Agora que está nas salas o Into the woods de Rob Marshall, recupero e actualizo un texto anterior sobre a adaptación que Tim Burton fixo doutro musical de Sondheim, Sweeney Todd (2007).
Un director tan afín ás criaturas torturadas e
incomprendidas coma Tim Burton parecía a persoa idónea para levar ao cinema o musical de Stephen Sondheim Sweeney Todd, the demon barber of Fleet Street, unha das obras
maiores do teatro americano das últimas décadas. O filme final, porén, amosa unha innecesaria covardía á hora de manexar
un material que se prestaba a un tratamento máis audaz e por iso non é esaxerado falar de "decepción".
Tim Burton aposta coma sempre por
un aspecto visual recargado, cun certo abuso dos fondos dixitais que o afasta da deliberada teatralidade que caracterizaba á montaxe de
Broadway, unha estratexia que resultaba útil para marcar distancias cun relato con evidente
tendencia ao exceso. O filme céntrase na sede de represalia do barbeiro e no estraño amor que a señora Lovett sente por el (aceptábel Johnny Depp, a anos luz do desexábel Helena Bonham-Carter) e non
oculta mais si dilúe o discurso ideolóxico do musical de
Sondheim, que converte a Sweeney Todd no axente que pon "aos de arriba
ao servizo dos de abaixo" pola vía de cortarlles o pescozo aos señoritos que acoden ao seu local. Esta mensaxe faise explícita na memorábel canción A little priest na que
o protagonista expón a súa visión da humanidade: The
history of the world, my love / Is those below serving those up above! /
How gratifying for once to know / That those above will serve those
down below! A
ollos dun Sweeney Todd que transforma o seu rancor contra o xuiz Turpin
nunha vinganza contra toda a humanidade, "todos merecemos morrer" nun
mundo que se divide entre os individuos que sofren e os que fan sufrir,
entre os que comen e os que son comidos, idea esa que co paso polo
forno da señora Lovett deixa de ser unha metáfora para adquirir a
tanxíbel solidez dunha empanadilla.
Na
película non está presente a Balada de Sweeney Todd, tema coral
inspirado no Dies irae que servía de leitmotiv e reaparecía aquí e
acolá como pegamento para unir certas escenas. A eliminación non é
irrelevante, pois a balada outorgáballe carácter lendario a unha
fábula escura que renunciaba abertamente á verosimilitude. Burton opta pola narración realista fronte ás pretensións máis conceptuais do musical e desbota o seu humor ácido e negro para deixarse arrastrar polos tons graves. Na
súa crítica en Cahiers
du Cinema Roberto Cueto situou acertadamente este Sweeney
Todd na mesma trincheira do Oliver!
de Carol Reed ou o Scrooge
de Ronald Neame, a dos "musicales ostentosos que florecieron en la
agonía del género". Así é, en efecto: o director conformouse con exercer de habilidoso contacontos e perdeu a oportunidade de facer unha gran película.
Martin Pawley
Ningún comentario:
Publicar un comentario