Amosando publicacións coa etiqueta Casa das Ciencias. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Casa das Ciencias. Amosar todas as publicacións

sábado, 24 de maio de 2025

Planetarios, os teatros das estrelas

O 7 de maio de 1925 abriu ao público o planetario de Munich, a primeira sala especificamente deseñada para falar de astronomía por medio da simulación dun ceo estrelado. Cen anos despois hai máis de catro mil planetarios en activo en todo o mundo que asumen o seu papel central na divulgación científica mais tamén como espazos idóneos para as artes audiovisuais de vangarda. Ese espírito inspira a Casa das Ciencias da Coruña, unha referencia europea de divulgación e creación a punto de facer 40 anos.
É unha ironía do destino que os planetarios, que por culpa da contaminación luminosa son para boa parte da humanidade o último reduto para aprender como é un ceo escuro, existan grazas ao esforzo dun home que fixo fortuna no negocio da produción e distribución de electricidade: a tecnoloxía cuxo mal uso nos roubou o firmamento real favoreceu a invención de firmamentos de mentira. O enxeñeiro alemán Oskar von Miller, pioneiro na explotación da enerxía hidroeléctrica, ía camiño dos cincuenta anos cando en 1903 matinou a posta en marcha dun museo de ciencia que servira para expor as grandes achegas da técnica do pasado e o presente. Aquel soño foi o gromo do que emerxeu, dúas décadas despois, o Deutsches Museum de Munich, que non deixou de medrar para presumir hoxe de ser o maior do mundo no ámbito da ciencia e a tecnoloxía. O museo empezou a existir a partir de 1906 en espazos provisionais e foi gañando prestixio como centro de coñecemento cos seus dioramas e demostracións experimentais, para ir pouco a pouco armando o obxectivo final de posuír un edificio propio á altura das ambicións. O camiño non foi sinxelo, coa Gran Guerra de por medio e os cambios radicais que trouxo na xeopolítica mundial, mais o museo acabou por ser unha realidade en 1925, o 7 de maio, o día que Oskar von Miller facía 70 anos. E dentro do museo había un planetario, mais a fascinante historia de como se inventou comeza moito antes e tivo o cinema como inspiración (...)

Martin Pawley. Artigo completo publicado no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario do sábado 24 de maio de 2025. As persoas subscritoras poden lelo completo en liña no sitio web do xornal.

sábado, 30 de maio de 2015

O Godard dos planetarios

En xaneiro fun expresamente a Porto para ver o filme de Jean-Luc Godard Adieu au langage en 3D, unha oportunidade que en España quedaba vetada pois a distribuídora acordou poñer en circulación unicamente copias en 2D. Vin o filme dúas veces nunha mesma tarde, unha detrás da outra. Gustoume moito, diría que moito máis do que agardaba. Marabilloume a súa condición de catálogo de todo o que se pode facer coas imaxes tridimensionais, a exploración do que teñen de bo, do que teñen de malo, do que teñen de inútil. Vexo Adieu au langage coma unha experiencia esencialmente lúdica e sinto un total desinterese polas interpretacións semióticas do filme, quizais inducidas polo seu suxestivo título, aínda que polo que a min respecta nada cambiaría se se chamase O meu canciño Roxy. Godard lévanos a todos moita vantaxe e confeso que me gusta imaxinalo escachando de risa ante tantos comentarios esotéricos asociados aos seus filmes, el que tanto usa e abusa dos aforismos, uns máis precisos ca outros (eu agradezo que desta volta cite a Dirac e Riemann e se enrede en matemáticas avanzadas, aínda que só sexa coma provocación cara aos cinéfilos analfacientíficos). O que me interesa é o que Adieu ten de saúdo e non de despedida: o cineasta asume o 3D consciente de que o uso dunha nova ferramenta esixe unha nova linguaxe e entrégase con pracer a ese desafío. Traballou con diversas cámaras, experimentou con elas e encontrou resultados sublimes, coma eses dous antolóxicos desdobramentos da pantalla que provocan de maneira instantánea o sorriso do espectador; unha sorte de "chiste perceptivo" ou fabuloso gag visual, como ben escribiu Roger Koza. Godard ensaia coas distancias, xoga a poñer obxectos case molestos en primeiro plano mais tamén a filmar escenas de tridimensionalidade imposíbel, coma unhas nubes ao lonxe -a distancia aplana todo- ou as sombras de dous personaxes na estrada. O 3D, en efecto, ás veces non é máis ca unhas gafas incómodas. E recórdanos constantemente que a nosa visión 3D real non se parece en nada ao esaxerado hiperrealismo do cinema dixital que se limita a resaltar diferentes niveis de profundidade. Resulta que, polo menos para min, o 3D é máis confortábel e gratificante canto menos se parece ao 3D de Hollywood. As imaxes máis fermosas de Adieu au langage, as máis próximas á nosa visión real, son paradoxalmente as “menos realistas”, as máis saturadas de cor, as de peor resolución. Os planos de flores e, sobre todo, os da pila de auga, a imaxe insuperábel das follas que aboian nela ou a das mans que se introducen na auga: a presenza dun medio diferente achega un contraste incribelmente efectivo. Foi preciso pensar e experimentar para descubrir. Fíxoo un dos máis grandes creadores vivos.

O 1 de xuño fai trinta anos a Casa das Ciencias da Coruña. Para indicar o número de veces que estiven nela precisaría, con certeza, tres cifras. O planetario foi destino principal dunha parte non pequena das miñas visitas; a primeira, o día seguinte da inauguración. Imaxino que o programa era aquel de introdución á astronomía -era ese o título?- que ocupou a sala durante moitos anos, mais non teño un recordo claro desa primeira sesión, que se mestura na memoria con outras ducias na miña infancia e adolescencia. Nesa memoria conflúen voces, músicas, o crac-crac do paso dos carros de diapositivas, a lanterna-frecha para sinalar obxectos na cúpula...

A primeira vez que fun consciente das posibilidades audiovisuais dun planetario foi co programa Vía Láctea. Era o primeiro que eu vía -e en España era o primeiro a secas, probabelmente- que achegaba ás intencións máis convencionalmente didácticas outra clase de provocacións intelectuais. Había un guión coidado que integraba textos alleos -Lorca, Kavafis, Whitman-, unha música de altura, composta por Luis Delgado, e -sobre todo- un dobre efecto memorábel, case esquecido na vida moderna: a escuridade e o silencio. Na parte final, a locución dun fragmento do Canto de min mesmo na voz de Mercedes Sampietro interrompíase abruptamente; a sala do planetario quedaba sen luz e sen son por un momento e de súpeto viamos algo parecido a un lóstrego e, xusto despois, escoitabamos un trono. Tardaba aínda un tempiño en entrar o son da chuvia. O espectador saltaba do susto ao pracer e escapaba imaxinariamente do centro para sentirse “fóra”, ao aire libre. Os últimos seis ou sete minutos do programa carecían de voz en off e servían para constatar que o gozo é un recurso necesario -e a miúdo suficiente- para a divulgación.

Vin logo moitos outros programas de planetario e como é lóxico atopei de todo. Imposíbel esquecer o impacto da abxuración de Galileo no dedicado ao home que transformou a nosa visión do universo, aquel Mensajero de las estrellas que manexaba ben os recursos sonoros con intención narrativa (o ruído dun carro ao trasladarse para contar unha viaxe, por exemplo). Lembro a satisfacción que me produciu no seu día o emprego da música en Cita con Venus, con certo aire de pastiche radiofónico, mais tamén os excesos pirotécnicos de moitas outras producións. Lembro, sobre todo, a decepción que para min supuxo a introdución do proxector dixital, que achegaba novas posibilidades mais tamén eliminaba a sensación de escuridade, a máis poderosa virtude do planetario analóxico. Os primeiros anos do dixital trouxeron o uso masivo de imaxes creadas por ordenador: gañamos ruído e furia e perdemos verdade. De cando en cando aparecen solucións diferentes, artesanais e efectivas, caso de Bacteria mutante. O progreso tecnolóxico na imaxe dixital permiten hoxe facer vídeo de altísima resolución a baixo custo. A imaxe “real” vai ocupando un espazo maior nos programas de planetario -felizmente- e acabará por ser o recurso esencial incluso para o representación do ceo. Iso obriga a repensar a linguaxe audiovisual: para a pantalla semiesférica non valen todas as regras da pantalla plana, igual que para o 3D non valen todas as regras do 2D. Composicións que consideramos fermosas nun lenzo plano poden volverse horrendas nunha superficie curva. A estampa canónica do ceo e o mar separados pola liña do horizonte non serve nunha cúpula: ceo e mar convértense nunha parede monstrosa contemplada sen a perspectiva conveniente. A pantalla semiesférica esixe outros puntos de vista, outros movementos, outras regras. Máis alá da creación de efectos espectaculares, hai que “pensar” como debe ser unha imaxe para que resulte plástica nunha cúpula. Hai que pensar e experimentar para descubrir. Quen será o Godard dos programas de planetarios? 

Martin Pawley