Non cabe outra que dar a benvida á chegada do Observatorio Audiovisual de Galicia (OAG). Un ente que ten como elemento especial a
heteroxeneidade na súa formación incidindo no transversal en vez de
-como se viña facendo ata o momento- abusar da especialidade. Os seus
membros teñen diferentes roles dentro do sector audiovisual: directores,
produtores, técnicos, críticos, programadores... Distintas perspectivas
e sensibilidades unidas no obxectivo de achegar análise, suxestións e
algo de cordura ante a regresión imparable consecuente á aplicación de
tanta política de derrubamento.
O OAG quere ser punto de encontro
para distintos pareceres, non só daqueles que conflúen senón tamén
servir de mediador para aqueles que posúen os medios e poder de decisión
para mudar as cousas. Esta suma de visións provoca o debate; o
contraste motiva a argumentación e o estudo. As reflexións, tras pasar
pola peneira do consenso, materialízanse finalmente en textos co
propósito de serviren coma motores de cambio. Desta maneira o OAG
promove o diálogo, a información e o asesoramento a xentes do sector,
asociacións gremiais, institucións culturais e educativas, medios de
comunicación, organismos administrativos e grupos políticos.
A idea
de constituír un observatorio en Galiza non é nova. Ao longo das últimas
décadas houbo outros observatorios e organismos encargados de velar
polo rexistro dos resultados en tempos de bonanza, cando se cría que o
audiovisual en Galiza era un sector estratéxico e lle agardaba un gran
futuro. Mais o OAG xorde nunha época totalmente distinta, nun período de
recesión onde o sector está a vivir un auténtico pesadelo, onde as
predicións erraron e onde ante tanta inestabilidade é preciso un proceso
de definición constante para atallar as sorpresas do futuro. A esta
situación ontolóxica hai que sumar un contexto apocalíptico dominado por
unha fonda crise económica, política e social. Neste escenario nace o
OAG, unha ferramenta pensada para mellorar a situación actual velando
polas boas prácticas.
Mais non se pode eludir nomear cal foi a
espoleta que fixo detonar a creación o OAG: a nefasta política
audiovisual da Xunta de Galiza. Os actuais responsábeis políticos e
técnicos da AGADIC amosaron unha incapacidade manifesta para facer o que
eles entenden por política audiovisual: a xestión das axudas. Malia ser
a única cousa da que se encargan os textos que se publicaron en 2014
foron extremadamente deficientes, sobre todo o que corresponde ás axudas
de talento. A indignación suscitada por esa convocatoria provocou a
necesidade de actuar para intentar frear a repetición deste tipo de
desastres.
Nas últimas comparecencias do Parlamento de Galiza
relacionadas co sector os responsables políticos botaron man de novas
publicadas en medios de comunicación. Ante este panorama optouse por que
o OAG producira informes nos que dar unha visión máis fidedigna do que
acontece no sector. O traballo do OAG está avalado polo rigor e a
metodoloxía científica intentando evitar os xuízos de valor para que as
súas conclusións sexan máis contundentes e incontestábeis. Mais este non
é o seu fin. Estes informes son só o principio para unha ronda de
diálogo con outros axentes do sector, especialmente coa administración,
bases de consulta para quen o considere e, finalmente, a base para
futuras “observacións”.
Ata a actualidade o seu traballo pódese
inventariar nun primeiro informe sobre o trato discriminatorio que fai a
TVG ás curtametraxes, un comunicado en resposta á intervención de
Sánchez Izquierdo, director da CRTVG, no Parlamento de Galiza e un
segundo informe que afronta de forma especialmente pormenorizada a
desfeita que foi a convocatoria das axudas de talento 2014 redactada
pola AGADIC. O que está no aire é canto tempo vai continuar coa súa
actividade o OAG xa que se sustenta unicamente no esforzo e o
voluntarismo dos seus membros. O que si sabemos é que a súa sombra
nutrinte é aconsellábel para calquera política audiovisual que se
intente por en práctica en Galiza.
Xurxo González. Publicado en Novas de Galiza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario