Amosando publicacións coa etiqueta Jean-Luc Godard. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Jean-Luc Godard. Amosar todas as publicacións

venres, 18 de xullo de 2025

A derradeira película

La Petite Vendeuse de Soleil (Djbril Diop Mambety, 1999)

A edición número 33 do Curtas Vila do Conde, que se celebra estes días, dedica un suxestivo ciclo aos filmes finais de grandes cineastas que, por razóns moi diversas -«por mero acaso, ou por razões de saúde, por uma vontade de experimentação, por questões orçamentais ou por um afastamento progressivo dos centros de decisão», di o catálogo- resultaron ser curtametraxes. Non son poucos os exemplos, incluído o mestre de mestres, John Ford, cuxa filmografía remata con Chesty (1970), aproximación documental a un condecorado xeneral estadounidense a anos luz das longametraxes que o fixeron inmortal, ou King Vidor, quen pechou a súa obra con dúas curtas claramente á marxe, o ensaio sobre metafísica Truth and Illusion (1964) e o seu encontro co pintor Andrew Wyeth The Metaphor (1980).

A selección do Curtas abrangue case noventa anos a partir de 1936, data de realización de Le Retour à la Vie, a curta militante que co-realizou Germaine Dulac con Jean Brérault e François Moch para narrar como a filla dun agricultor convence o pai de investir os aforros e apoiar con espírito comunitario o relanzamento económico nun contexto de desemprego e crise no rural. Fascinante é Hello Out There (1949) do director de The Bride of Frankenstein James Whale, cuxa carreira xa declinara moito atrás, que aquí adapta un texto teatral de William Saroyan ambientado nun único escenario -unha prisión- e exaxera a súa natural tendencia ao expresionismo. 

Antes de iniciar a súa lendaria parzaría con Emeric Pressburger, o británico Michael Powell filmou en 1937 The Edge of the World en Foula, unha das Illas Shetland, que se inspiraba no despoboamento real doutro arquipélago escocés, St. Kilda. Catro décadas despois Powell regresou ao escenario da rodaxe xunto co actor protagonista, John Laurie, para se reencontraren coa veciñanza que colaborara na produción e crear unha sorte de autohomenaxe e/ou celebración do cinema, Return to the Edge of the World the World (1978), que inspira un feliz entusiasmo. Outro xenio maior, o alemán Douglas Sirk, redefiniu nos anos cincuenta as regras do melodrama por medio dunha colección impagábel de obras mestras –Magnificent Obsession, 1954; All That Heaven Allows, 1955; Imitation of Life, 1959, entre outras– que combinaban o atrevemento no manexo de materiais de alta carga sentimental coa habilidade para explorar as gretas da sociedade do seu tempo, do machismo á discriminación racial. Nos 70 realizou tres filmes con estudantes da escola de Alemaña na que daba aulas, entre eles Bourbon Street Blues (1979), que converte nunha maxistral rareza unha peza de Tennesse Williams ambientada nunha pensión de mala morte. Na conversa entre a caseira (Doris Schade), unha muller alcohólica (Annemarie Düringer) e un suposto escritor (Rainer Werner Fassbinder) desvélase a necesidade das ilusións, mesmo que foren imposíbeis, para resistir unha realidade sórdida, ou, como se pon en boca de Fassbinder, "non hai mentiras, excepto aquelas que alguén precisa para sobrevivir".

O senegalés Djibril Diop Mambéty retratou con ánimo transgresor e estilo rupturista o desencanto da xuventude poscolonial en Touki Bouki (1973), cuxa intrínseca mala uva reaparece con cotas aínda maiores de causticidade en Hyènes (1986). N'A pequena vendedora de Sol (1999) optou por un rexistro máis tenro sen renunciar ao espírito crítico a través dunha nena con problemas de mobilidade que se abre oco como vendedora ambulante de xornais entre os moito máis áxiles mozos que percorren as rúas co mesmo obxectivo. Estreado postumamente após a súa prematura morte por un cancro, a película é un canto de resistencia e disidencia dende a diversidade de contaxioso optimismo.

Tamén entran na categoría de póstumos o documental de Roberto Rossellini sobre o Centro Pompidou de París, Beaubourg, centre d'art et de culture (1977), enésima proba da emocionante fe do pai do neorrealismo no valor do coñecemento e da súa confianza no poder do audiovisual para a formación das masas; e por suposto o díptico de 2024 que cerra a obra magna de Jean-Luc Godard. Dunha banda está Exposé du Film Annoncé du Film "Scénario", a apaixonante descrición que fai o director francés aos seus colaboradores mediante unha serie de cartolinas ilustradas preparadas a man de como vai ser o futuro filme, Scénarios, a outra entrega do díptico, ou máis ben o que agora resta del, unha colaxe de imaxes e sons na liña do último Godard que contén, ademais, o derradeiro plano do cineasta vivo na véspera da súa voluntaria morte asistida.

Martin Pawley. Artigo publicado orixinalmente no Nós Diario o 18 de xullo de 2025, sexta feira. 

sábado, 30 de maio de 2015

O Godard dos planetarios

En xaneiro fun expresamente a Porto para ver o filme de Jean-Luc Godard Adieu au langage en 3D, unha oportunidade que en España quedaba vetada pois a distribuídora acordou poñer en circulación unicamente copias en 2D. Vin o filme dúas veces nunha mesma tarde, unha detrás da outra. Gustoume moito, diría que moito máis do que agardaba. Marabilloume a súa condición de catálogo de todo o que se pode facer coas imaxes tridimensionais, a exploración do que teñen de bo, do que teñen de malo, do que teñen de inútil. Vexo Adieu au langage coma unha experiencia esencialmente lúdica e sinto un total desinterese polas interpretacións semióticas do filme, quizais inducidas polo seu suxestivo título, aínda que polo que a min respecta nada cambiaría se se chamase O meu canciño Roxy. Godard lévanos a todos moita vantaxe e confeso que me gusta imaxinalo escachando de risa ante tantos comentarios esotéricos asociados aos seus filmes, el que tanto usa e abusa dos aforismos, uns máis precisos ca outros (eu agradezo que desta volta cite a Dirac e Riemann e se enrede en matemáticas avanzadas, aínda que só sexa coma provocación cara aos cinéfilos analfacientíficos). O que me interesa é o que Adieu ten de saúdo e non de despedida: o cineasta asume o 3D consciente de que o uso dunha nova ferramenta esixe unha nova linguaxe e entrégase con pracer a ese desafío. Traballou con diversas cámaras, experimentou con elas e encontrou resultados sublimes, coma eses dous antolóxicos desdobramentos da pantalla que provocan de maneira instantánea o sorriso do espectador; unha sorte de "chiste perceptivo" ou fabuloso gag visual, como ben escribiu Roger Koza. Godard ensaia coas distancias, xoga a poñer obxectos case molestos en primeiro plano mais tamén a filmar escenas de tridimensionalidade imposíbel, coma unhas nubes ao lonxe -a distancia aplana todo- ou as sombras de dous personaxes na estrada. O 3D, en efecto, ás veces non é máis ca unhas gafas incómodas. E recórdanos constantemente que a nosa visión 3D real non se parece en nada ao esaxerado hiperrealismo do cinema dixital que se limita a resaltar diferentes niveis de profundidade. Resulta que, polo menos para min, o 3D é máis confortábel e gratificante canto menos se parece ao 3D de Hollywood. As imaxes máis fermosas de Adieu au langage, as máis próximas á nosa visión real, son paradoxalmente as “menos realistas”, as máis saturadas de cor, as de peor resolución. Os planos de flores e, sobre todo, os da pila de auga, a imaxe insuperábel das follas que aboian nela ou a das mans que se introducen na auga: a presenza dun medio diferente achega un contraste incribelmente efectivo. Foi preciso pensar e experimentar para descubrir. Fíxoo un dos máis grandes creadores vivos.

O 1 de xuño fai trinta anos a Casa das Ciencias da Coruña. Para indicar o número de veces que estiven nela precisaría, con certeza, tres cifras. O planetario foi destino principal dunha parte non pequena das miñas visitas; a primeira, o día seguinte da inauguración. Imaxino que o programa era aquel de introdución á astronomía -era ese o título?- que ocupou a sala durante moitos anos, mais non teño un recordo claro desa primeira sesión, que se mestura na memoria con outras ducias na miña infancia e adolescencia. Nesa memoria conflúen voces, músicas, o crac-crac do paso dos carros de diapositivas, a lanterna-frecha para sinalar obxectos na cúpula...

A primeira vez que fun consciente das posibilidades audiovisuais dun planetario foi co programa Vía Láctea. Era o primeiro que eu vía -e en España era o primeiro a secas, probabelmente- que achegaba ás intencións máis convencionalmente didácticas outra clase de provocacións intelectuais. Había un guión coidado que integraba textos alleos -Lorca, Kavafis, Whitman-, unha música de altura, composta por Luis Delgado, e -sobre todo- un dobre efecto memorábel, case esquecido na vida moderna: a escuridade e o silencio. Na parte final, a locución dun fragmento do Canto de min mesmo na voz de Mercedes Sampietro interrompíase abruptamente; a sala do planetario quedaba sen luz e sen son por un momento e de súpeto viamos algo parecido a un lóstrego e, xusto despois, escoitabamos un trono. Tardaba aínda un tempiño en entrar o son da chuvia. O espectador saltaba do susto ao pracer e escapaba imaxinariamente do centro para sentirse “fóra”, ao aire libre. Os últimos seis ou sete minutos do programa carecían de voz en off e servían para constatar que o gozo é un recurso necesario -e a miúdo suficiente- para a divulgación.

Vin logo moitos outros programas de planetario e como é lóxico atopei de todo. Imposíbel esquecer o impacto da abxuración de Galileo no dedicado ao home que transformou a nosa visión do universo, aquel Mensajero de las estrellas que manexaba ben os recursos sonoros con intención narrativa (o ruído dun carro ao trasladarse para contar unha viaxe, por exemplo). Lembro a satisfacción que me produciu no seu día o emprego da música en Cita con Venus, con certo aire de pastiche radiofónico, mais tamén os excesos pirotécnicos de moitas outras producións. Lembro, sobre todo, a decepción que para min supuxo a introdución do proxector dixital, que achegaba novas posibilidades mais tamén eliminaba a sensación de escuridade, a máis poderosa virtude do planetario analóxico. Os primeiros anos do dixital trouxeron o uso masivo de imaxes creadas por ordenador: gañamos ruído e furia e perdemos verdade. De cando en cando aparecen solucións diferentes, artesanais e efectivas, caso de Bacteria mutante. O progreso tecnolóxico na imaxe dixital permiten hoxe facer vídeo de altísima resolución a baixo custo. A imaxe “real” vai ocupando un espazo maior nos programas de planetario -felizmente- e acabará por ser o recurso esencial incluso para o representación do ceo. Iso obriga a repensar a linguaxe audiovisual: para a pantalla semiesférica non valen todas as regras da pantalla plana, igual que para o 3D non valen todas as regras do 2D. Composicións que consideramos fermosas nun lenzo plano poden volverse horrendas nunha superficie curva. A estampa canónica do ceo e o mar separados pola liña do horizonte non serve nunha cúpula: ceo e mar convértense nunha parede monstrosa contemplada sen a perspectiva conveniente. A pantalla semiesférica esixe outros puntos de vista, outros movementos, outras regras. Máis alá da creación de efectos espectaculares, hai que “pensar” como debe ser unha imaxe para que resulte plástica nunha cúpula. Hai que pensar e experimentar para descubrir. Quen será o Godard dos programas de planetarios? 

