A finais do século XIX algúns
representantes políticos norteamericanos empezaron a preguntarse se os
adiantos tecnolóxicos poderían aportar alternativas máis eficaces e "humanas" aos
métodos tradicionais de execución. Un grupo de expertos
elaborou un rigoroso estudo dos pros e contras dos diferentes procedementos, entre eles a crucifixión, a lapidación ou ferver o condenado "polo común en auga quente mais tamén en xofre derretido, chumbo ou equivalente". As súas conclusións foron compiladas no documento "Report of the Comission to Investigate and Report the Most Humane and Practical Method of Carrying Into Effect the Sentence of Death in Capital Cases", con data 17 de xaneiro de 1888, que sería coñecido de maneira abreviada como "
Informe Gerry", por
Elbridge T. Gerry, un dos asinantes. O informe expuña a lentitude e imprecisión dos fusilamentos cando os verdugos son civís, non militares competentes e ben dispostos, e criticaba a guillotina "pola profusión de sangue que implica", uns chorros inoportunos e antiestéticos que resultan moi molestos para os presentes: "a guillotina é aparentemente a máis piadosa, mais con certeza tamén a máis terríbel para as testemuñas, de todas as técnicas de execución da civilizada Europa". Moitas páxinas do informe dedicáronse a analizar os inconvenientes do aforcamento, entre eles a capacidade de resistencia do reo e o seu consecuente sufrimento mais tamén a "falta de habilidade ou brutal indiferenza dos verdugos" na execución da execución, valla a redundancia.
A conclusión do comité foi que a mellor morte era a provocada pola electricidade, "instantánea e indolora", e por ampla maioría recomendaba o seu uso. Abondaba unha cadeira na que se sentaría o condenado en posición semi-reclinada, cun electrodo conectado ao repousacabezas e outro ao repousapés, cuxo custo "non debería superar os 50 dólares". O Informe Gerry propuxo a instalación de
cadeiras eléctricas e os xeradores de corrente precisos nas prisións de Sing-Sing, Dannemora e
Auburn. A utilización de corrente alterna en vez de continua foi un argumento máis na
batalla
que enfrontaba a George Westinghouse e Thomas Alva Edison polo negocio da transmisión de enerxía eléctrica, a famosa "war of currents":
as altas voltaxes provocaban mortes e iso era unha publicidade negativa á cal Edison non se puido resistir.
A
estrea da cadeira eléctrica tivo lugar na prisión neiorquina de Auburn o
seis de agosto de 1890 con
William Kemmler coma involuntario
protagonista. A primeira muller en recibir as descargas,
Martha M. Place, chegou só nove anos despois, o que proba que a igualdade de xénero adoita
chegar antes naqueles aspectos da vida que menos convén. Na listaxe
de falecidos pola furia dos amperios hai figuras ben coñecidas, coma
os anarquistas italianos
Sacco e Vanzetti ou a parella acusada de
espionaxe
Julius e Ethel Rosenberg. Outros nomes non nos
resultan tan familiares, mais si os das súas vítimas:
Richard Hauptmann,
por exemplo, o home que secuestrou e asasinou ao fillo de Charles
Lindbergh; ou
Giuseppe Zangara, que intentou matar a Franklin Delano
Roosevelt. Máis éxito tivo
Leon Czolgosz, que en 1901 e con dous
balazos mandou á tumba ao presidente William McKinney. O seu
exemplar castigo foi recreado por Edwin S.
Porter nun filme da factoría Edison,
Execution of Czolgosz with Panorama of Auburn Prison, dispoñíbel para ver en liña
na Biblioteca do Congreso.
Hai outra execución memorábel
no arquivo Edison: a
da
elefanta Topsy, acusada de provocar a morte dun home en 1902, entre outros incidentes que lle outorgaron unha morbosa popularidade. Para desfacerse dela primeiro pensaron en colgala, mais ante as
protestas da Sociedade Americana contra o Maltrato aos Animais houbo que
considerar outras opcións. Finalmente optaron pola electrocución,
combinada por se acaso coa subministración de case medio quilogramo de cianuro
potásico. Máis de mil persoas asistiron ao vivo á caída do
paquidermo e moitos milleiros máis puideron vela por toda Norteamérica
nesta peza de cinema verité breve e intensa.
Martin Pawley.
Ningún comentario:
Publicar un comentario