por unha familia que ve nela unha vía para sandar a ferida irresolúbel da desaparición dunha filla. Nese xogo de espellos entre a filla que xa non existe e a "nova filla" que aparece, ou entre a familia que non é e unha nova familia posíbel, constrúese un filme elegante e enigmático, que parece sempre a punto de estourar, como se atrás de cada espazo ou situación cotidiana houbera a posibilidade dun misterio por se revelar, e que mesmo houbera espazo para o fantástico, mais acaba por ficar sempre felizmente contido no camiño xusto, guiado por un elenco formidábel no que sobresae, coma sempre, a fabulosa Paula Beer, unha das grandes actrices europeas do presente. 

DUSE (Pietro Marcello)

O procedemento fílmico de O procedemento fílmico de Pietro Marcello comeza a dar sinais de esgotamento. Se en Martin Eden a mestura efervescente de materiais filmados e de arquivo máis a presenza central dun actor en estado de graza (Luca Marinelli) fixeron dela unha alfaia que medra en cada visionado, a operación case mimética que opera en Duse conduce a un resultado moito máis modesto. Relato un chisquiño preguiceiro dos últimos anos da actriz Eleonora Duse, encarnada, con aínda controlada tendencia ao exceso, por Valeria Bruni Tedeschi, a película desaproveita de maneira desconcertadora varios personaxes (dende a filla á que dá vida Noémie Merlant até os de Mussolini e mesmo Gabriele d'Annunzio) e emprega as imaxes de arquivo de xeito rutineiro, como se fose unha obriga asumida sen moita inspiración. Aínda que en conxunto non ergue demasiado o voo, o certo é que se ve con sumo pracer. Probabelmente Marcello non sexa capaz de facer unha mala película. Vista en Cineuropa. 

PILLION (Harry Lighton) - Premio ao mellor actor (Harry Melling)

Pillion ten na súa principal característica a súa principal limitación: consegue converter a relación de sumisión dun mozo necesitado de experiencias cun macho alfa moteiro nun xenuíno "crowdpleaser" para todos os públicos (excepto os moi homófobos). Todo é correcto, en todos os sentidos, empezando pola parella protagonista (Harry Melling, Alexander Skarsgard), mais iso acaba marcando un teito para un filme que pretende ser transgresor. Mentres o vía eu pensaba en Alain Guiraudie ou João Pedro Rodrigues: recoñezo que as comparacións son sempre moi inxustas.

RESURRECTION (Bi Gan)

Talvez hai vinte anos eu adoraría un filme coma este. É evidente o virtuosismo de Bi Gan; a súa inventiva visual parece un pozo sen fondo, mais a pregunta esta vez é "para que". Resurrection é puro exceso de forma mais atrás dela non hai personaxes nin historias con algunha entidade. Nin sequera funciona o bloque "vampírico", un deses "tour de force" nun aparente único e longo plano secuencia que son sinal da casa. Non discuto que as imaxes teñan unha laboriosa calidade e que algunhas sexan espectaculares, mais desta vez non pasan de ser un sofisticado trampantollo.

Martin Pawley

sábado, 15 de novembro de 2025

A nosa terra é nosa

Nuestra tierra (Lucrecia Martel, 2025)

O 12 de outubro de 2009 foi asasinado a tiros Javier Chocobar, cacique da comunidade Chuschagasta da provincia de Tucumán, na República Arxentina. O líder comuneiro, canda outros membros do pobo diaguita, defendía o territorio do intento de apropiación por parte dun terratenente, Sergio Amín, que quería explotar unha canteira de laxes. Amín visitou a zona acompañado de José Valdivieso e Luis Humberto Gómez, ex-axentes de policía, e reaccionaron ante a presenza pacífica dos indíxenas abrindo fogo e fuxindo en coche, deixando como resultado o corpo morto de Chocobar e feridas graves aos curmáns Andrés e Sergio Mamani. Houbo que agardar até 2018 para que se celebrase o xuízo por este crime; o veredicto supuxo unha condena exemplar para os tres responsábeis, mais esta non chegou nunca a cumprirse.

Unha característica fascinante e arrepiante ao mesmo tempo da execución de Chocobar é que foi rexistrada en vídeo por un dos verdugos e acabou por ser difundida en Internet. Esas imaxes de baixa resolución foron obxecto de debate e escrutinio público e serviron de proba inapelábel, e a directora Lucrecia Martel intégraas no magnífico documental Nuestra tierra, estreado no Festival de Venecia e que forma parte da programación de Cineuropa (...)

Martin Pawley. Artigo publicado no Nós Diario o 15 de novembro de 2025, sábado. As persoas subscritoras poden ler o artigo completo en liña nesta ligazón.

xoves, 13 de novembro de 2025

Crítica cinematográfica e gustos persoais

por Miguel Castelo

No recorrente reclamo publicitario do que fai uso un determinado programa radiofónico da tarde para se referir ao seu comentarista cinematográfico, que os lectores identificarán decontado, pódese escoitar: "Hay películas que no es que no me gusten; es que me ponen de los nervios". Sen dúbida, unha maneira simpática e atractiva de chamar a atención. Mais tamén un claro e determinante modo de entender a crítica cinematográfica: como ademais de non me gustar, me poñen dos nervios, eses filmes non son bos. Algo así como afirmar que as cousas, para el as aprobar, teñen que estar feitas á súa medida. Curiosa forma de entender os valores artísticos dun filme. E ben pensado, isto todo concorda, malia outras voces presentes en dita emisión radiofónica vespertina, co certo grao de testosterona que nela se respira. Consecuente coa súa particular maneira de entender o comentario cinematográfico, este "analista" (nunca disposto a analizar) aborda agora a súa ollada sobre Los domingos, afirmando que é un filme co que non dá comunicado porque non entende como unha adolescente pode sentir unha vocación relixiosa; que, como el non ten relixión ningunha, cústalle entendelo. Máis do mesmo.

Los Domingos (Alauda Ruiz de Azúa, 2025). Imaxe: BTeam Pictures.

Se cadra, este "crítico" debería considerar que se achegar ás imaxes e os sons que conforman unha obra cinematográfica pasa por os mensurar con todas as consecuencias, alén de que os comportamentos dos personaxes concorden ou non coa ideoloxía na que el profesa. Os personaxes dun filme responden á súa propia lóxica persoal, están condicionados polo seu sentir, pola súa biografía, polo seu momento vital. É en cousas e causas como estas onde cómpre poñer o foco e indagar. E tanto, se o filme é do gusto do observador como se non, á hora de falar del, de palabra ou por escrito, é preciso lle dedicar o tempo que merece, que en boa lóxica non debe ser arbitrario e moi dispar da conclusión final: se me gusta, desfágome en gabanzas; se non, despáchoo, nunca mellor acaído, en dúas "patadas".

Alauda Ruiz de Azua. Imaxe: BTeam Pictures.
Nada máis lonxe de con isto afirmar que o aludido comentarista sexa un parvallán, un ignorante ou ande malamente informado. Nin moito menos. Carlos Boyero é un "personaxe" self made man, con moitos anos diante das pantallas na escuridade das salas e unha particular unha miga antiga cinefilia. Un comentarista cunha cada vez mellor expresión escrita, virtude que progresa ao tempo do que a súa parcialidade. Se cadra, a vehemencia, xunto cunha in-asumida condición de "divino impaciente", constitúen o bosque que non lle deixa ver ás arbores. Do contrario, no caso do filme de Alauda Ruíz de Azúa tería percibido a riqueza e complexidade da estrutura familiar, grupo numeroso e heteroxéneo de procedencia migratoria no que habita a protagonista, o condicionamento da ausencia materna de orixe inexplicada, a intencionadamente ambigua actitude da priora do convento, o carácter sensible e a acusada personalidade da xove, a especial atención e afecto que recibe da parte conventual, o pano de fondo do axitado, violento, escandaloso... contexto social do momento. Todo no marco dunha narrativa a xeito, delicada, eficaz, dunha intelixente dirección actoral que se traduce nun traballo coral de espléndidas interpretacións Con tais vimbios non debería resultar moi difícil facer o cesto. Ou sexa, concluírmos que estamos ante un agudo e tan sutil como rotundo e contundente retrato social da España dos nosos días.

sábado, 8 de novembro de 2025

Kamal Aljafari, memoria e vida

Ao longo dunha traxectoria artística que xa supera os 20 anos, o palestino Kamal Aljafari, nacido en Ramla en 1972, fixo do cinema unha arma pacífica de resistencia para loitar contra a eliminación física e o borrado da identidade do seu pobo. A súa valiosa obra, que investiga como as imaxes preservan a memoria e a vida, fíxoo merecedor dun Premio Cineuropa que outorga o festival compostelán. Recollerá o premio nunha gala que se celebrará o 11 de novembro no Teatro Principal de Santiago.

Esta é a súa primeira visita á Galiza. 
Si, pasarei tres días no festival Cineuropa e logo teño que ir a Londres e despois ao IDFA de Amsterdam. É moi importante acompañar o meu filme, Con Hasan en Gaza, viaxar con el e conversar sobre a película e sobre a situación en Palestina. É xenial que teñamos marcados case 50 festivais até o final de ano. Son moitos lugares e non poderei estar en todos, mais é moi necesario ir a cantos poida. Ademais, xa fechamos distribución nalgúns países, entre eles Alemaña. Ficamos foi sorprendidos, mais vai chegar ás salas alemás o ano que vén. As cousas están cambiando. Tamén estará en Austria e agora estamos en conversas con Francia e os Estados Unidos. Sabemos que é un filme pequeno, mais nalgúns festivais en que foi seleccionado, por exemplo en Nova York, os billetes esgotáronse con dúas semanas de antelación, e pasou o mesmo en Londres na proxección do British Film Institute. Está captando moita atención e iso é moi bo.

Sen dúbida é un moi bo filme. Non é o típico documental que pretende dar pena e amosar crianzas chorando, non é iso, mais non por iso é menos efectivo e contundente, senón ao contrario.
Non, eu non fago esa clase de cinema. O meu é moi distinto e penso que cando a xente senta na sala vai con expectativas diferentes. Nunca podes facer filmes que lle gusten a todo o mundo, mais para min esta película é moi, moi emocionante.

Para empezar, convén contar a historia do reencontro coas fitas que dá orixe ao seu filme.
Foi unha absoluta casualidade que as atopase. Estaba a ordenar todas as fitas mini DV que tiña e atopei unha na que estaba rotulado "Con Hasan en Gaza". Non sabía o que era e só ao dixitalizar as imaxes e velas comprendín que estaba rodada en Gaza, mais non tiña nin idea de quen fixera aquilo até o momento en que me vin a min mesmo na pantalla. Levoume un tempo lembrar que eu fora alí; aínda hoxe non recordo a maioría das tomas que se ven no filme. Unha razón é que as fixen hai case 25 anos e aínda que as levei comigo a Alemaña, onde estudei, nunca as cheguei a ver en todo este tempo. Apareceron no momento exacto en que eu me estaba preguntando que podía un cineasta coma min engadir a esta situación que vivimos desde hai dous anos, o que estamos presenciando cada día, as imaxes que veñen de Palestina. Que podemos achegar desde o cinema nestas circunstancias? Dalgún modo, isto foi a resposta: atopei estas fitas que amosan como era a vida xa daquela e serven de contra-imaxe a todo o que vemos hoxe e ás afirmacións de que todo comezou o 7 de outubro de 2023 (...)

Martin Pawley. Entrevista completa publicada no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario do sábado 8 de novembro de 2025. As persoas subscritoras poden lelo completo nesta ligazón.

venres, 7 de novembro de 2025

A House of Dynamite (Kathryn Bigelow, 2025)

Nunca espero nada dunha produción con selo Netflix: nos últimos anos demostrou ser unha continua fonte de lixo (e a miúdo lixo extremadamente pretencioso). A excepción que confirma a regra non podía ser outra que Kathryn Bigelow, a maior e mellor creadora de filmes electrizantes do cinema estadounidense e autora dunha das para min obras maiores do século XXI, Zero Dark Thirty (2012). A House of Dynamite (2025) expón a frenética conta atrás dun ataque nuclear do que non se sabe con certeza nin quen está detrás nin como empezou e toma a audacísima decisión de dilatar os vinte minutos desa conta atrás até os cen de duración da película pola vía de narrar ese transo dende diferentes puntos de vista que non se corrixen os uns aos outros. A estratexia de Bigelow non pasa, daquela, por xerar intriga sobre o que vai acontecer, pois ao final do primeiro bloque xa fica todo o peixe vendido, nin lle exixe ao espectador que sume os diferentes episodios para construír unha verdade nova: é a mesma historia contada tres veces e iso permítelle recrearse nos matices e detalles diferenciais de cada unha das iteracións, os brevísimos desvíos e instantes de pausa durante o camiño cara a unha posíbel apocalipse global, así como na diversa fauna de personaxes en cuxas mans repousa a resposta a unha crise inesperada e cuxas actitudes oscilan entre a vinganza tan testosterónica como suicida e o desexo de frear unha escalada necesariamente fatal. E todo iso, por suposto, co estilo vibrante habitual na directora, mais a súa expresa renuncia a un crescendo acaba por facer de A House of Dynamite unha sorte de fascinante anti-thriller, unha aposta case experimental contra a narrativa mol das plataformas que é, ademais, un relato inquietantemente verosímil do perto que estamos do fin do mundo e das aterradoras incertezas da loucura nuclear e, en consecuencia, unha xusta herdeira do espírito Fail Safe (Sidney Lumet, 1964). Nota: 9/10.

Martin Pawley

xoves, 6 de novembro de 2025

Premio Cineuropa 2025: Kamal Aljafari


Hai varios verbos que parecen inevitábeis á hora de escribir sobre o cinema de Kamal Aljafari. “Lembrar” é un deles, se cadra o máis obvio. O pasado desprégase na pantalla para axudarnos a ler o presente xa dende a súa primeira curta, Visit Irak (2003), que fai dunha oficina abandonada da liña aérea Iraqi Airways a perfecta metáfora para un país convertido nunha ausencia. Tamén a memoria familiar, o regreso ás orixes que representa The Roof (2006), encomenda dunha televisión alemá que non lle gustou aos que a pagaron, decepcionados ao ver homes e mulleres que falaban calmadamente e se comportaban con normalidade: na súa visión colonialista, os palestinos debían actuar doutra maneira, talvez máis enfurecida e dramática. E, por suposto, a memoria histórica, o intelixente uso do material de arquivo para facer sátira da propaganda israelí que fomenta o entusiasmo polo exército en Paradiso, XXXI, 108 (2022) ou para expoñer como o último século en Palestina foi un continuo de abuso e aniquilación, primeiro por parte da autoridade colonial británica, logo polo odio xenocida do sionismo. É iso o que conta A Fidai Film (2024), unha lección de cinema, a demostración de que xuntar un plano con outro chega a ser, algunhas veces, un sublime exercicio artístico e político. Imaxes contra o esquecemento, contra o intento abxecto de demolición material e inmaterial dunha nación.

Outro verbo de uso común é “resistir”, a palabra intimamente cosida á pel das vítimas da ocupación. O pobo palestino, o pobo saharauí ou tantos outros que foron, son e serán. Unha vida de resistencia acaba por ser unha vida nun limbo, unha vida de espera entre unha traxedia e a seguinte, entre unha dor e outra, a cotiandade da desesperanza e a frustración, da expulsión inminente, como en Port of Memory (2009), case unha ficción. Mais a resistencia obstinada deriva en inspiradora disidencia. With Hasan in Gaza (2025), a súa última película que en certo sentido é a primeira, unha que filmou antes que ningunha outra, alá en 2001, vai por aí. No contexto actual de destrución masiva emociona ver as crianzas de Gaza na praia de Gaza, emociona ver unha Gaza chea de cicatrices mais aínda en pé, un lugar vivo antes de que os promotores de odio fixeran o que mellor saben, matar. A Gaza que filmou Kamal pode non existir xa fisicamente, mais ficou gardada para sempre na memoria da humanidade.

