Curtametraxe de Manuel del Río para o Proxecto NIMBOS, serie de filmes inspirados nos poemas do libro Nimbos de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014.
No resplendor do día
Quero morrer de música nunha tarde de pinos
sIn sentir o martelo dun recordo no sangue,
e caere amodiño na sombra como a lúa
enterra as súas cornas tras de Arxán.
Que o sol siga o seu rego deica o mesmo cadullo,
a derradeira rella do tempo en carne viva,
que os paxaros non calen no oco quente da tarde,
que non paren os bois de remoer.
Que o meu carro se entorne cheo de lume e sono
sin axotar as troitas nin as alas dormidas,
e que a Deus me encomenden os ventos vagabundos,
as lebres que se riron do meu can,
os camiños que andiven i as álbores con niños,
os ollos, inda cheos da lus de Deus, dos nenos,
as vozes escondidas que teman deste mundo,
as bágoas puras que non ve ninguén,
namentras en falopas cái a imaxe do mundo
i as voces son adeuses de xente non peirao
i eu estrela da noite que se perde no día,
no resplendor do día que busquéi.
Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.
Soberbio exercicio fílmico, cheo de alento poético, refinamento na montaxe e musicalidade. É un pracer ver que un realizador do país conta coa música dos nosos mellores compositores actuais. A música de Souto e Gaspar coido que dialogaría de xeito idóneo con moitos dos creadores do NCG, resultaría un irmandamento entre o mellor do noso cinematógrafo e da nosa música que abriría moitas posibilidades... Oxalá máis o teñan en conta! parabés, del Río!
ResponderEliminar