mércores, 14 de maio de 2014

Proxecto NIMBOS: O verme e a estrela (Martin Pawley, 2014)



Curtametraxe de Martin Pawley para o Proxecto NIMBOS, serie de filmes inspirados nos poemas do libro Nimbos de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014. Imaxes gravadas en Buenos Aires o 7 de abril de 2014.

O verme i a estrela

Esta sede infinita de pureza
ausoluta, esta sede de xustiza
que nos queima, esta sede de beleza...
baixo as alas de pedra da priguiza
i a paga do pecado en cada ezquina
i a erbiña sobra fóia i a ruina...

Esta sede de luz, méntrelo vento
da morte zúa darredor das cousas
que están no noso corazón, cinzento
sopro que arrinca os días, queima as chousas
máis íntimas, e bárreas como a ágoa...!
A lus do mundo é a que arde nunha bágoa.

Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.

2 comentarios:

  1. O meu agradecemento a todas as persoas que viron esta peza e dixeron algo dela antes de facela pública: Antoine Thirion, Lois Patiño, Felipe Lage, Raúl Camargo, John Campos Gómez, Xurxo González, Agustín Fernández Paz, Luz Lugrís, Jairo Dorado (tamén pola versión inglesa do verso), Leandro Listorti e Tito Rodríguez. Non lles fixen caso a todos, mais todos foron de grande utilidade. ;-)

    ResponderEliminar
  2. Martin, a ver cando sacas a luz todas esas "probas" que gardas no disco duro! Apertas e parabens!

    ResponderEliminar