luns, 19 de xaneiro de 2015

Birdman o (La inesperada virtud de la ignorancia)

Por diversos e estraños motivos recalei na última película de Iñárritu. Non volvera ver nada deste director desde que Guillermo Arriaga deixara de colaborar con el como guionista. Malia que xa non me atopei cunha narración en forma de mecano si hai certa retórica na enunciación nunha especie de plano secuencia falseado conducido a ritmo de jazz. Birdman o (La inesperada virtud de la ignoracia) conta a historia dun actor de cinema de acción (un fenomenal Michael Keaton) que intenta esquecer o seu pasado encarnando a un súper-heroe erguendo unha obra de teatro en Broadway. Distintos sucesos durante as preestreas irán minguando a súa saúde mental e chega ao debut nun estado anímico enormemente alterado, incapaz de discernir entre a realidade e a ficción. Birdman pode sumarse a esa tipoloxía de filmes que desvelan as tripas do teatro (Eva al desnudo, Vania en la Calle 42) nos que sae o atractivo das capas do artificio. Quizais o máis destacable, por indignante, é a tese que defende Iñárritu ao poñer en colisión o mundo da arte (teatro) e o mundo da industria (cinema de acción) non confiando na documentación da representación e recorrendo á espectacularidade do artefacto. Iñárritu non posúe a “virtude da sabedoría” dun Mankiewicz, dun Malle, dun Godard ou dun Oliveira; nótase certa vinganza infantil sobre a figura dos críticos e apunta certa valoración da arte baseada nos sacrificios depositados nela. E toda esta “mala baba” bótase desde unha proposta inocua e “aburrida”, segundo o pico do alter-ego de Keaton, no que supón un xogo hipócrita de “bandeira amiga”. Curiosamente saín do cinema pensando noutro filme que trata cousas semellantes: El último gran héroe. Mais a Iñárritu fáltalle a ironía e intelixencia de McTiernan. Nota: 5/10
Xurxo González

4 comentarios:

  1. Penso que o único que me gustou de BIRDMAN é o rostro de Emma Stone ao final do filme, o único momento medianamente sutil dun filme que opta dende o minuto un polo ruído e a furia. Coma retrato dos egos actorais carece diso que os ingleses chaman "wit" (que si teñen, claro, algúns dos exemplos que citan). E o personaxe da crítica é escandalosamente tosco.

    ResponderEliminar
  2. A conversa entre pai e filla sobre a ausencia deste nas redes socias e o seu desprezo aos bloggers merece entrar no top 5 dos peores diálogos da historia do cine. E Iñárritu vai en caída libre expoñencial dende 27 gramos: Babel era paulocoellhismo cosmopolita, Biutiful, tremendismo de revista de tendencias, e esta Birdman ten a pretensión non disimulada de ser a fusión definitiva entre o comercial e o autoral e acaba sendo un compendio dos peores vicios de ambas cousas.

    ResponderEliminar
  3. Non quixera desvelar o final, mais xusto nese punto está o meu interese: que é o que olla a filla do protagonista? Dase aquí unha saída facilona para o argumento sobre alguén pasado de voltas ou é un alegato en favor da maxia?

    ResponderEliminar
  4. Non sabería dicir, mais si me parece que ese ollar da filla final entra en contradición cos "excesos aéreos" do resto do filme...

    ResponderEliminar