Este é o título do voluminoso libro escrito por Xosé María Lema, a enmarcar nun xénero híbrido entre a novela de aventuras e a histórica. O libro parte dunha idea fabulosa que é facer unha especie de “spin-off” d'A illa do tesouro escrita por Robert Louis Stevenson en 1883. A famosa goleta A Hispaniola, co tesouro nas súas adegas, sofre un temporal no seu regreso á Inglaterra e decide cambiar de rumbo indo a parar á Costa do Solpor, denominación máis lírica que recibe a Costa da Morte.
O punto de partida non pode ser máis suxestivo: a prolongación das aventuras dos personaxes dun dos títulos clásicos da literatura universal que atrapou irreversiblemente a calquera lector desprevido. Mais esta dinámica referencial vólvese un lastre moi grande xa que a narrativa de Lema resulta cativeira a carón da de Stevenson. Mentres o escocés fai un alarde de evocación romántica con descricións axustadas e elipses suxerentes, o galego aposta pola minuciosidade textual intentando explicar dun xeito esgotador cada acción dos personaxes e axustándoa aos referentes históricos.
Lema xoga baixo os parámetros dunha narrativa debedora da “novela moderna” que emerxeu nos 60 e 70 da que aínda quedan moitos representantes na literatura galega. Enmarca a novela dentro dun deseño post-estruturalista, collendo distancia sobre a súa propia creación ao enmascarala coma un manuscrito perdido que chega a unha editorial coa indicación de “non publicar”. Este texto ignoto son unhas memorias de Jim Hawkins e do Doutor Livesey, os protagonistas d´A illa do tesouro. Un texto escrito a catro mans no que un narrador dá conta das accións das que o outro non foi testemuña; evita as narracións paralelas, mais ao non empregar este recurso aparecen reiteracións pouco afortunadas.
As peripecias céntranse de novo en Hawkins, que se ve envolto en leas con corsarios, sectas secretas, lendas e maldicións que abundan na xeografía (oportunamente alterada) da Costa da Morte. A cada paso do cho (grumete) da Hispaniola xorden personaxes, espazos, construcións, lendas e contos que dan para trenzar a novela con historias que se diversifican e enriquecen dunha maneira moi didáctica o libro mais, ao mesmo tempo, relantizan, e moito, a acción, elemento crucial nunha novela de aventuras. Curiosamente Costa do Solpor comeza mirando para atrás mais tamén establece unhas sorprendentes relacións con elementos recoñecibles do futuro como poden ser o Prestige ou a figura de Man e reitera, coma unha ladaíña, a idea do infortunio de Galicia como país.
Emporiso, o máis destacable desta publicación é o esmero lingüístico onde agroma unha gran riqueza de vocabulario pertencente tanto ao mundo do mar como ao rural e, aínda por riba, serven para acrecentar a ubicación temporal. Malia estar lonxe do seu principal obxectivo de ser puro entretenemento a lectura de Costa do Solpor serve para constatar, unha vez máis, o galego coma lingua viva da que aínda temos moito por descubrir e da que os falantes deberíamos sentirnos moi orgullosos.
Xurxo González
Ningún comentario:
Publicar un comentario