A súa infancia e adolescencia transcorreu nos escenarios. Actuaron en diversas cidades europeas, mais tamén en Australia e nos Estados Unidos, onde fixaron a súa residencia definitiva, e gañaron unha morea de cartos que xestionaron de maneira cobizosa os seus titores, dos que non se emanciparon até o comezo da década dos 30.
Independizadas e convertidas en cidadás estadounidenses, dedicáronse ao que mellor sabían: o vodevil e o burlesque. En 1932 participaron nun filme de Tod Browning que acadou xusta celebridade, Freaks. A súa seguinte aparición no cinema tardou vinte anos en producirse: Chained for life, unha produción de serie z de argumento vergonzante que foi un fracaso estrepitoso. Hoxe en dominio público nos Estados Unidos, pode verse ou descargarse no sitio web archive.org.
A fortuna doutrora foi esmorecendo co andar do tempo e acabaron montando un posto de comidas en Miami, The Hilton Sisters Snack Bar. Para gañar algúns cartos cos que aliviar as súas dificultades en 1962 accederon a exhibirse nun drive-in en Charlotte, Carolina do Norte, para presentar unha reposición de Freaks, que daquela empezaba a ser un filme de culto. O seu axente deixounas literalmente abandonadas e as irmás, sen recursos para marcharen nin cartos para saíren adiante, conseguiron traballo nunha tenda: o dono incluso tivo que mercarlles roupa pois só tiñan a que luciran no espectáculo, con certeza pouco apropiada para un ultramarinos. Morreron vítimas dunha epidemia de gripe en xaneiro de 1969; a autopsia apuntou que Daisy faleceu primeiro e que Violet seguiu viva como mínimo dous días máis.
Martin Pawley. Adaptación dun texto publicado inicialmente no blog Días estranhos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario