domingo, 5 de maio de 2013

Desde unha estrela distante

As obras de Agustín Fernández Paz publicadas nos últimos anos proporciónannos, ademais de boas doses do seu aplaudido oficio literario, un pequeno pracer adicional: o de achegarnos a vida e visión do mundo dun autor que de maneira cada vez máis explícita parece falar de si a través das súas ficcións. Algo hai del no Damián de Fantasmas de luz, por máis que a paixón de Agustín polo cinema sexa máis formal e consciente. O personaxe do operador de cabina servíalle para tecer unha fermosa homenaxe ás vellas salas (xa extinguidas, ou case) e aos filmes que as habitaban, no que é tamén un tributo a unha certa maneira de entender a cinefilia. Alén diso o libro ofrecía unha elocuente parábola da invisibilidade de amplos sectores da sociedade: a voz comprometida do escritor soaba con firmeza e deixaba agromar ao final a esperanza da man da solidariedade (fordiana) entre homes e mulleres. Máis evidente aínda é a conexión xeracional en Non hai noite tan longa, pois a novela é un xenuíno axuste de contas contra a desmemoria e as feridas, íntimas e colectivas, da ditadura franquista. O lamento necesario dos que viviron (e padeceron) a normalidade atroz dun réxime asentado na represión e na censura.

Non é de estrañar, pois, que Agustín volva estar presente nas páxinas do seu novo libro, Dende unha estrela distante, agora coma extraterrestre de forma cambiante. Porque é inevitábel recoñecer nel o entusiasmo tecnolóxico de Edu, o visitante que chega á Terra co encargo de aprender todo sobre nós, os humanos, e descobre marabillado que Internet lle pode proporcionar toda a información que precisa. Aí faise notar o autor que se define coma unha curiosidade sociolóxica, un dos últimos galegos que se criou sen televisión, alguén que naceu nun país que se parecía moito á Idade Media e que no século XXI deita chíos como se fose a cousa máis natural do mundo. O neno que medrou cuns poucos libros -Verne, Poe, Dumas, Salgari- e aprendeu a valoralos coma un tesouro goza hoxe coa información sen límites da rede e entretense buscando ligazóns para as anotacións do seu blog. A ledicia ante a popularización do coñecemento -a ledicia da fartura despois dos tempos da fame- coexiste co convencemento de que saber máis do outro e de nós mesmos debe ensinarnos a convivir mellor. Diso vai tamén Desde unha estrela distante, un relato de amizade e comprensión mutua por riba das diferenzas que, por unha vez, non é hiperbólico calificar de "siderais".

Martin Pawley

* * *


Desde unha estrela distante está editado por Xerais (galego) e Anaya (español) na colección Sopa de Libros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario