mércores, 1 de maio de 2013

The hunt (Thomas Vinterberg, 2012)



The Hunt constrúese sobre o axioma comunmente aceptado de que os nenos nunca menten. Arredor desta idea articúlase un melodrama que narra a loita de Lukas, un empregado dunha escola infantil, por restablecer a súa honra fronte aos prexuízos dunha masa acrítica e inclemente.

Vinterberg retoma un tema xa tratado en Festen (1998), trasladándoo do ámbito familiar ao dunha comunidade rural danesa, en aparencia idílica, que como todas as sociedades pechadas en si mesmas oculta graves disfuncións. A violencia latente –mostrada a través da caza-, o alcoholismo ou a escasa atención que reciben os nenos –desencadeante indirecto dos feitos- configura un microcosmos que acabará por afogar as ilusións dunha nova vida para o protagonista.

Vinterberg dilata o relato nun cuarto acto, un epílogo que semella reparador, pero que co seu final aberto logra o efecto contrario, constatar que ese home vivirá sempre coa sombra da sospeita ás súas costas. O filme apela con habilidade ao espectador, que non pode menos que sentirse cómplice da persecución: nas nosas derivas cotiás a miúdo xulgamos mesmo sen ter coñecemento dos actos.

Un dos alicientes do filme é a interpretación de Mads Mikkelsen, un actor que encarna con solvencia personaxes de grande complexidade psicolóxica, como sucede co doutor Johann Struensee na recente Un asunto real ou co arrepiante Lecter na ficción televisiva Hannibal (NBC). Malia o rostro sempre impasible de Mikkelsen, non podemos evitar a sensación de que algo anda bulindo no seu interior.

Con The Hunt Vinterberg parece afastarse de xeito definitivo das estridencias do Dogma 95, movemento do cal foi estandarte xunto a Lars von Trier, en prol dun proceso de depuración expresiva que atinxe ao punto de vista da cámara, a posta en escena, a fotografía e a unha montaxe cada vez máis invisible. Todos os elementos están ao servizo dunha historia necesaria. Nota: 8/10.

José Antonio Cascudo

2 comentarios:

  1. Non gostei do filme. Mesmo me molesta o empeño que ten en non deixar espazo para a dúbida sobre a total inocencia do protagonista, vontade que o autor leva até extremos excesivos -por exemplo, xustificando de onde sacou a nena a "imaxe" sobre a que recae a acusación no protagonista-. A miña nota divídoa á metade: 4/10.

    ResponderEliminar
  2. Non concordo. Eu penso que si que hai moito espazo para a interpretación; en realidade non queda claro que o protagonista sexa inocente, sobre todo trala escena do final coa nena. Ao meu ver a inocencia ou culpabilidade de Lukas é algo secundario xa que o verdadeiro propósito de The Hunt é denunciar unha sociedade enferma (neste sentido vexo moitas concomitancias con La cinta blanca de Haneke).

    ResponderEliminar