martes, 3 de febreiro de 2015

Life in film: James Benning

Compartimos hoxe a versión en galego dun artigo escrito por James Benning en 2007 para a revista Frieze, dentro da moi recomendábel serie Life in film:


13 Lakes (James Benning, 2004)
Cada pouco imparto un curso no Instituto Californiano das Artes titulado "Ollar e Escoitar". Cada semana dez ou doce estudantes imos a algures para practicar o feito de prestar atención. Botamos un día enteiro cruzando un campo petrolífero, xuntámonos unha mañá cedo para ollar como o ceo se vai enchendo de luz, pasamos dez horas nos autobuses locais ou unha noite percorrendo a 5th Street na sección dos sen teito no centro de Los Angeles. Descubrimos que mirar e escoitar é un acto político, e que as diferenzas na maneira en que percibimos reflicten os nosos prexuízos coma individuos. Pídenme de vez en cando que dea este curso noutros lugares. Fíxeno a primavera pasada en Cidade de México. Despois de pasar o día nunha gran área industrial preguntei: "que foi o que vostedes viron e ouviron?":

Estudante un: Había unha parede branca no lado oposto da rúa. Era moi brillante. Á dereita había unha porta pequena aberta medio metro ou algo menos, provocando unha sombra rectangular sobre ela. No lado esquerdo había dúas portas máis que eran bastante grandes, mais non producían ningunha sombra posto que non foran abertas. Estaba todo relativamente tranquilo - ou sexa, o típico ambiente industrial. Logo duns poucos minutos alguén saíu pola porta pequena. A sombra cambiou dun rectángulo a un triángulo e logo ao revés mentres esa persoa abría e pechaba a porta e marchaba rúa abaixo. Despois non aconteceu nada durante moito tempo. Finalmente as outras dúas portas abríronse cara a dentro, descubrindo un espazo no que se albiscaba a presenza de dous homes que traballaban nalgures ao fondo daquel baleiro negro. Un dos homes acendeu unha antorcha de soldadura e voaron faíscas. A parede exterior seguía brillando. A sombra rectangular fíxose máis grande.

Estudante dous: Había unha pequena zona verde. Cruzábaa un camiño diagonalmente de esquerda a dereita. Dous homes estaban limpando o camiño con longas vasoiras de palla. Un dos homes limpaba primeiro de esquerda a dereita, e logo de dereita a esquerda. Facía un son coma un asubío, xui-xui, xui-xui, xui-xui. Traballaba metodicamente, sen tomar ningún descanso. O outro home limpaba de esquerda a dereita soamente. O seu son era continuo e máis rápido: xui, xui, xui, xui... até que tomaba un descanso. Era moi musical.

Estudante tres: O camiño de ferro segue unha traxectoria curva por detrás de dúas vellas fábricas. Soaban coma unha fundición mais non eran tal. Non estou seguro do que eran. A xente vivía en casas improvisadas nas dúas beiras da estrada. Había cativos e cans. Xusto onde eu me detiven unha estrada atravesaba as vías. Os vehículos que baixaban pola rúa freaban por mor das malas condicións do cruzamento. Ao pasaren eu podía escoitar parte das conversas ou os sons da radio. Palabras e cancións ían e viñan. Un camión grande non baixou a velocidade e cruzou facendo moito barullo. Todos os cans empezaron a ladrar.

North on Evers (James Benning, 1992)
Estudante catro: vin tres homes que descargaban un furgón cheo de po amarelo. Tiñan un tubo longo que aspiraba o po fora do vehículo. Un dos homes collía o tubo e ía enchendo sacos de tea que sostiñan os outros dous homes. En canto un saco estaba cheo, o home selábao e púñao nun palé. Cando o palé estaba cheo (arredor duns cincuenta sacos), un condutor carretaba con el. Entón un dos homes encargábase de conseguir un palé baleiro para substituír o cheo que acababan de levar. Estiven observando durante dúas horas. O proceso non se detivo nunca. O son era coma o da area ao moverse, mais era difícil de escoitar co ruído dos motores de compresión. Seguían traballando co terceiro palé cando marchei.

Estudante cinco: Había uns vinte traballadores fóra da fábrica durante un descanso. Algúns estaban sentados nos bancos da fábrica. Un home con mono de traballo azul mariño falaba cunha moza atractiva. Os dous estaban de pé. Ela tamén vestía de azul mais o seu traxe era moi bo. Podías ver as formas do seu corpo a través do tecido. Quizais fose secretaria ou formase parte do equipo de xestión. Non podía escoitar o que estaban dicindo, mais podo dicir polos seus xestos que estaban flirteando. Tres mulleres con mono de traballo amarelo que estaban sentadas xuntas fumaban cigarros e rían. Dous homes á esquerda estaban concentrados nunha conversa seria. Estes dous tamén levaban roupa de traballo azul. Entón soou un timbre e todos entraron de novo no edificio, que era laranxa.

Etc etc etc ...e é un dos mellores filmes que vin e escoitei na miña vida.

Ah, e esta mañá vin outro filme abraiante. Estaba na miña escola, que foi alugada para unha escola de verán do programa de artes. Os corredores estaban inzados de adolescentes. A carón dunha das galerías principais un home novo tocaba Vexations (1893) de Erik Satie, unha peza de piano con 840 repeticións que foi composta para ser interpretada de maneira continua. Fun alí e escoitei durante horas. Que marabilla e que sorpresa escoitar esa actuación. De cando en cando uns cantos estudantes entraban, ficaban as máis das veces menos dun minuto, e logo daban a volta. Dúas rapazas ficaron na porta durante uns trinta minutos, perplexas e un chisco asustadas de entrar na xenialidade desta obra. Fixéronme pensar en min mesmo, na primeira vez que vin e escoitei a John Cage. Despois, un estudante cego entrou e se sentou. Levaba un bastón vermello e branco pregábel e deixouno recollido. Escoitou con máxima atención e aínda ficaba alí cando marchei. Imaxinen o que el percibiu.

James Benning (tradución ao galego, Martin Pawley)

2 comentarios: