Onte fixo 89 anos o escritor neoiorquino Charles Van Doren, fillo dun poeta gañador do Pulitzer, Mark Van Doren, e da
novelista Dorothy Graffe. Un prototípico mozo de boa familia, refinado e cunha vasta cultura
alimentada pola curiosidade que sentía por temas tan diferentes entre si como a
literatura e a astrofísica. Nunha altura, os anos cincuenta do século XX, en que a televisión empeza a
entrar masivamente nas vidas dos americanos, algúns programas empezan a
facerse moi populares e entre eles está un concurso de preguntas culturais,
Twenty One. Charles Van Doren decidiu presentarse crendo que era unha oportunidade
para gañar dignamente unha boa suma de cartos sen demasiado esforzo. O
que el non sabía daquela era que aquel concurso, como tantos outros,
estaba amañado. Os produtores do Twenty One dábanlles aos concursantes
indicacións precisas sobre cómo debían vestir e das pausas que debían
facer antes de cada resposta para acentuar a tensión e mesmo lles dicían
qué preguntas debían acertar e cales debían fallar. Van Doren
era o concursante perfecto: profesor en Columbia, guapo, educado e elegante, o xenro que todos
os pais quererían para as súas fillas. Debutou no programa en novembro
do 56 derrotando a un "experimentado" concursante, Herb Stempel, tal e como estaba previsto polos
produtores, e retirouse en marzo do 57 cando levaba acumulado máis de cen mil dólares de premio, equivalente a un millón dos nosos días. Era xa unha figura nacional que até aparecera na portada da revista Time e a NBC
recompensouno cun contrato para colaborar en diferentes espazos de radio
e televisión.
Stempel non ficou moito tempo calado: furioso
polo xeito en que fora suprimido do programa empezou a contar en
público o que sabía, por experiencia propia, das irregularidades do
Twenty One, dando pé a unhas investigacións que inicialmente non deron
moitos froitos. Todo cambiou en agosto de 1958 ao seren descubertas as
trampas doutro concurso televisivo, Dotto, cando un dos participantes
atopoulle ao seu contrincante un caderno que contiña as respostas a
todas as cuestións que lle ían formular. Ese foi o principio do fin:
unha subcomisión da Congreso tomou cartas no asunto e púxose a
investigar todas as denuncias de fraude. Charles Van Doren foi chamado a
declarar e en novembro do 59 confesou que a el tamén lle daban as
respostas e que se sentía moi triste por ter enganado dese xeito a
millóns de persoas. A NBC expulsouno hipocritamente do canal e el
dimitiu do seu posto de profesor axudante na universidade de Columbia.
Durante un tempo procurou manter unha vida discreta traballando coma editor e escribindo baixo
pseudónimo; logo fichou coma editor da Enciclopedia Británica e empezou a publicar libros co seu propio nome, entre eles A
History of Knowledge e How to read a book (coescrito con Mortimer J. Adler), os dous editados en España.
O
escándalo do Twenty One está contado, coas pertinentes licenzas no
guión, en Quiz Show, maxistral filme de Robert Redford protagonizado por Ralph Fiennes (Charles Van Doren) e John Turturro
(Herb Stempel), con Rob Morrow facendo do avogado do Congreso encargado
de descubrir a verdade da trama e un excepcional Paul Scofield no papel
do poeta Mark Van Doren na que é, para min, unha das (moitas) grandes
interpretacións de toda a historia do cine.
Martin Pawley. Versión revisada dun texto publicado orixinalmente no blog días estranhos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario