A Revista Luzes propúxome para o seu
número de novembro votar nunha enquisa para escoller os mellores
filmes dos últimos 25 anos en Galicia. A miña votación foi acompañada
dunhas parénteses minimamente explicativas que intentaban xustificar a
miña peneira. Como estas glosas non foron finalmente incorporadas, aproveito
este artigo para desenvolver as ideas e argumentar dunha maneira máis
científica as decisións tomadas. Asemade, busco evitar certo escurantismo cheo de intereses e renuncias que mingua
considerablemente o que na actualidade se dá en chamar crítica
cinematográfica galega.
Bs. As. (valor fundacional)
Cando
aínda se cría para o cinema galego no modelo que comezou con Sempre Xonxa, Urxa e Continental en 2006 apareceu esta película de Alberte Pagán
que anunciaba que outro tipo de cinema era posible. Cine de vangarda que
con medios reducidos exploraba as posibilidades do medio sen esquecer
as singularidades culturais galegas. Para 2031 haberá que facer outra
exposición para saber toda a xenealoxía que deu de si esta “pedra de
toque”.
Todos vos sodes capitáns (valor histórico)
O que fixo
Oliver Laxe con esta película ten que estar en letras maiúsculas na
historia do cinema galego. Participar no Festival de Cannes e virse co
premio FIPRESCI foi un logro impensable para unha cinematografía tan
pequena e marxinal como a galega. Quizais naquela altura colleunos a todos nós por sorpresa mais agora hai que recorrer a ela como a mellor das
cartas de presentación para as cousas distintas que se estaban a facer
en Galicia. A sombra de Laxe é moi, moi, alongada.
Gato encerrado (valor significante)
Probablemente
Peque Varela sexa a cineasta con máis talento das últimas promocións de
creadores que alzaron a súa voz no cinema galego. Os poucos minutos que
dura a súa cinematografía valen o seu peso en ouro. Se en 1977 facía un
proceso de introspección persoal con Gato encerrado cambiou de sentido e
ergueu un proxecto con perspectivas globais que afonda nas disparidades
do decorrer actual da humanidade. Isto non é “moco de pavo”.
O quinto evanxeo de Gaspar Hauser (valor experimental)
Hai
quen pensa que o cinema unicamente se pode valorar polo valor do lastre
narrativo que o emparenta coa literatura. Nos últimos anos en Galicia
apareceron filmes liberados destes prexuízos conservadores e que fixeron
aos espectadores máis intelixentes. O filme de Alberto Gracia é o summum desa revolución. Unha proposta formal contundente e hipnótica que
evidencia as condicións primixenias que move calquera experiencia
cinematográfica desde as súas orixes.
Costa da Morte (valor promocional)
A
longametraxe de Lois Patiño é o filme galego con maior proxección
internacional. Participou nunha chea de festivais e conseguiu moitos
premios. A todo isto hai que engadirlle que foi causa do debate
cinematográfico máis acendido que se lembra en Galicia nos últimos
tempos. Mais creo que tanto os defensores como os que o deostan
coinciden en que é un excelente vehículo para dar a coñecer as nosas
miserias e virtudes como habitantes dun territorio que chamamos Galicia.
Xurxo González
Ningún comentario:
Publicar un comentario