Martin Pawley

domingo, 18 de maio de 2014

Entrevista a Jean-Luc Godard, o pardal pelexón

Dous días antes da estrea cannoise de Adieu au langage, Jean-Luc Godard concedeu unha entrevista exclusiva á RTS suíza que podedes ver aquí. Ofrecémosvos a continuación unha transcrición/tradución case literal dos contidos feita por Aguinaldo Fructuoso:

Xornalista: Jean-Luc Godard, bo día.
Jean-Luc Godard: Bo día.
X: En Cannes moitos comentan: Jean-Luc, ven! Que o que contesta?
JLG: Mais... non. Non, porque xa fun.
X: Se veñen buscalo aquí, aquí á porta, chegan en coche…
JLG: Non, espero que non… hehe.
X: Hehe. E eu trato de convencelo…
JLG: Non…
X: Que é o que fai falla para convencelo?
JLG: Mais, nada. Nada. Non hai máis que mirar o filme e…, dicir que se lle parece que está ben, pois… dicir que lle parece que está ben. E iso é todo.
X: A Palma, se lla traen aquí, aceptaraa de todos os xeitos.
JLG: Mmmm. Por espírito de contradición gustaríame máis que non haxa ningún premio. Que non se vexan obrigados a conceder un premio menor, "polo conxunto da súa carreira" ou cousas así, que hoxe considero despectivo. Mais, é...
X: Un premio polo conxunto da súa carreira, alí [sinala coa man] na cociña.
JLG: Mais xa mos deron. Cinco ou seis. Xa me deron cinco ou seis. Concedéronme incluso un Oscar, e cando o meu asesor fiscal mirouno díxome: Poderías regalarmo? Pois claro, díxenlle. Hehehe.
X: Hehehe.
JLG: Pois claro.
X: Quere decir que a Palma podería tamén regalala.
JLG: Pois claro. Penso que noutras épocas, hai trinta ou corenta anos, agardaba gañar a Palma, e ser…
X: Gustaríalle gañar a Palma daquela?
JLG: Naquela época si, porque ser… mais teríame prexudicado, seguro, e estou contento de evitar ese prexuízo hoxe.
X: Vostede ten orixes burgueses, como recordaba hai un intre, en calquera caso maternos: familia nobre de banqueiros, protestantes… Afectoulle isto, axudárono as súas orixes?
JLG: [Logo de acender con calma, como pensando ao mesmo tempo, o cigarro] Debo… Si… que había de calquera maneira… Ben, un ámbito estrito… ir á escola os domingos…
X: Unha educación, unha moi boa educación.
JLG: Boa e mala educación, pero había algo que… que eu mesmo, son máis libre hoxe, e que algunhas veces algúns aspectos da xuventude considéroos menos libres do que eu era nesa ausencia de liberdade daquela época.
X: Hai demasiada liberdade hoxe? É iso?
JLG: Mmmm… está neles, están un pouco perdidos. Cando tes un iPhone [sácao do bolso], estás só, e como estás só tes necesidade do outro, mais non hai ningún can entre os dous que corra de un a outro. SMS. Sabe o que quere dicir?
X: Mmmm. Mensaxe curto.
JLG: Non. Quere dicir: Save My Soul.
X: Vostede dixo algunha vez: “Eu son un xenio!”
JLG: Non, nunca …
X: Cando se é tan diferente dos outros, falabamos da mesma opinión, vostede ten unha marca de fábrica tan particular, cando se é tan diferente algunhas veces dise: “Eu son un xenio”. Non, si?
JLG: Non, diría… eu son o que se denomina na ciencia un autista de alto nivel. Mais eu prefiro dicir un autista das cune.., das cun…, dunha cuneta. Así é. [Aquí JLG xoga coa fonética de "haut niveau" e "caniveau"].
X: Cando vostede morra, o máis tarde posible, haberá …
JLG: Non, non necesariamente o máis tarde posible. Non.
X: Bon, vostede non ten présa.
JLG: Mmmm. Non estou ansioso de… de continuar á forza. Se enfermo, non teño ningunha gana de que me paseen nunha carretilla ou nunha… Non, de ningunha maneira.
X: Vostede vive nun país, Suíza, onde o suicidio asistido gañou moito terreo. Podería vostede recorrer a iso?
JLG: Si. Se... de momento é aínda moi difícil. Recentemente Europa condenou a Suíza en relación cunha muller que non tiña nada pero quería desaparecer. E os médicos dixeron: non, é necesario que vostede sufra de algo. Mentres que as normas europeas autorizan iso. Eu comento con frecuencia co meu médico, meu avogado: se chego a pedirvos barbitur…, non sei como se chama, ou morfina ou algo así... daríanmo? Non tiven, aínda, unha resposta fa…
X: Que lle di o médico?
JLG: …favorable.
X: Hehehe.
JLG: Hehehe.
X: Aos que non lles gusta, din: Godard burlase de nós. Despois de… cantos decenios? Bastantes? Divírtelle, gústalle, amólalle?
JLG: Si, a min gústanme as refregas, ou o que se chamaba antes a… a disputa. Cando estaba nos scouts en Nyon o meu alcume era, como se di? meu tótem ou non sei que, era "pardal pelexón". Si, está moi ben. Si.
X: Contradicir sempre. Creo que era Valéry que dicía “pensar contra”.
JLG: Así é, pensar contra. Contradición. Unha dicción contra. Outra dicción.
X: Súa muller Anne-Marie dicía que na súa tumba habería que poñer: Ao contrario.
JLG: Ao contrario, si.
X: Grazas Jean-Luc Godard.
JLG: Grazas a vostede.

Tradución de Aguinaldo Fructuoso.

domingo, 2 de xaneiro de 2011

Sempre Godard

Lonxe de desaparecer da escena, a figura de Jean-Luc Godard crece co tempo. Os exemplos son abundantes: estudos, artigos, edicións en DVD -a labor cada vez máis exhaustiva de Intermedio, mediante a incorporación das sucesivas pezas que axudan a cartografiar o seu universo: Ficcións, Ensaios, a produción realizada na etapa militante Dziga Vertov, a propia edición hai uns anos de Histoire(s) du cinéma-, o Oscar especial recibido, o seu 80 aniversario, a distribución do último título, Film: Socialismo, no noso país e publicacións españolas recentes (escritas) como Pensar entre imágenes de Nuria Aidelman e Gonzalo de Lucas e ésta de Natalia Ruiz, síntese da súa brillante tese doctoral dirixida polo historiador e catedrático de Comunicación Audiovisual Santos Zunzunegui, editada polo servicio de Publicacións da Universidade do País Vasco e auténtica guía de lectura -noble intención- dunha das obras magnas da Historia do cine.

Máis compendio que revisión, o traballo de Natalia Ruiz, dividido en dúas partes (ideas e conceptos; análise de fragmentos específicos), servese de presenzas de luxo -de Didi-Huberman a Malraux, de Baudelaire, Hitchcock ou Pasolini a Walter Benjamin- e un impresionante dispositivo de referencias, citas (443 notas!), postulados estéticos e narrativos do mesmo Godard, ademais de paseos polos nomes que conforman a obra, nunha operación paralela á que plantexa Godard nas máis de catro torrenciais horas que posúen os catro capítulos -cos seus subapartados- do filme.

Como di o propio Godard en conversa con Serge Daney, o mítico crítico francés, "a miña hipótese de traballo en relación á Historia do cine é que o cine é o último capítulo da historia da arte dun certo tipo de civilización indoeuropea". Esta valoración coa que xurde tal filme exploratorio permite experimentar un programa doble estimulante -a pesar dos excesos academicistas do libro-, outra proteica maneira de adentrarse nos meandros da creatividade do máis salvaxe dos membros da Nouvelle Vague.

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o domingo 2 de xaneiro de 2011