xoves, 16 de febreiro de 2012

A crítica fala de Tabu

Manuel Mesquita en TABU (Miguel Gomes, 2012; O som e a fúria)


EXPRESSO, Francisco Ferreira: "Não há, nem houve, nenhum outro filme como TABU. Nem em Portugal, nem no Festival de Berlim (...) O reconhecimento do seu valor, haja ou não haja prémio, parece-nos, mais do que uma questão de justiça, uma questão de urgência".

NEW YORK TIMES, Dennis Lim: “Tabu is a living, breathing demonstration of cinephilia in action. For Mr. Gomes, a former film critic, the extinct styles and moods of classic cinema are not fodder for imitation or parody but more like communal dream material, to be mined for something new and mysterious" (na crónica xeral da Berlinale).

INDIEWIRE, Eric Kohn: "Gomes has made a decisively cinematic work, tapping into classic film traditions while subverting them with consistent narrative invention".

VARIETY, Jay Weissberg: "The contrast between the sharp darkness of 35mm and the textured glow of 16mm is mesmerizing, with d.p. Rui Pocas handsomely capturing the broad plains and distant mountains of Mozambique with the quality of 1950s photography. In this way, too, Gomes isn't out to imitate "Tabu" or other silents (though Aurora's name is also a tribute to Murnau, via "Sunrise"), but rather to find a different way of telling an age-old story and reflexively engage with the meaning of paradises lost and found".

SCREEN DAILY, Fionnuala Halligan: "His ambition and inventiveness more than compensate. Of particular note are Tabu’s exceptional locales, from a Lisbon still festooned with Christmas decorations, to a pool party that resonates both the 60s and tropical colonial decay".

THE HOLLYWOOD REPORTER, Deborah Young: "Gomes’s freedom to play with familiar bits and pieces will once again earn the film critic-turned-director (Our Beloved Month of August) wide critical praise, which could push this oddity into more adventurous art house circles not afraid of its black-and-white cinematography and old-fashioned square format".

CINEUROPA, Bénédicte Prot: "Tabu deploys its roots it a whole new type of earth to give silent cinema the most authentic of tributes, because the film does not parody silent cinema but rather captures its spirit".

MICROPSIA, Diego Lerer: "Y así llegamos a TABU, de Miguel Gomes, una película tan increíble de ver como difícil de describir y explicar el placer que genera".

PÁGINA/12, Luciano Monteagudo: "Si había alguna duda acerca del cambio de rumbo que el año pasado insinuó la competencia de la Berlinale, esta nueva edición no hace sino confirmarlo. Hay más búsqueda, más riesgo y más sorpresas en la programación de estos días de las que hubo en todo el último lustro junto (...) Y si hubiera que elegir una sola película de esta competencia para marcar y simbolizar esa diferencia es Tabú, la nueva, extraordinaria película del gran director portugués Miguel Gomes".

EL MUNDO, Luis Martínez: "Magistral. Tan grande como la película original de 1931. Miguel Gomes es Pierre Menard. Sin duda, y cuando llevamos la mitad exacta de la edición número 62 de la Berlinale, la película que estábamos esperando".

EL CULTURAL, Carlos Reviriego: "Una vez que el filme descifra sus herramientas, la emoción y tensión que se va apoderando de esta hermosa épica romántica, recorrida de sensualidad y exotismo, donde se agolpan todo tipo de detalles novelescos (un cocodrilo, un grupo musical en los albores del pop, la bohemia burguesa, el contexto africano), acaba derivando en una escalofriante reflexión en torno a los ultrajes del colonialismo".

Nuria Vidal (blog): "Cine antiguo que acaba siendo lo mas moderno. O al revés, cine moderno que bebe de lo antiguo. En todo caso una preciosa película no apta para los speedicos o los que solo buscan conflictos sociales".

VISÃO, José Vieira Mendes: "Aconteça o que acontecer no final, hoje foi um grande dia para a internacionalização do cinema português. Graças ao filme 'Tabu', de Miguel Gomes, muito apreciado pela crítica aqui na Berlinale, pelo seu radicalismo estético e revivalista e até agora considerado uma das poucas lufadas de ar fresco, numa competição sem obras que constituissem grandes surpresas. O filme de Miguel Gomes é uma extraordinária viagem a preto e branco pelas memórias do colonialismo português, inspirada no cinema mudo americano e nas fotonovelas de revista da década de 50".

LE MONDE: "Le film est long (deux heures) et bref, puisqu'il est divisé en deux parties égales parfaitement distinctes. Tabu est ingénu et ingénieux, désespérément tragique et énergiquement comique, parlant et muet. Il est en noir et blanc, de bout en bout".

mércores, 15 de febreiro de 2012

O som, a fúria, a alegria

Ana Moreira e Carloto Cotta en TABU (Miguel Gomes, 2012; O som e a fúria)
 
En canto prendín o ordenador hoxe pola tarde púxenme a buscar opinións sobre a estrea na Berlinale do filme Tabu de Miguel Gomes. Revisei moitas mensaxes de twitter, localicei algunhas anotacións en blogs e finalmente tiven referencia directa de coñecidos e amigos. Souben do entusiasmo de Sergio Wolf e logo o de José Luis Losa (“cine primordial”, “una obra que desmocha caminos de libertad en la creación cinematográfica”, “afirmacion mayúscula de Miguel Gomes”, “una de las más originales sublimaciones del melodrama que haya dado este siglo”). E sorprendinme a min mesmo ben contento, coa sensación de que non o estaría máis se o filme en cuestión fora meu.

Para a alegría, debo recoñecelo, tiña unha razón adicional que se suma a outra moi recente, e de ningunha das dúas podo darlles máis detalles polo momento (unha terceira razón, por certo, ocupará os cen minutos da miña vida inmediatamente posteriores á redacción deste post). Mais no esencial a alegría nacíame en Berlín, por culpa dun filme que rabeo por ver e do que só coñezo uns poucos minutos colgados en Internet a maneira de imaxes promocionais. Algo máis sei, si. Coñezo o que me contou hai un par de anos o bo do Miguel Gomes unha noite no Cabaret Maxime de Lisboa, durante o Indie no que el era xurado. Alegrarme polo éxito crítico de Tabu é, pois, unha maneira de alegrarme por Miguel. E por Luís Urbano e Sandro Aguilar, os seus produtores. A Luís e a Miguel coñecinos ao mesmo tempo, cando viñeron á Coruña por mor do ciclo e a carta branca que o CGAI lle dedicou ao autor do Aquele querido mês de agosto. Con Sandro xa tivera un primeiro contacto uns meses antes en Xixón, e coñecino “de verdade” na edición do Indie antes citada, onde el presentaba a sublime Voodoo. Aquela visita ao Indie foi a máis breve das que eu fixen a ese festival, xusto unha fin de semana; a proximidade de Cannes, o Cannes de Todos vós sodes capitáns, suxería regresar cedo á casa. Ese Cannes para o que tanto e tan rápido houbo que facer e que aprender (e a xente d'O Som e a Fúria estaba aí para dar consellos).

Sinto por eles aprecio suficiente como para experimentar ledicia polas cousas boas que lles pasen. Con orgullo podo chamalos amigos, un substantivo que no sucesivo penso empregar máis a miúdo e con máis xenerosidade; e reencontrarme con amigos coma eles (ou coma Gonçalo Tocha, João Botelho, Francisco Ferreira ou a turma do Indie, por citar apenas algúns dos vinculados co cinema) é unha das causas polas que volvo sempre que podo, e sempre feliz, a Lisboa. Máis alá do afecto, tamén sinto que todos eles son “dos meus”, que partillan a miña mesma maneira de entender este negocio. Que gozan co cinema e non coas súas pompas e circunstancias, que se preocupan pola beleza das imaxes e non pola lonxitude do tapete vermelho. Xente para a cal a cultura non é unha palabra baleira que aparece na súa tarxeta de presentación. Que se fan preguntas, reflexionan e crean. Que saben que o progreso esixe non conformarse e ensaiar outros camiños, aceptando o risco de equivocarse.

As mellores películas do pasado, esas que son tan grandes que xa ninguén ten a imprudencia de cuestionalas, fixéronas persoas coma eles, homes e mulleres que puxeron nas súas imaxes amor, talento e traballo. As mellores películas do futuro fanas hoxe Miguel, Gonçalo e moitos outros, e aínda que algúns, os menos atentos, tardarán cincuenta ou sesenta anos en enterarse, somos lexión os que xa sabemos recoñecelo. Alégrome polo éxito dos amigos. Alégrome por eles, e tamén porque o seu triunfo é tamén o triunfo dun xeito de ver o mundo.

