por Miguel Castelo
No recorrente reclamo publicitario do que fai uso un determinado programa radiofónico da tarde para se referir ao seu comentarista cinematográfico, que os lectores identificarán decontado, pódese escoitar:
"Hay películas que no es que no me gusten; es que me ponen de los nervios". Sen dúbida, unha maneira simpática e atractiva de chamar a atención. Mais tamén un claro e determinante modo de entender a crítica cinematográfica: como ademais de non me gustar, me poñen dos nervios, eses filmes non son bos. Algo así como afirmar que as cousas, para el as aprobar, teñen que estar feitas á súa medida. Curiosa forma de entender os valores artísticos dun filme. E ben pensado, isto todo concorda, malia outras voces presentes en dita emisión radiofónica vespertina, co certo grao de testosterona que nela se respira. Consecuente coa súa particular maneira de entender o comentario cinematográfico, este "analista" (nunca disposto a analizar) aborda agora a súa ollada sobre
Los domingos, afirmando que é un filme co que non dá comunicado porque non entende como unha adolescente pode sentir unha vocación relixiosa; que, como el non ten relixión ningunha, cústalle entendelo. Máis do mesmo.
 |
| Los Domingos (Alauda Ruiz de Azúa, 2025). Imaxe: BTeam Pictures. |
Se cadra, este "crítico" debería considerar que se achegar ás imaxes e os sons que conforman unha obra cinematográfica pasa por os mensurar con todas as consecuencias, alén de que os comportamentos dos personaxes concorden ou non coa ideoloxía na que el profesa. Os personaxes dun filme responden á súa propia lóxica persoal, están condicionados polo seu sentir, pola súa biografía, polo seu momento vital. É en cousas e causas como estas onde cómpre poñer o foco e indagar. E tanto, se o filme é do gusto do observador como se non, á hora de falar del, de palabra ou por escrito, é preciso lle dedicar o tempo que merece, que en boa lóxica non debe ser arbitrario e moi dispar da conclusión final: se me gusta, desfágome en gabanzas; se non, despáchoo, nunca mellor acaído, en dúas "patadas".
 |
| Alauda Ruiz de Azua. Imaxe: BTeam Pictures. |
Nada máis lonxe de con isto afirmar que o aludido comentarista sexa un parvallán, un ignorante ou ande malamente informado. Nin moito menos. Carlos Boyero é un "personaxe"
self made man, con moitos anos diante das pantallas na escuridade das salas e unha particular unha miga antiga cinefilia. Un comentarista cunha cada vez mellor expresión escrita, virtude que progresa ao tempo do que a súa parcialidade. Se cadra, a vehemencia, xunto cunha in-asumida condición de "divino impaciente", constitúen o bosque que non lle deixa ver ás arbores. Do contrario, no caso do filme de Alauda Ruíz de Azúa tería percibido a riqueza e complexidade da estrutura familiar, grupo numeroso e heteroxéneo de procedencia migratoria no que habita a protagonista, o condicionamento da ausencia materna de orixe inexplicada, a intencionadamente ambigua actitude da priora do convento, o carácter sensible e a acusada personalidade da xove, a especial atención e afecto que recibe da parte conventual, o pano de fondo do axitado, violento, escandaloso... contexto social do momento. Todo no marco dunha narrativa a xeito, delicada, eficaz, dunha intelixente dirección actoral que se traduce nun traballo coral de espléndidas interpretacións Con tais vimbios non debería resultar moi difícil facer o cesto. Ou sexa, concluírmos que estamos ante un agudo e tan sutil como rotundo e contundente retrato social da España dos nosos días.
Ningún comentario:
Publicar un comentario