Agradecín especialmente o capítulo no que se ocupan de como a ciencia non está libre de pecados nin de condicionamentos. Que a ciencia en conxunto tenda a funcionar ben non significa que sempre funcione ben, e así é bo ter claro que por rigorosos que sexan os procedementos de comprobación "non hai unha forma segura de que unha persoa saiba, sen sombra de dúbida, que un artigo científico é correcto" e polo xeral, no mellor dos casos, o que podemos agardar é que sexa "lexítimo", entendendo por tal que foi escrito de boa fe, se fixo coas metodoloxías axeitadas e foi tomado en serio pola comunidade científica correspondente. A ciencia pode fallar e iso é bo: está permanentemente sometida a comprobación. Non hai que asustarse polas revisións, correccións e retractacións. O éxito da ciencia está na súa falibilidade.
Os dous capítulos finais son particularmente prácticos. O décimo, "Señalar el bullshit", enumera estratexias útiles para identificar as trapalladas: cuestionar as fontes de información, pararse a pensar nas afirmacións que establecen comparacións inadecuadas, avaliar os números que lemos facendo contas sinxelas que consideren apenas as ordes de magnitude para comprobarmos se son verosímiles ou non... Tamén nos lembran a inclinación a crermos acriticamente aquelas mensaxes que coinciden coas percepcións que xa tiñamos de antemán. Os autores fan unha listaxe de consellos básicos para
non naufragarmos no mundo en liña, incluíndo un que convén ter sempre presente: reduzamos o consumo de información. Non é preciso estar o día enteiro pendente das mensaxes que circulan, é bo parar para mantermos en forma os nosos sistemas de alarma. Celebremos o aborrecemento.
O capítulo final, "Refutando el bullshit", propón algunhas ideas para axudarnos a combater as trapalladas con elegancia, procurando que convencer non sexa sinónimo de asustar ou humillar. Para lidar contra a desinformación cómpre sabermos de que falamos e termos argumentos claros e ordenados: se nós mesmos pisamos terreos esvaradíos non poderemos axudar outras persoas a camiñaren con paso firme. Asumamos os nosos erros e que nós mesmos propagamos máis trapallada da que nos gustaría recoñecer. E, por suposto, facerse entender implica certo grao de sutileza social: a denuncia efectiva do bullshit debe
ter como obxectivo non demostrar que nós somos moi listos, senón conseguir que as outras persoas comprendan as razóns polas que estaban enganadas. Aceptando, iso si, que hai xente que non está disposta a cambiar as súas crenzas por moi convincentes que sexan os nosos argumentos e que, en consecuencia, quizais sexa bastante máis útil "dedicar o noso tempo e o noso esforzo á xente que estea disposta a escoitarnos". Para os autores, enfrontarse ao bullshit é "un imperativo moral" pois boa parte desas trapalladas teñen "serias consecuencias para a saúde e a prosperidade dos seres humanos,
para a integridade da ciencia e para a toma de decisións democráticas". Non é unha cuestión de liderados, de ser máis ou menos influentes, de cultivarmos os egos (e as carteiras). É outra cousa, moito máis importante: combater o bullshit é un exercicio de pura solidariedade entre iguais.
Martin Pawley
Ningún comentario:
Publicar un comentario