Se vivisen en Burdeos, unha cidade equivalente á Coruña ou Vigo, esta fin de semana poderían ir ao Cinema Utopia e escoller entre máis de vinte filmes deses que chamamos “de autor” repartidos nas súas cinco salas. A entrada normal custaríalles 6 euros, menos se adquiren un abonamento para dez títulos –4,5 euros por película–, e aínda menos de iren á primeira sesión do día. A programación está definida para as próximas tres semanas, co cal é posíbel planificar a asistencia con antelación. Algunhas sesións van acompañadas de debates, hai outras destinadas ao público infantil e mesmo organizan proxeccións á carta para escolas. Os Utopia están abertos a outras modalidades de negocio e venden películas en formato dixital aos espectadores, que por 5 euros poden levar a casa obras mestras de Abbas Kiarostami cargadas nun pincho USB. O mesmo sucede noutras localidades, coma Avignon, cunha poboación semellante á de Santiago.
En Francia tamén hai un ministro obsesionado coa piratería, mais as descargas non impediron que en 2010 o cinema acadase 206 millóns de espectadores, o segundo mellor resultado da súa historia. O 36% desas entradas serviron para ver filmes de produción francesa; nun ano sen éxitos estratosféricos, a cifra demostra a estabilidade e fortaleza dunha industria cultural que por exemplo leva a tres millóns de persoas a ver De homes e deuses, de Xavier Beauvois. O éxito francés ten moitas causas, mais unha delas, con certeza, é que alí hai cinemas-utopía que coidan ese público que non quere ver (ou non só) películas de acción en 3D. Ese público que en Galicia ten que ficar na casa porque os distribuidores e exhibidores pensan que non existe.
Publicado en Xornal de Galicia o venres 14 de xaneiro de 2011
Ningún comentario:
Publicar un comentario