Un terceiro verbo é “existir”. Relaciónase con todo o anterior: as imaxes conxelan un “agora” que de forma inmediata se volve pasado, preservan corpos que xa non están. En Recollection (2015) reaparece a vida real que se ocultaba detrás das máis vulgares películas de acción, as paisaxes de fondo, a veciñanza que paseaba sen ser moi consciente de que por alí andaba un tal Chuck Norris. O cinema, a literatura, a arte en xeral, fai eternas as vidas. Fai eternas as bondades e as mesquindades, os rancores e os afectos, o horror e a beleza. Coa arte reconstruímos a existencia de quen nos antecederon, conservámonos a nós mesmos e a quen virá despois de nós; preservamos a nosa especie, o que crea e o que destrúe, entendémonos mellor unhas persoas ás outras, aprendemos dos erros e dos acertos. É cuestión só de mirar, de escoitar, de atender, de comprender. De recoñecer o cinema como un mecanismo de existencia, de resistencia, de lembranza.

Martin Pawley. Texto escrito para o catálogo de Cineuropa 2025. Pode descargarse o catálogo completo en PDF nesta ligazón (PDF, 23 MB). Kamal Aljafari recollerá o Premio Cineuropa o 11 de novembro ás 20:00 no Teatro Principal.

A folga de actores e actrices de 1975

En medio da efervescencia disidente e das loitas políticas e sociolaborais dos últimos estertores da ditadura franquista, xorde, resultado dun proceso activo acumulado de tempo, a folga de actores e actrices de 1975 en España.

Unha folga xeral unitaria e de enorme seguimento, desenvolvida entre o 4 e o 12 de febreiro —un período especialmente tenso e represivo—, capaz de abarcar a todo o mundo do espectáculo e provocar desde suspensións nos teatros de Madrid ata cancelacións de sesións de rodaxes e programas de TVE.

A folga vai formular de xeito audaz un tempo de reivindicación en forma de petición dunha serie de melloras (aumento salarial, un día de descanso semanal, a función diaria única no teatro, o cobro polos ensaios…), posibilitando como consecuencia a impugnación das estruturas do sindicato vertical sectorial franquista. O aparato represor franquista non vai defraudar: detencións (de Rocío Dúrcal, José Carlos Plaza e Tina Sainz a Pedro Mari Sánchez), ameazas e severas multas, o que desencadea unha gran corrente de solidariedade internacional. Entendido como un suceso histórico menos susceptible de recoñecemento do que debera, representa ademais o xerme de moitos cambios laborais na profesión, constituíndo un auténtico e memorable punto de inflexión. 

José Manuel Sande. Texto escrito para o catálogo de Cineuropa 2025. Pode descargarse o catálogo completo en PDF nesta ligazón (PDF, 23 MB)O sábado 15 de novembro ás 17:30 en Numax Cineuropa acollerá unha mesa redonda sobre a folga de actores e actrices coa participación de Petra Martínez e José Manuel Sande; modera José Luis Losa. A entrada é de balde até completar a capacidade.

sábado, 1 de novembro de 2025

Fantasías del anarcocapitalismo

El divertidísimo libro Una ciudad en Marte formula serias dudas sobre la pertinencia de la colonización del espacio.

* * *

¿Podemos colonizar el espacio, deberíamos hacerlo y… realmente lo hemos pensado bien? Ya en su portada, el libro escrito por el matrimonio Weinersmith, Kelly (bióloga) y Zach (dibujante), expone preguntas tan obvias como pertinentes sobre esa explotación espacial que, si hiciéramos caso de algún que otro magnate, parecería a la vuelta de la esquina. No hay que esperar mucho para encontrar una primera respuesta. «Lo cierto», dicen, «es que los asentamientos humanos en otros mundos (entendidos como la creación de sociedades autosuficientes en algún lugar fuera del planeta Tierra) muy difícilmente serán realidad a corto plazo; pero es que además no traerán consigo los beneficios que defienden sus partidarios. Ni inmensas riquezas, ni nuevas naciones independientes ni un segundo hogar para la humanidad; ni siquiera un búnker para las élites más selectas», pese a lo cual «vivimos en un mundo en el que las agencias espaciales, empresas multinacionales y milmillonarios duchos en redes sociales prometen algo muy distinto (...)

Martin Pawley. O artigo completo pode lerse na sección "La noche es necesaria" da Revista Astronomía, número 317, novembro de 2025. As persoas subscritoras poden acceder á revista no seu sitio web.