Amosando publicacións coa etiqueta Luis Miñarro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Luis Miñarro. Amosar todas as publicacións

venres, 28 de xaneiro de 2011

Un modelo ao sur do Minho

Luis Miñarro
Esta semana estivo en Xornal Luis Miñarro, produtor entre outros filmes do que levou a Palma de Ouro en Cannes 2010, Uncle Boonmee lembra as súas vidas pasadas. Segundo nos explicou, e malia os seus modestos resultados en España, a película acabará sendo un negocio rendíbel, e non só en termos de prestixio: o éxito no festival supón o paso por unha morea de festivais e a estrea nun bo número de países, e coa parte de ingresos que lle corresponda e a venda de dereitos aos canais de televisión, o investimento ficará compensado.

Miñarro contounos que RTVE non lle quixo mercar Uncle Boonmee. Tampouco O estranho caso de Angélica, a última longametraxe polo momento do incansábel Manoel de Oliveira. A televisión do estado, a mesma que gasta fortunas para emitir Piratas do Caribe, acordou que non era importante deixar cartos en proxectos de máis que evidente interese cultural –e cuxo prezo, escusamos dicilo, é bastante inferior ao das superproducións de Hollywood–. RTVE prefire apoiar a fráxil industria norteamericana –nótase a ironía?– que a produción propia, mesmo agora que non emite publicidade e que, en consecuencia, non debería obsesionarse cos consabidos índices de audiencia.

O problema do cinema español non é a piratería, senón a televisión. Ao sur do Minho existe un protocolo asinado entre o Instituto do Cinema e a RTP polo cal a televisión pública portuguesa participa nos proxectos subvencionados cunha achega adicional equivalente ao 20% da axuda concedida. Os filmes que reciben esta axuda pública non son moitos, pero todos teñen garantida a súa viabilidade económica. Non é un mal modelo a imitar. Aquí en Galicia, por exemplo.

Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia o venres 28 de xaneiro de 2011

venres, 31 de decembro de 2010

Luis Miñarro

O CGAI presenta en xaneiro un ciclo dedicado a Luis Miñarro, a figura máis valiosa da industria española actual. A través da súa empresa Eddie Saeta, inicialmente centrada na publicidade, Miñarro botouse de maneira valente e firme á produción de filmes -ámbito no que xa tiña experiencias puntuais, entre elas Cosas que nunca te dije de Isabel Coixet- nunha aposta polas creacións que intentan traspasar a fronteira non só xeográfica dos Pireneos. Os resultados non tardaron en chegar, coas alfaias de Albert Serra, Honor de cavalleria e El cant dels ocells, coma fitos representativos da súa intuición para detectar cineastas novos con talento. As dúas pasaron pola Quincena de Realizadores, igual que Liverpool do arxentino Lisandro Alonso, director cuxa aparición é o mellor que lle aconteceu ao cinema no que vai de século; polo medio, a obra mestra de José Luis Guerín En la ciudad de Sylvia, a competición na Mostra de Venecia 2007.

A repercusión internacional das producións de Miñarro -autor tamén de dous interesantes documentais, Familystrip e Blow Horn- favoreceu a súa presenza en proxectos máis ambiciosos, e así xurdiron as colaboracións con Manoel de Oliveira e a participación tan modesta como reveladora de intencións no filme de Apichatpong Weerasethakul Uncle Boonmee lembra as súas vidas pasadas, triunfador por aclamación no último Cannes. Falar con el despois de se converter nun produtor con Palma de Ouro é un dos mellores recordos que gardo dese festival: naquelas horas de celebración Luis demostraba ser un cinéfilo apaixonado e xeneroso que matinaba facer máis películas con máis directores. O seu éxito será tamén o de todos os que amamos esta arte.

Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia o venres 31 de decembro de 2010.