venres, 28 de xaneiro de 2011

Un modelo ao sur do Minho

Luis Miñarro
Esta semana estivo en Xornal Luis Miñarro, produtor entre outros filmes do que levou a Palma de Ouro en Cannes 2010, Uncle Boonmee lembra as súas vidas pasadas. Segundo nos explicou, e malia os seus modestos resultados en España, a película acabará sendo un negocio rendíbel, e non só en termos de prestixio: o éxito no festival supón o paso por unha morea de festivais e a estrea nun bo número de países, e coa parte de ingresos que lle corresponda e a venda de dereitos aos canais de televisión, o investimento ficará compensado.

Miñarro contounos que RTVE non lle quixo mercar Uncle Boonmee. Tampouco O estranho caso de Angélica, a última longametraxe polo momento do incansábel Manoel de Oliveira. A televisión do estado, a mesma que gasta fortunas para emitir Piratas do Caribe, acordou que non era importante deixar cartos en proxectos de máis que evidente interese cultural –e cuxo prezo, escusamos dicilo, é bastante inferior ao das superproducións de Hollywood–. RTVE prefire apoiar a fráxil industria norteamericana –nótase a ironía?– que a produción propia, mesmo agora que non emite publicidade e que, en consecuencia, non debería obsesionarse cos consabidos índices de audiencia.

O problema do cinema español non é a piratería, senón a televisión. Ao sur do Minho existe un protocolo asinado entre o Instituto do Cinema e a RTP polo cal a televisión pública portuguesa participa nos proxectos subvencionados cunha achega adicional equivalente ao 20% da axuda concedida. Os filmes que reciben esta axuda pública non son moitos, pero todos teñen garantida a súa viabilidade económica. Non é un mal modelo a imitar. Aquí en Galicia, por exemplo.

Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia o venres 28 de xaneiro de 2011

Ningún comentario:

Publicar un comentario