A intención deste texto é debullar en que consiste o Proxecto NIMBOS e analizar os filmes que o engrosan. Consideramos oportuno deseñar esta folla de ruta para reforzar o carácter pedagóxico da proposta, facer evidente o seu potencial e, por que non, para que sirva de referente de propostas similares a realizar en colexios, institutos ou asociacións culturais.
Proxecto NIMBOS?
Proxecto NIMBOS é unha iniciativa coordinada por Martin Pawley ao abeiro do colectivo Acto de Primavera. Quizais houbera ámbitos máis axeitados para o desenvolvemento deste proxecto mais ante a falta de propostas de institucións políticas e académicas son os críticos cinematográficos de Galiza os que se dispuxeron a materializala. A iniciativa consistiu en facer un chamamento a cineastas e creadores audiovisuais tanto de Galiza como de fóra dela para faceren unha breve curtametraxe e dar nela a súa visión dun dos poemas que forman o libro Nimbos de Xosé María Díaz Castro.
Díaz Castro?
A principal escusa do proxecto é a celebración o Día das Letras Galegas de 2014 e contribuír así á homenaxe ao escritor nado en Guitiriz. Desta maneira, e por medio do audiovisual, búscase dar a coñecer o único libro que quixo publicar o autor, en 1961. Se procedemos á súa lectura vemos como os textos do poemario se caracterizan por unha forte compoñente visual. Polos versos están esparexidas imaxes e metáforas capaces de definir dunha maneira nidia todo tipo de conceptos. Un estilo poético que fai gala de certo resaibo pola metafísica da mirada. As descricións son prolíficas e fai gala de certa insistencia contemplativa no mundo natural que redunda nun forte existencialismo.
Poética literaria vs. poética cinematográfica?
A función poética consiste en que a expresión de sentimentos e emocións ten unha declarada intención estética. En Proxecto NIMBOS converxen tanto a poesía literaria como a cinematográfica. Pode establecerse así un obxectivo duplo: por un lado están as novas lecturas que se fan coa linguaxe cinematográfica da poesía literaria e por outro a cristalización da propia poesía cinematográfica (esa gran descoñecida!). Este patrón de expresión libre en imaxes é menos usual que o da expresión audiovisual estandarizada. É un tipo de cinema máis consciente da súa natureza artística, mais malia ao seu carácter de “revelación” ficou tradicionalmente desprazado e oculto. Con Proxecto NIMBOS preténdese pór o foco nesta intención e pór a herdanza e a potencialidade deste cinema nun primeiro plano.
Nas escolas?
Probablemente a pedagoxía audiovisual sexa unha das grandes eivas do sistema educativo español. Houbo varias boas intencións para regular esta área mais en xeral deu en moi pouca cousa. Hoxe en día ninguén pode eludir o peso que xa teñen as ferramentas baseadas na linguaxe audiovisual xa que nelas faise máis evidente o desenvolvemento tecnolóxico e a evolución dunha sociedade. Mais estas novas vías de comunicación son pólas dunha mesma árbore que é a linguaxe cinematográfica. As lecturas deste código fanse en moitísimos momentos da vida cotiá mais son combinacións estipuladas de forma férrea e arquetípica que desenvolven mensaxes e significados totalmente dominadores. As escolas teñen que analizar os palimpsestos máis transitados mais tamén teñen que deixar espazo para as propostas de maior risco. Teñen que valorar o cinema coma unha linguaxe aberta capaz de fomentar a creatividade non só dos autores senón tamén dos espectadores.
Tecnoloxía?
Na actualidade pódese desenvolver unha plataforma como Proxecto NIMBOS con custo cero. Só se precisa unha canle na rede na que subir os vídeos (Youtube, Vimeo, etc) e facer unha listaxe de reprodución. Para facer os vídeos xa non se precisan un gran dispendio en equipos, coa cámara dun móbil é máis que suficiente. A maiores se pode facer un blog e perfís en redes sociais para a difusión do proxecto. Está ao alcance de calquera.
Cultura galega?
A cultura galega non pode seguir allea ao mundo audiovisual. Por parte dos vehículos e personaxes que lexitiman a cultura en Galiza existe en xeral unha desconsideración moi grande respecto de todo o que provén do ámbito cinematográfico. Unha equivocación que hai que erradicar rapidamente das mentes de organismos, institucións e espectadores porque nun futuro próximo o que se “escriba” cunha cámara terá un ecoar maiúsculo. Proxecto NIMBOS establece unha máis que interesante sinerxía entre o mundo da literatura e o cinematográfico. Puntos de encontro como este teñen que ser máis numerosos xa que enriquecen enormemente a calquera cultura que pretenda loitar ante as ameazas da globalización.
Xurxo González
Ningún comentario:
Publicar un comentario