Martin Pawley

domingo, 12 de febreiro de 2012

A verdade como mal menor

Mentiras arriscadas

Despois dos premios outorgados nas súas dúas primeiras edicións ás novelas de Miguel Sande e Anxos Sumai o Repsol YPF de Narrativa deu en 2008 un inesperado xiro ao destacar como mellor obra entre as presentadas unha de Xosé Luís Martínez Pereiro que desafía calquera esforzo de clasificación. A verdade como mal menor é unha compilación de corenta e cinco textos breves aos que case resulta difícil chamar relatos; un dos membros do xurado, Anxo Tarrío, dixo que encaixaba “no xénero clásico da facecia”, cultismo que cadra ben coa erudición retranqueira que segundo a presentación editorial caracteriza o volume e que quizá explique a presenza de frases enteiras en francés (páxinas 32, 33 ou 41) e italiano (páxinas 45 e 46) sen a correspondente tradución ao noso idioma. Martínez Pereiro cualificouno en A Nosa Terra de “divertimento” para logo advertir que el escribe “para pasalo ben” e “compartir eses bos momentos cos que me queiran ler”. A declaración revela a esixencia dun lector cómplice disposto a aceptar o enredo literario que o escritor propón, complicidade que é condición necesaria mais non suficiente para poñer en valor o libro e experimentar satisfacción coa súa lectura.

De duración variábel e apenas ligadas entre si, as pezas que compoñen A verdade como mal menor camiñan entre a reflexión de matices paródicos e esperpénticos e a chiscadela cultureta, alimentada por infinidade de referencias nalgúns casos documentadas e noutros nacidas da imaxinación do autor, un exercicio que en mans de grandes escritores -por exemplo, Cunqueiro ou Vila-Matas- leva producido magníficos resultados. Personaxes históricos como San Agustín de Hipona e a raíña Marie-Antoinette desfilan por unha obra que cita ademais moitos intelectuais contemporáneos, nomeadamente franceses, caso de Georges Bataille ou Alphonse Boudard, introducidos dentro do xogo creativo con intencións moitas veces desmitificadoras. Martínez Pereiro recoñece o seu gusto por humanizar os personaxes a forza de recordarnos que cometían erros e tiñan vida sexual. “Nietzsche non só filosofaba, tamén comía e tiña fantasías eróticas”, contaba hai unhas semanas nunha entrevista, e de feito é Nietzsche unha das vítimas da pulsión burlesca do escritor coruñés, que afirma do alemán que “igual non se masturbaba, pero está fóra de toda dúbida que (…) facía pallas mentais”, no que debe ser un exemplo da “fina ironía” que anuncia a contracapa. O sexo está moi presente de principio a fin e así iremos tendo noticia dos 758 amantes que tivo Pauline Bonaparte, a irmá pequena e favorita de Napoleón; do tamaño do membro viril de Louis XIV “Le Grand” e dos preservativos de intestino de ovella “que lle provocaban reacción” porque “os lavaba para dárenlles varios usos”, ou da excitación do psicólogo Havelock Ellis cando vía mexar a unha muller. O libro disque está cheo de desinhibición, atrevido erotismo e humor, mais eu non fun capaz de atopar nada diso por ningures. “Dun tempo a esta parte é moi doado dicir conachadas en literatura”, asegura o autor nas páxinas finais; con iso, pola contra, si que estou completamente de acordo.

Martin Pawley. Publicado en PROTEXTA, suplemento de libros da revista Tempos Novos, nº 9, inverno 2009.

venres, 10 de febreiro de 2012

A vida nova de Madame Bovary

Amarga victoria

Empezarei cunha obviedade: a obra que Xosé Carlos Caneiro (Verín, 1963) leva publicada permítelle ocupar xa unha páxina destacada na historia da cultura galega. É o único autor, xunto a Inma López Silva (Santiago, 1978), en ter recibido os dous premios de novela mellor dotados do país, o Xerais -en 1992, con O infortunio da soidade-, e o Blanco Amor -con Ébora, no ano 2000, que foi ademais Premio Eixo Atlántico-. Non remata aí a listaxe de galardóns que acumula o escritor verinés: ten o Torrente Ballester (Un xogo de apócrifos), o García Barros (Talvez melancolía), o Vicente Risco de narrativa fantástica (A rosa de Borges) e outros máis no ámbito da poesía (o Celso Emilio Ferreiro, o Cidade de Ourense ou o Johán Carballeira). A súa obra coñece unha difusión que para si quixeran a maioría dos autores galegos, mais non por iso deixa Caneiro de sentirse ignorado polo sistema, mesmo maltratado, recompensado apenas polo entusiasmo dun bo número de devotísimos seguidores que agradecen e aplauden a rabiar os seus cada vez máis voluminosos libros.

Caneiro ía para clásico en vida, mais polo de agora queda en autor de culto, que non é pouco. Exerce de outsider e polemiza cos seus colegas de profesión, nomeadamente Santiago Jaureguizar -"un redactor de escasa lucidez e ínfimo talento", dixo del no seu blog-, mais tamén Manuel Rivas e Suso de Toro. Porén é moi xeneroso co xornal onde escribe, tanto na nosa lingua como nesa que din “común”, até dicir con infinita desmesura que “non hai ningunha institución, persoa ou grupo político que faga unha defensa máis tenaz deste país e dos seus intereses que La Voz de Galicia”. Aí asoma o Caneiro fiel, amigo dos seus amigos, afectuoso e cordial. O escritor bohemio e amante dos boleros, música esa que García Márquez colocou no límite que separa o sublime e o ridículo. Esa condición fronteiriza, que o Nobel colombiano aplicaba tamén a Cien años de soledad, valería, salvando as distancias, oceánicas neste caso, para cualificar a escrita de Xosé Carlos Caneiro, e en particular a súa obra máis recente, A vida nova de Madame Bovary, pois toda ela fica nalgún punto intermedio do camiño que leva da xenialidade ao desastre, e na práctica situala nun ou noutro extremo depende tan só do grao de "caneirofilia" do lector, que adorará o seu desatado lirismo ou escachará de risa ante tanto melindre pretensioso.

Nas primeiras páxinas de A vida nova de Madame Bovary, a protagonista, Hermelinda, foxe dunha vida triste e gris, sen paixón, xunto a un home que a engana e cun título de Doutora en Literatura Comparada pendurado da parede. É unha “idiota que pasou vinte anos postrada aos pés do seu marido”, sempre á espera de que “alguén escribise para ela un poema de amor”, frases estas que parecen sacadas dunha novela de Danielle Steel. Hermelinda coñece a Arístide Rocamora, “vendedor de alfombras e enciclopedias”, buscador tamén de seres na procura dun compás que os guíe e que acaban confluíndo na pensión “O Gatopardo”, da que é patroa Aurorita, unha prostituta retirada, con “clase” e “cultura”.

Perdedores, noctámbulos e adictos ao amor crúzanse ao longo das setecentas páxinas dunha novela chea de referencias literarias que é Caneiro en estado puro, cunha prosa coidada que parece exixir máis un recitado que unha lectura, e desta volta quizá cun maior pouso de humor e optimismo. Unha nova demostración da coherencia estilística dun autor de quen non podemos negar que escribe moi ben iso que el quere escribir, e que no seu rexistro é imbatíbel: ninguén vai facer nunca de Caneiro mellor que Caneiro, igual que lle pasaba a Umbral, poñamos por caso. Que cada un decida logo se esta Vida nova é unha obra mestra ou un delirio romanticón; eu, se lles hei de ser sincero, atópome entre estes últimos.

Martin Pawley. Publicado en PROTEXTA, Suplemento de libros da revista TEMPOS NOVOS, nº 7, verán 2008.

xoves, 9 de febreiro de 2012

Publicacións do Festival de Xixón 2007

Entre a morea de festivais que se celebran en España, moitos dos cales parecen atender ao gusto dos políticos polas alfombras vermellas máis que a unha curiosidade real polo cinema, sobresae desde hai anos o Festival Internacional de Xixón, que da man dun equipo eficacísimo comandado por José Luis Cienfuegos, un director con gran personalidade, soubo reiventarse na procura dun público heteroxéneo que inclúe por igual aos vellos cinéfilos e aos máis novos e atentos a todo o que ula a modernidade. A carón dunha sección oficial atrevida que aposta por autores emerxentes que dificilmente chegarían ás salas comerciais, o festival destaca polos seus moi estimulantes ciclos, que veñen sempre acompañados por publicacións de desigual interese.

Paisajes y figuras: perplejos. El nuevo cine alemán 1962-1982 é o título do excelente volume coordinado por Carlos Losilla e José Enrique Monterde, que se une á espléndida serie de libros e retrospectivas que vén explorando as transformacións do cinema nos anos sesenta. A través dun total de vinte artigos o libro revisa esas dúas décadas efervescentes nas que deron os seus primeiros pasos cineastas coma Werner Herzog, Rainer Werner Fassbinder ou Wim Wenders, pero tamén outros menos coñecidos polo público (e nalgúns casos inéditos en España) coma Alexander Kluge, Harun Farocki ou a imprescindíbel parella que formaron Jean Marie Straub e Danielle Huillet. O volume complétase cun utilísimo dicionario de autores e unha pequena escolma de documentos e manifestos moi valiosos para entender o movemento e as súas intencións. A mala noticia é que con esta entrega o Festival de Xixón dá por pechada a súa participación neste proxecto de revisión dos "novos cinemas", que en conxunto queda coxo por ignorar os apaixonantes vieiros abertos nesa altura do século XX en Latinoamérica, África e Asia.

O valor da polo demais coidada monografía Shinya Tsukamoto, poeta y guerrillero del cinematógrafo é directamente proporcional ao interese que sintamos pola obra do director xaponés, que no meu caso non é moito. Pantallas depredadoras, el cine ante la cultura visual digital reúne as conferencias da edición de 2006 do curso Universo Media, e é a clase de publicación que posibelmente teña máis sentido en formato PDF que editada en papel. O mesmo vale para os dous volumes da colección Artefactos de lectura presentados este ano, que xa desde o nome revelan a súa condición híbrida de folletos que pretenden parecer libros. O número 1, sorprendentemente pouco atractivo, acolle diversos textos que presentan a obra dos homenaxeados Pawel Pawlikowski, Danielle Arbid e Carlos Reygadas. Máis fermoso é o caderno Algunos paseos por la ciudad de Sylvia, compilación urxente de artigos sobre os filmes de José Luis Guerín aos que se refire o título, pero non por ter unha presentación vistosa deixa de ser un "capricho sofisticado" máis que un libro en si.

Paisajes y figuras: perplejos. El nuevo cine alemán, 1962-1982. Edición de Carlos Losilla e José Enrique Monterde. 428 páxinas | Pawel Pawlikowski, Danielle Arbid, Carlos Reygadas: Claves para tres miradas. Colección Artefactos de Lectura, número 1. Textos de Maxine Baker, Miguel Cane, J. C. Gea, Marcelo Panozzo, Jaime Pena e Tino Pertierra. 60 páxinas | Algunos paseos en la ciudad de Sylvia. Coordinadores: Carlos Losilla e Jaime Pena. Colección Artefactos de Lectura, número 2. 72 páxinas | Pantallas depredadoras: el cine ante la cultura visual digital. Vicente Domínguez (editor). 180 páxinas | Shinya Tsukamoto: poeta y guerrillero del cinematógrafo. José Luis Rebordinos (editor). 172 páxinas.

Martin Pawley. Publicado en PROTEXTA, Suplemento de libros da revista TEMPOS NOVOS, nº 5, inverno 2008.

Publicacións do Festival de Donostia 2007

Alén da selección de filmes que inclúa en competición, un festival de cinema pode medirse tamén pola calidade das retrospectivas que organiza, que adoitan ser, ademais, un bo refuxio contra a mediocridade das seccións oficiais, como a que vimos de padecer en Donostia. Na súa edición número 55 o maior dos certames españois incluíu ciclos dedicados ao cinema nórdico contemporáneo e aos directores Philippe Garrel e Henry King, nos tres casos acompañados de volumes en español e inglés de singular interese.

En Fiebre helada. El nuevo cine nórdico Christian Monggaard repasa a produción fílmica desenvolvida nestes últimos anos en Dinamarca, Finlandia, Islandia, Noruega e Suecia. O libro, de pretensións meramente introdutorias, incorpora un pequeno dicionario de directores escandinavos, e por suposto índices onomásticos e de películas, característica esa común a todas as publicacións do Festival.

Bastante máis valioso resulta o volume coordinado por Quim Casas, Philippe Garrel. El cine revelado, por achegarse a un cineasta de enorme prestixio que porén permanecía inédito nas salas comerciais españolas. O director d'O nacemento do amor e d'Os amantes regulares é un creador radical, de vida apaixonada e extrema, por momentos autodestrutiva, da que deixou boa constancia nas súas películas. Nun dos capítulos Juan Bufill explora os anos que Garrel viviu coa cantante Nico: “Lembro a miña derradeira visita á parella. O teléfono estaba cortado por falta de pagamento, pero tamén a luz e a calefacción. Era unha cova no centro de París, perto da Ópera, chea de xiringas e culleres dobradas. A heroína era a dona”. Aquilo rematou hai tempo. Hoxe Garrel é “un home feliz, saudábel, salvado: ten fillos, fai cinema e pensa xa sen desorde”, e a súa obra vai gañando unha merecida visibilidade. O espléndido libro está coeditado polo Centro Galego de Artes da Imaxe, e conta coa colaboración do seu programador, Jaime Pena.

A retrospectiva clásica serviu desta volta para canonizar a Henry King, director sempre vencellado a un mesmo estudio, a 20th Century Fox. A dicir de Quim Casas, coordinador xunto a Ana Cristina Iriarte da publicación, Henry King “deu a case todos os xéneros polo menos unha obra mestra, ou unha película de ruptura, ou unha obra inclasificábel segundo os parámetros tradicionais”, e este feito colócao uns chanzos por riba dos eficaces artesáns do Hollywood clásico. Coeditado polo Festival de Donostia e a Filmoteca Española, o volume contén artigos, entre outros, de Carlos Losilla, Ricardo Aldarondo e Miguel Marías, así como un de Gregory Peck no que o actor revisa a súa estreita colaboración co cineasta.

Martin Pawley. Publicado en PROTEXTA, Suplemento de libros da revista Tempos Novos, nº 4, outono 2007.

mércores, 8 de febreiro de 2012

Revista Bloc

Azos de excelencia

Bloc nace con vocación de universalidade e excelencia, dito sexa sen presunción. Non quere ser unha publicación máis sobre literatura e arte; non pretende estar pegada á actualidade, nin vai servir de altofalante dos produtos de moda que hoxe inundan o mercado para caer mañá no máis absoluto esquecemento. A intención tampouco é a de dignificar a literatura infantil e xuvenil, pois esta xa é digna de seu, malia o malsoante desprezo que aínda hoxe amosan sen arroxar coa vergoña algúns individuos, verdadeiros energúmenos que non deixan de selo polo feito de teren obra publicada. Ao que Bloc aspira é a se converter nun espazo para a análise e a reflexión sobre a creación literaria, dedicando especial atención á relación entre textos e imaxes, en particular no ámbito dos álbumes ilustrados. Bloc escapa do "todo vale" que os medios xeralistas aplican aos libros para nenos e reclama o mesmo nivel de esixencia crítica que lle outorgarían á creación artística para adultos. Reivindica o rigor sen pecar de academicismo, sen abrumar o lector co típico discurso cultureta tan pomposo coma inane. Esa vontade clara de excelencia non se limita aos contidos textuais e gráficos, senón que se estende ao extraordinario deseño e maquetación das súas páxinas: o continente está á altura dos contidos e fai de Bloc un abraiante obxecto de desexo.

A revista, que estará dispoñíbel unicamente por subscrición, presentouse formalmente en Madrid o pasado vinte de novembro, coa entrega dun número 0 (PDF, 8,9MB) que serve de perfecta declaración de intencións. Como arranque, poemas de Marina Colasanti ilustrados para a ocasión por Pablo Auladell. A seguir, entrevistas a Jutta Bauer, Michel Tournier e Manuel Estrada. Máis adiante, dez recensións sobre outros tantos álbumes ilustrados, e para pechar o número tres artigos que evocan a figura da falecida Asun Balzola, unha das artistas senlleiras do panorama da LIX española dos últimos trinta anos. O esforzo deu excelentes resultados, que agardamos se manteñan nos próximos exemplares, que se ocuparán de maneira monográfica da “fotografía” (primavera 2008) e do concepto de “cidade” (outono 2008).

BLOC, REVISTA INTERNACIONAL DE ARTE Y LITERATURA INFANTIL
Español/Inglés. Semestral. 100 páxinas.
Dirección: Xabier P. DoCampo. Edición: Raquel López.

Martin Pawley. Publicado en PROTEXTA, Suplemento de libros da revista TEMPOS NOVOS, nº 5, inverno 2008.

martes, 7 de febreiro de 2012

A venus de cristal

Mulleres en Venecia

“Pietro Puliani é un afamado vidreiro veneciano que posúe grandes coñecementos sobre alquimia e poderes adivinatorios aprendidos en Exipto”. A primeira frase da contracapa coa que a editorial promociona A venus de cristal parece deixar clara unha saudábel intención de serie B, con ese protagonista enigmático que vive nun maxestoso palacio, oculta o rostro baixo unha máscara carnavalesca e traballa “con métodos que están fóra da comprensión humana”. Ingredientes coma estes debían facer que o prato tivese un agradábel arrecendo a folletín, pero a prosa requintada da autora quere apuntar nunha liña ben diferente: o libro ten unha certa vontade de transcendencia e agacha baixo a súa recargada imaxinería unha reflexión sobre a procura da beleza, co mito da inmortalidade e a perfección da xuventude asomando ao fondo.

Ambientada na Venecia do século XV, descrita de maneira tópica como unha engaiolante cidade de vicio e perdición, A venus de cristal convértese nun estraño híbrido a medio camiño entre O perfume de Patrick Süskind e un serial bizarro ao estilo do Fu-Manchú de Sax Rohmer. Polas súas páxinas desfilan nobres intrigantes, prostitutas desdentadas e lascivas, escravas fermosas que tocan a cítara e no treito final Giuliano de Médici e Sandro Botticelli, enfeitizados os dous pola muller “máis bela entre as belas”, Simonetta Cattanei, de “palidez alabastrina” e co “candor reflectido nas súas delicadas formas”. Abenzoada pola brevidade, a noveliña de Chelo Suárez é un simpático despropósito que dificilmente pode inspirar animadversión e si porén moita tenrura. A obra formou parte da terna de finalistas do Premio Xerais no ano 2006: agora podemos comprender o atinada que foi a decisión dun xurado que escolleu como gañador a Diego Ameixeiras pola moi superior Tres segundos de memoria.

Martin Pawley. Publicado en PROTEXTA, Suplemento de libros da revista Tempos Novos, nº 6, primavera 2008.

venres, 3 de febreiro de 2012

A propósito da marca “Audiovisual galego”

por Manolo González

1
Fagamos un pouco de historia. Alá polo xa remoto 2004, dende as instancias oficiais da Xunta de Fraga reclamábase a creación dunha marca para o audiovisual galego –semellante á “tenreira galega”ou “viños do Rosal”- como paso imprescindíbel para a internacionalización do audiovisual. Pasou o tempo e no 2006, ao comezo do goberno bipartito, o Clúster Audiovisual Galego retomou de novo o concepto. Organizaron un programa de foros e xornadas de análise que, ademais, serviu de pretexto para unha xenerosa subvención da Consellería de Industria (350 000 euros) co obxecto de realizar “un estudo de viabilidade para o desenvolvemento da “Marca do Audiovisual Galego”. Aínda vivíamos nunha situación na que os inventos semánticos subvencionados podían seguir recreándose sen contestación ou debate algún da sociedade civil. E así foi. Contratouse unha empresa española especializada en marcas -Positioning Systems- para que fixera una documentada pescuda. E certo día deron conta dos resultados da “sofisticada investigación”. Nela, o experto Raúl Peralba concluíu contundentemente que “non había posibilidade polo de agora de crear unha marca para o audiovisual galego", pero quizais habería que apostar pola “calidade” e sobre todo “gañar premios nos festivais”. Tremenda conclusión que lle funde os miolos a calquera intelixencia. Aínda así o CLAG amosábase convencido de que esta marca sería “unha ferramenta estratéxica para o desenvolvemento futuro, a competitividade e a promoción internacional do audiovisual galego”. Como afirmaban, “ata que Galicia sexa o Ferrari ou Porsche do sector”. E concluían: “A creación e utilización dunha marca sectorial e colectiva dará maior cohesión ao sector audiovisual galego, mellorará o seu posicionamento no mercado global e incrementará as súas posibilidades de negocio, expansión, recoñecemento e internacionalización, que as producións galegas dispoñan dunha imaxe de marca propia que as distinga e personalice alá onde se exhiban, como referencia de calidade”.

2
Mais, qué é unha marca? Segundo o dicionario, é unha estrutura simbólica que representa un conxunto de informacións sobre un produto, servizo o grupo de produtos, asociado aos axentes económicos que os producen ou comercializan. Constitúen un xeito de identificación e diferenciación dos produtos nos mercados globalizados e danlle valor engadido a cantos produtos se asocian coa marca xenérica. A marca inclúe o produto, sumándolle o valor agregado do impacto das marcas asociadas. Un produto pode ser imitado, mentres que unha marca é algo único e inimitábel.

Polo tanto, podería ser un bo punto de partida pegarlle un repaso ás marcas que agromaron na historia do cinema e conseguiron unha aceptábel resposta nos mercados internacionais, ademais de contribuír ao desenvolvemento das industrias nacionais. Todas as cinematografías pularon ao longo do tempo por acadar unha certa idiosincrasia que as diferenciara do resto para competir e posicionarse nos mercados internacionais. Podemos lembrar a loita pola conquista do mercado hispano coa chegada do sonoro entre México, España, Arxentina ou Cuba e os xéneros e tipos de películas que se producían a tal fin. Os que coñecen ben este negocio saben perfectamente que as “marcas” do audiovisual construíronse historicamente pola adscrición a unha temática ou especialización nos seus contidos (cine nórdico, peplum italiano, spaghetti-western, culebróns latinoamericanos, etc); un certo estilo visual e narrativo diferenciado (o cine expresionista alemán, a nouvelle vague francesa, o cinema de Hollywood ou o manga xaponés); un modelo de produción (neorrealismo italiano, dogma danés) ou pola presenza dunha locomotora (unha produtora, un director) que tiran do resto e conseguen xerar a marca colectiva dos compañeiros de viaxe.
E temos algo diso en Galicia?

Non dispoñemos -polo de agora- de buques insignia (películas ou directores sobre as que construír a marca); a temática ten mais que ver co mundo exterior que co propio; o modelo de produción, ata hai ben pouco, era a coprodución minoritaria, é dicir, onde os galegos non son os posuidores do discurso (nin do negativo) e que se saiba polo momento –agás moi contadas excepcións- ben poucas das case 140 longametraxes con subvencións públicas acadaron éxito algún no mercado internacional ou tiveron unha traxectoria prestixiosa con premios internacionais fulminantes.

Só no caso da animación temos acadado unha incipiente imaxe de marca que cumpriría desenvolver máis decididamente, xa que poderían pular polo resto da industria audiovisual galega. Aínda así, algúns seguen a porfiar no asunto da marca “cine galego”, coma unha simple oportunidade de negocio, unha encarnación da vacuidade conceptual, da propaganda e do engado para confundiren á opinión publica.

3
Nunha análise ortodoxa só poderíamos falar de “marca audiovisual” propia cando os protagonistas e propietarios maioritarios do discurso sexamos nós mesmos, ou apostemos en firme pola lingua, cultura, temas, directores, actores, e guionistas deste país. Namentres ese día non chegue, o único que teremos é un paraugas de papel en tardes de choiva, innecesario, inútil, e que non servirá para construír un camiño compartido. O traballo de creación dunha marca comeza pola conquista do mercado interno, que o recoñece coma propio, coma unha fortaleza mais para a conquista do exterior. Ese debería ser o cerne no que buscar o "elemento diferencial" que posicione o audiovisual galego "coma marca internacional". Prantexalo como unha mera operación económica e mercantil, renunciando á enunciación de sinais de identidade e non construír un audiovisual propio, implica darlle as costas ao resto das industrias culturais galegas e tamén á propia idiosincrasia do cinema coma eixo imprescindíbel das culturas contemporáneas. A marca podería cimentarse en fundamentos referenciais nidios que permitiran a súa identificación a través de elementos estruturais, temáticos ou formais, establecer sinerxías relevantes co resto das industrias culturais galegas ou universais (arte, literatura, musica, etc) ou de probado carácter estratéxico (turismo). E que ademais, aposten decididamente pola rede como ferramenta indispensábel en todos os procesos da cadea de valor: dende a produción, distribución ou o consumo.

Epílogo: Motivos para a esperanza
Mais nestes últimos tempos agromaron novas nos xornais con estraños titulares nunca vistos, a respecto dun fato de cintas producidas ao marxe da industria convencional e que si dispoñen dun estilema de marca: o chamado “Novo cinema galego”. Cintas de intensa circulación en prestixiosos festivais internacionais e que ao fin están facendo realidade os consellos de Raúl Peralba ao CLAG. Tamén resulta novidosa a publicidade doutros filmes que interesan no mercado interno ou externo e que se venden co insólito reclamo de “unha película 100% galega”. Nos case 30 anos de historia do audiovisual galego é a primeira vez que filmes galegos falan de igual a igual co resto dos creadores contemporáneos nos principais eventos cinematográficos do mundo. O feito de que se sitúen na periferia do sistema industrial e case ao marxe da política de subvencións, permiten sermos optimistas sobre a súa continuidade e o seu futuro, a pesares da crise ou das negras sombras que ameazan o devalar da industria audiovisual en España. Que cada un saque as súas conclusións.

Publicado en IGADI INFORME ANUAL 2012