Os cineastas que suscriben, participantes nas V Xornadas do cine en Ourense reafirmamos como obxetivo fundamental e principal de ser destas Xornadas o artellamento dunha infraestructura de produción e distribución do cine galego contratada do seguinte xeito:
A/ PRODUCIÓN: cómpre no momento presente edificar as bases materiales (financiación, equipos de filmación, montaxe e sonorización, etc...) e organizativas (plataforma de traballo unificada) pra unha produción dirixida fundamentalmente ós 16 mm., entendendo este formato como o máis económico e o máis perto da realidade socio-política e cultural de Galicia. Consideramos igualmente válida pro desenrolo desta cinematografía os canles super-8 mm. (aprendizaxe, experimentación) e o de 35 mm. ante a perspectiva dunha eventual entrada en circuitos comerciales até agora vedados, que permitirán realizar as aspiracións estéticas e políticas do cine galego como escola de técnicos e traballadores que facilite a independencia industrial da futura infraestructura.
B/ DISTRIBUCIÓN: de acordo co manifestado no punto anterior e o publicado no programa das V Xornadas, aparece igualmente como obxetivo central a orgaización dunha rede de distribución paralela en conexión con tele-clubs, cine-clubs, asociacións de veciños e culturais, etc... que permitan superar as limitacións dos monopolios de distribución en Galicia. Ademáis Portugal e Brasil polas suas concomitancias culturais e lingüísticas han de ser ámbitos naturales do noso cine,
C/ Entendemos que a t. v. galega será unha saida natural de produción cinematográfica e dos traballadores do cine. Queremos, por outra banda denunciar os atrancos e os controles a que está sendo sometida.
D/ Esiximos o fin de tódalas dificultades burocráticas e administrativas que permanentemente atopa o noso cine (necesidade dunha versión castelá prao pase de censura, permisos gubernativos de eshibición...) e a desaparición da mesma censura e de todo tipo de atranco á libertade de espresión.
E/ No referente á forma de espresión afirmamos que a efectividade operativa -estética, política e ideolóxica-do cine galego pasa antes de nada pola resolución dun problema de espresión cinematográfica que permita materializar a comunicación cine-público.
F/ O noso cine pra selo basearase na total libertade de creación, o que admite, por suposto a utilización do medio como instrumento de militancia política.
G/ Prantexamos a orgaización desta cinematografía como un proceso crítico e auto-crítico plenamente aberto a todo o que non sexa burocratización, dogmatismo dirixista ou, por outro lado, absentismo ou desinterés.
H/ Obviamente a língoa e cultura galegas, como elementos do discurso fílmico, deberían ser completamente normalizadas pro desenvolvemento integral do noso cine.
I/ Facemonos solidarios das reivindicacións políticas e culturais do resto das nacionalidades do Estado Español cas que a nivel de cine estamos dispostos a colaborar na produción, distribución i eshibición.
Asinantes: Manuel Abad, Enrique Baxeiras, Manuel Castelao, Miguel Castelo, Luis Gayol, Javier Iglesias, Cesar A. Molina, Maruchi Olmo, Modesto Pena, Carlos L. Piñeiro, Victor Ruppen, Francisco Taxes, Xavier Villaverde.
Tomado do caderno "Escolma do cine galego" publicado pola Asociación Xuvenil Abertal en 1980. As V Xornadas de Cine de Ourense celebráronse no mes de abril de 1977.
Ningún comentario:
Publicar un comentario