Amosando publicacións coa etiqueta Aguinaldo Fructuoso. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Aguinaldo Fructuoso. Amosar todas as publicacións

domingo, 18 de maio de 2014

Entrevista a Jean-Luc Godard, o pardal pelexón

Dous días antes da estrea cannoise de Adieu au langage, Jean-Luc Godard concedeu unha entrevista exclusiva á RTS suíza que podedes ver aquí. Ofrecémosvos a continuación unha transcrición/tradución case literal dos contidos feita por Aguinaldo Fructuoso:

Xornalista: Jean-Luc Godard, bo día.
Jean-Luc Godard: Bo día.
X: En Cannes moitos comentan: Jean-Luc, ven! Que o que contesta?
JLG: Mais... non. Non, porque xa fun.
X: Se veñen buscalo aquí, aquí á porta, chegan en coche…
JLG: Non, espero que non… hehe.
X: Hehe. E eu trato de convencelo…
JLG: Non…
X: Que é o que fai falla para convencelo?
JLG: Mais, nada. Nada. Non hai máis que mirar o filme e…, dicir que se lle parece que está ben, pois… dicir que lle parece que está ben. E iso é todo.
X: A Palma, se lla traen aquí, aceptaraa de todos os xeitos.
JLG: Mmmm. Por espírito de contradición gustaríame máis que non haxa ningún premio. Que non se vexan obrigados a conceder un premio menor, "polo conxunto da súa carreira" ou cousas así, que hoxe considero despectivo. Mais, é...
X: Un premio polo conxunto da súa carreira, alí [sinala coa man] na cociña.
JLG: Mais xa mos deron. Cinco ou seis. Xa me deron cinco ou seis. Concedéronme incluso un Oscar, e cando o meu asesor fiscal mirouno díxome: Poderías regalarmo? Pois claro, díxenlle. Hehehe.
X: Hehehe.
JLG: Pois claro.
X: Quere decir que a Palma podería tamén regalala.
JLG: Pois claro. Penso que noutras épocas, hai trinta ou corenta anos, agardaba gañar a Palma, e ser…
X: Gustaríalle gañar a Palma daquela?
JLG: Naquela época si, porque ser… mais teríame prexudicado, seguro, e estou contento de evitar ese prexuízo hoxe.
X: Vostede ten orixes burgueses, como recordaba hai un intre, en calquera caso maternos: familia nobre de banqueiros, protestantes… Afectoulle isto, axudárono as súas orixes?
JLG: [Logo de acender con calma, como pensando ao mesmo tempo, o cigarro] Debo… Si… que había de calquera maneira… Ben, un ámbito estrito… ir á escola os domingos…
X: Unha educación, unha moi boa educación.
JLG: Boa e mala educación, pero había algo que… que eu mesmo, son máis libre hoxe, e que algunhas veces algúns aspectos da xuventude considéroos menos libres do que eu era nesa ausencia de liberdade daquela época.
X: Hai demasiada liberdade hoxe? É iso?
JLG: Mmmm… está neles, están un pouco perdidos. Cando tes un iPhone [sácao do bolso], estás só, e como estás só tes necesidade do outro, mais non hai ningún can entre os dous que corra de un a outro. SMS. Sabe o que quere dicir?
X: Mmmm. Mensaxe curto.
JLG: Non. Quere dicir: Save My Soul.
X: Vostede dixo algunha vez: “Eu son un xenio!”
JLG: Non, nunca …
X: Cando se é tan diferente dos outros, falabamos da mesma opinión, vostede ten unha marca de fábrica tan particular, cando se é tan diferente algunhas veces dise: “Eu son un xenio”. Non, si?
JLG: Non, diría… eu son o que se denomina na ciencia un autista de alto nivel. Mais eu prefiro dicir un autista das cune.., das cun…, dunha cuneta. Así é. [Aquí JLG xoga coa fonética de "haut niveau" e "caniveau"].
X: Cando vostede morra, o máis tarde posible, haberá …
JLG: Non, non necesariamente o máis tarde posible. Non.
X: Bon, vostede non ten présa.
JLG: Mmmm. Non estou ansioso de… de continuar á forza. Se enfermo, non teño ningunha gana de que me paseen nunha carretilla ou nunha… Non, de ningunha maneira.
X: Vostede vive nun país, Suíza, onde o suicidio asistido gañou moito terreo. Podería vostede recorrer a iso?
JLG: Si. Se... de momento é aínda moi difícil. Recentemente Europa condenou a Suíza en relación cunha muller que non tiña nada pero quería desaparecer. E os médicos dixeron: non, é necesario que vostede sufra de algo. Mentres que as normas europeas autorizan iso. Eu comento con frecuencia co meu médico, meu avogado: se chego a pedirvos barbitur…, non sei como se chama, ou morfina ou algo así... daríanmo? Non tiven, aínda, unha resposta fa…
X: Que lle di o médico?
JLG: …favorable.
X: Hehehe.
JLG: Hehehe.
X: Aos que non lles gusta, din: Godard burlase de nós. Despois de… cantos decenios? Bastantes? Divírtelle, gústalle, amólalle?
JLG: Si, a min gústanme as refregas, ou o que se chamaba antes a… a disputa. Cando estaba nos scouts en Nyon o meu alcume era, como se di? meu tótem ou non sei que, era "pardal pelexón". Si, está moi ben. Si.
X: Contradicir sempre. Creo que era Valéry que dicía “pensar contra”.
JLG: Así é, pensar contra. Contradición. Unha dicción contra. Outra dicción.
X: Súa muller Anne-Marie dicía que na súa tumba habería que poñer: Ao contrario.
JLG: Ao contrario, si.
X: Grazas Jean-Luc Godard.
JLG: Grazas a vostede.

Tradución de Aguinaldo Fructuoso.

domingo, 5 de xaneiro de 2014

Declaramos deserto o II Premio Acto de Primavera

Foron 26 os críticos e xornalistas especializados galegos consultados para elixir o II Premio Acto de Primavera. A resposta este ano non pode inspirar satisfacción: só dez persoas emitiron os seus votos e catro máis contestaron para declinar a participación. É menos da metade dos votos efectivos recibidos o ano pasado, algo que obriga a unha reflexión serena, e en consecuencia non podemos considerar o resultado representativo e vinculante, razón pola cal acordamos declarar deserta a II Edición do Premio Acto de Primavera. Con todo, e a título meramente informativo, publicamos a listaxe final dos filmes por orde de puntuación:

1. Costa da Morte (Lois Patiño), 23 puntos, 7 mencións.
2. VidaExtra (Ramiro Ledo), 21 puntos, 7 mencións.
3. Une histoire seule (Xurxo Chirro e Aguinaldo Fructuoso), 18 puntos, 5 mencións.
4. O quinto evanxeo de Gaspar Hauser (Alberto Gracia), 15 puntos, 5 mencións.
5. La imagen arde (Lois Patiño), 10 puntos, 3 mencións.
El árbol magnetico (Isabel de Ayguavives), 10 puntos, 2 mencións.
7. El triste olor de la carne (Cristóbal Arteaga), 8 puntos, 3 mencións.
8. Fomos ficando sós (Miguel Mariño), 5 puntos, 2 mencións.
A realidade (Alberte Pagán), 5 puntos, 2 mencións.
Cova alumada (Xurxo Chirro), 5 puntos, 1 mención.
O ouro do tempo (Xabier Bermúdez), 5 puntos, 1 mención.
12. Entre Paradas (Toño Chouza), 4 puntos, 1 mención.
El rayo (Fran Araujo e Ernesto de Nova), 4 puntos, 1 mención.
14. Pettring (Eloy Domínguez Serén), 3 puntos, 1 mención.
Encallados (Alfonso Zarauza), 3 puntos, 1 mención.
16. O sangue do unicornio (Alberto Vázquez), 2 puntos, 1 mención.
Calquera infinito posible (Roi Fernández), 2 puntos, 1 mención.
18. Toñito Blanco (Nico Campos), 1 punto, 1 mención.
Ínsula (David Castro), 1 punto, 1 mención.
Acto de inverno (Eloy Domínguez Serén), 1 punto, 1 mención.