venres, 18 de xullo de 2025

A derradeira película

La Petite Vendeuse de Soleil (Djbril Diop Mambety, 1999)

A edición número 33 do Curtas Vila do Conde, que se celebra estes días, dedica un suxestivo ciclo aos filmes finais de grandes cineastas que, por razóns moi diversas -«por mero acaso, ou por razões de saúde, por uma vontade de experimentação, por questões orçamentais ou por um afastamento progressivo dos centros de decisão», di o catálogo- resultaron ser curtametraxes. Non son poucos os exemplos, incluído o mestre de mestres, John Ford, cuxa filmografía remata con Chesty (1970), aproximación documental a un condecorado xeneral estadounidense a anos luz das longametraxes que o fixeron inmortal, ou King Vidor, quen pechou a súa obra con dúas curtas claramente á marxe, o ensaio sobre metafísica Truth and Illusion (1964) e o seu encontro co pintor Andrew Wyeth The Metaphor (1980).

A selección do Curtas abrangue case noventa anos a partir de 1936, data de realización de Le Retour à la Vie, a curta militante que co-realizou Germaine Dulac con Jean Brérault e François Moch para narrar como a filla dun agricultor convence o pai de investir os aforros e apoiar con espírito comunitario o relanzamento económico nun contexto de desemprego e crise no rural. Fascinante é Hello Out There (1949) do director de The Bride of Frankenstein James Whale, cuxa carreira xa declinara moito atrás, que aquí adapta un texto teatral de William Saroyan ambientado nun único escenario -unha prisión- e exaxera a súa natural tendencia ao expresionismo. 

Antes de iniciar a súa lendaria parzaría con Emeric Pressburger, o británico Michael Powell filmou en 1937 The Edge of the World en Foula, unha das Illas Shetland, que se inspiraba no despoboamento real doutro arquipélago escocés, St. Kilda. Catro décadas despois Powell regresou ao escenario da rodaxe xunto co actor protagonista, John Laurie, para se reencontraren coa veciñanza que colaborara na produción e crear unha sorte de autohomenaxe e/ou celebración do cinema, Return to the Edge of
the World (1978), que inspira un feliz entusiasmo. Outro xenio maior, o alemán Douglas Sirk, redefiniu nos anos cincuenta as regras do melodrama por medio dunha colección impagábel de obras mestras –
Magnificent Obsession, 1954; All That Heaven Allows, 1955; Imitation of Life, 1959, entre outras– que combinaban o atrevemento no manexo de materiais de alta carga sentimental coa habilidade para explorar as gretas da sociedade do seu tempo, do machismo á discriminación racial. Nos 70 realizou tres
filmes con estudantes da escola de Alemaña na que daba aulas, entre eles Bourbon Street Blues (1979), que converte nunha maxistral rareza unha peza de Tennesse Williams ambientada nunha pensión de mala morte. Na conversa entre a caseira (Doris Schade), unha muller alcohólica (Annemarie Düringer) e un suposto escritor (Rainer Werner Fassbinder) desvélase a necesidade das ilusións, mesmo que foren imposíbeis, para resistir unha realidade sórdida, ou, como se pon en boca de Fassbinder, "non hai mentiras, excepto aquelas que alguén precisa para sobrevivir".

O senegalés Djibril Diop Mambéty retratou con ánimo transgresor e estilo rupturista o desencanto da xuventude poscolonial en Touki Bouki (1973), cuxa intrínseca mala uva reaparece con cotas aínda maiores de causticidade en Hyènes (1986). N'A pequena vendedora de Sol (1999) optou por un rexistro
máis tenro sen renunciar ao espírito crítico a través dunha nena con problemas de mobilidade que se abre oco como vendedora ambulante de xornais entre os moito máis áxiles mozos que percorren as rúas co mesmo obxectivo. Estreado postumamente após a súa prematura morte por un cancro, a película é un canto de resistencia e disidencia dende a diversidade de contaxioso optimismo.

Tamén entran na categoría de póstumos o documental de Roberto Rossellini sobre o Centro Pompidou de París, Beaubourg, centre d'art et de culture (1977), enésima proba da emocionante fe do pai do neorrealismo no valor do coñecemento e da súa confianza no poder do audiovisual para a formación das masas; e por suposto o díptico de 2024 que cerra a obra magna de Jean-Luc Godard. Dunha banda está Exposé du Film Annoncé du Film "Scénario", a apaixonante descrición que fai o director francés aos
seus colaboradores mediante unha serie de cartolinas ilustradas preparadas a man de como vai ser o futuro filme, Scénarios, a outra entrega do díptico, ou máis ben o que agora resta del, unha colaxe de imaxes e sons na liña do último Godard que contén, ademais, o derradeiro plano do cineasta vivo na véspera da súa voluntaria morte asistida.

Martin Pawley. Artigo publicado orixinalmente no Nós Diario o 18 de xullo de 2025, sexta feira. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario