venres, 19 de abril de 2013

A 10000 km do BAFICI: Vanguardia y género

Dúas palabras, Vanguardia e Xénero, serven para etiquetar a chegada de Marcelo Panozzo á dirección do BAFICI, en substitución de Sergio Wolf, na décimoquinta edición do festival. Certo que as mudanzas na estrutura da programación son maiores, en particular polo reagrupamento nunha mesma sección xenérica, Panorama, de filmes que noutrora estarían colocados baixo epígrafes máis ou menos descritivos tipo Adolescencias, Cine + Cine ou La Tierra Tiembla; mais é obvio que ese novo apartado competitivo é o que marca a revolución da era Panozzo.

De Cine del Futuro a Vanguardia y Género hai algo máis ca un cambio nominal (por outra parte, notabelmente revelador). Contra o cinema festivaleiro mainstream, o que vai dos burgueses europeos acomplexados cunha cara sórdida (non tan) oculta aos asiáticos exóticos que falan con fantasmas, pasando polo lumpen sudaca de favelas e pais que prostitúen fillas, o BAFICI asume o risco de outorgarlle protagonismo a dúas das tendencias máis fértiles da creación contemporánea. Dunha banda a experimentación e a vangarda, o cinema que sempre adiantou o futuro, que hoxe e coa democratización que supoñen os progresos tecnolóxicos acontece por igual na Costa da Morte e en Kuala Lumpur. Doutra, os filmes de xénero, tanto aqueles que encaixan de maneira canónica nas categorías clásicas como, sobre todo, os que xogan á reinterpretalas e transgredir as súas convencións. Películas unhas e outras presentes na maioría dos festivais, mais agachadas nun “culposo espacio de trasnoche” ou nun “bruñido corralito museístico”, como afirma o propio Panozzo no catálogo do BAFICI. O obxectivo, prosegue o director do certame, é “que la tibieza se quede afuera”: nada de “medio pelo”, nada de inspirar indiferenza. De aí a poñer unha de James Benning a concurso só había un paso.

Resulta lóxico que entre os cineastas presentes estea, e por partida dobre, o portugués João Pedro Rodrigues. Poucos representan coma el a evolución natural dende a cinefilia tradicional, alimentada en sesións da Cinemateca, cara a iso que se deu en chamar “mutacións do cinema contemporáneo”, idea máis fácil de empregar que de definir. Todos os seus filmes cultivan a redefinición dos xéneros, e aí está Morrer como um homem coma proba sublime, mais na súa obra última esa vontade resulta máis explícita. A curtametraxe Manhã de Santo António parece un filme de zombies, co seu desfile de mozos e mozas de volta á casa despois dunha noite de festa rachada. A precisa coreografía dos seus movementos, mecánicos e ausentes, conecta coa tradición do fantástico, mais Rodrigues non se queda na rutina da homenaxe e ofrece unha ollada viva sobre a mocidade e o conflito inherente a esa idade entre o individuo e o grupo, entre a afirmación da diferenza e a disolución dun mesmo no colectivo. Rodrigues deixou moi atrás a adolescencia e asume plenamente a súa distancia, mais non cae no desprezo reaccionario nin na nostalxia da enerxía perdida: do que se trata é de entender, Pessoa dixit, que é mellor non ir ao baile que “estar lá sem estar”. E iso concorda bastante ben co que di Marcelo Panozzo no texto introdutorio antes citado: “Prohibido salir en el mismo estado que uno entró. Nada de planchar en la fiesta”.

Na longametraxe codirixida con João Rui Guerra da Mata, A última vez que vi Macau, o xogo transxenérico é aínda máis radical. Non se fíen das primeiras impresións, a non ser que esas primeiras impresións sexan positivas, claro; deixen pasar as horas e os días e rumien a película, cuxa valía non fará máis que medrar. Isto foi o que escribín á volta de Locarno na revista Tempos Novos:

A decisión máis estraña do xurado, presidido por Apichatpong Weerasethakul, foi, porén, a de outorgarlle unha mención especial a un personaxe, a “Candy” que encarna a actriz Cindy Scrash n'A última vez que vi Macau, de João Pedro Rodrigues e João Rui Guerra da Mata, para a través dela recoñecer a importancia e a coraxe do cinema portugués nun tempo en que as dificultades financeiras serven de escusa para poñerlle barreiras á creación cultural. Estraña é a mención e estraño (e magnífico) é o filme, unha obra de inmensa riqueza que esixe ser pensada devagar. O que en orixe ía ser un documental sobre a colonia portuguesa acabou por transformarse nunha intriga criminal con espírito de serie B por medio das voces en off que outorgan sentido narrativo a unhas imaxes por veces desconcertantes. A última vez... é froito da mestura de dúas memorias, a persoal do codirector Guerra da Mata, que viviu en Macau parte da súa infancia, e a da ficción, o espazo exótico recreado e imaxinado por Josef von Sternberg (Macao, 1952). De aí nace tamén o diálogo coa historia do cinema, o xogo cos xéneros, co “film noir” mais tamén co glamour -necesariamente falso- do golden Hollywood, homenaxeado na fascinante primeira secuencia na que Cindy/Candy fai un playback do You kill me que Jane Russell cantaba no clásico de Sternberg, cunha gaiola con tigres coma insólito fondo. João Pedro e João Rui saltan do serio ao lúdico, móvense permanentemente entre o rexistro naturalista e a fantasía “pulp”, e crean unha ficción sen rostros, misteriosa e inquietante, feita da materia coa que se constrúen os soños.


Non é a única representación portuguesa; hai outra curtametraxe, Sinais de serenidade por coisas sem sentido, dirixida por Sandro Aguilar. Un enigma, como nel é habitual. Hai unha muller que traballa nun laboratorio, os nenos que ela coida cuxa nai morreu tres anos atrás, un home que recolle mostras, un submarinista... e aí ao fondo debe haber algo parecido a un relato, mais tan completamente desfeito que eu polo menos síntome incapaz de detectalo, nin falta que fai. Podería ser un filme post-apocalíptico con científicos que analizan plantas e bechos para descubrir mutacións: iso tanto dá. Vin o filme por primeira vez en Vila do Conde na véspera da súa estrea, nun pase privado de mañá coa gran sala ocupada unicamente polos cinco membros do xurado. Foi todo un escoitar os acordes do Saturno de Gustav Holst e notar unha sacudida a percorrer a espiña dorsal. E así até o final. Non entendín nada, mais canto me gustou! Volvín vela ao día seguinte, na proxección oficial, e a sensación foi idéntica: a mesma admiración ante a mesma beleza, ante tamaña exhibición de harmonía. En efecto, as coisas poden non ter sentido, mais o que queda son os sinais de serenidade.

Alfaias coma Macau, Manha... ou a de Sandro son inevitábeis en calquera festival serio. Mais non son eses os filmes que nos permiten entender de verdade o que é Vanguardia y género. Nin sequera a obra mestra deste BAFICI, Leviathan, a estas alturas xa unha obviedade, mais unha obviedade imprescindíbel da que haberá que falar de novo a conta da súa proxección no Indielisboa. As películas que definen mellor a liña deste feliz invento son Vamps e The Poor Stockinger, the Luditte Cropper and the Deluded Followers of Joana Southcott. Na próxima entrega tocará falar (ben) delas. Delas e de Tchoupitoulas.

Martin Pawley. E non, non houbo próxima entrega. A preguiza...

Ningún comentario:

Publicar un comentario