Entre a morea de festivais que se celebran en España, moitos dos cales
parecen atender ao gusto dos políticos polas alfombras vermellas máis
que a unha curiosidade real polo cinema, sobresae desde hai anos o
Festival Internacional de Xixón, que da man dun equipo eficacísimo
comandado por José Luis Cienfuegos, un director con gran personalidade,
soubo reiventarse na procura dun público heteroxéneo que inclúe por
igual aos vellos cinéfilos e aos máis novos e atentos a todo o que ula a
modernidade. A carón dunha sección oficial atrevida que aposta por
autores emerxentes que dificilmente chegarían ás salas comerciais, o
festival destaca polos seus moi estimulantes ciclos, que veñen sempre
acompañados por publicacións de desigual interese.
Paisajes y
figuras: perplejos. El nuevo cine alemán 1962-1982 é o título do
excelente volume coordinado por Carlos Losilla e José Enrique Monterde,
que se une á espléndida serie de libros e retrospectivas que vén
explorando as transformacións do cinema nos anos sesenta. A través dun
total de vinte artigos o libro revisa esas dúas décadas efervescentes
nas que deron os seus primeiros pasos cineastas coma Werner Herzog,
Rainer Werner Fassbinder ou Wim Wenders, pero tamén outros menos
coñecidos polo público (e nalgúns casos inéditos en España) coma
Alexander Kluge, Harun Farocki ou a imprescindíbel parella que formaron
Jean Marie Straub e Danielle Huillet. O volume complétase cun utilísimo
dicionario de autores e unha pequena escolma de documentos e manifestos
moi valiosos para entender o movemento e as súas intencións. A mala
noticia é que con esta entrega o Festival de Xixón dá por pechada a súa
participación neste proxecto de revisión dos "novos cinemas", que en
conxunto queda coxo por ignorar os apaixonantes vieiros abertos nesa
altura do século XX en Latinoamérica, África e Asia.
O valor da
polo demais coidada monografía Shinya Tsukamoto, poeta y guerrillero del
cinematógrafo é directamente proporcional ao interese que sintamos pola
obra do director xaponés, que no meu caso non é moito. Pantallas
depredadoras, el cine ante la cultura visual digital reúne as
conferencias da edición de 2006 do curso Universo Media, e é a clase de
publicación que posibelmente teña máis sentido en formato PDF que
editada en papel. O mesmo vale para os dous volumes da colección
Artefactos de lectura presentados este ano, que xa desde o nome revelan a
súa condición híbrida de folletos que pretenden parecer libros. O
número 1, sorprendentemente pouco atractivo, acolle diversos textos que
presentan a obra dos homenaxeados Pawel Pawlikowski, Danielle Arbid e
Carlos Reygadas. Máis fermoso é o caderno Algunos paseos por la ciudad
de Sylvia, compilación urxente de artigos sobre os filmes de José Luis
Guerín aos que se refire o título, pero non por ter unha presentación
vistosa deixa de ser un "capricho sofisticado" máis que un libro en si.
Paisajes y figuras: perplejos. El nuevo cine alemán, 1962-1982. Edición de Carlos Losilla e José Enrique Monterde. 428 páxinas | Pawel
Pawlikowski, Danielle Arbid, Carlos Reygadas: Claves para tres miradas.
Colección Artefactos de Lectura, número 1. Textos de Maxine Baker,
Miguel Cane, J. C. Gea, Marcelo Panozzo, Jaime Pena e Tino Pertierra. 60
páxinas | Algunos paseos en la ciudad de Sylvia. Coordinadores:
Carlos Losilla e Jaime Pena. Colección Artefactos de Lectura, número 2.
72 páxinas | Pantallas depredadoras: el cine ante la cultura visual digital. Vicente Domínguez (editor). 180 páxinas | Shinya Tsukamoto: poeta y guerrillero del cinematógrafo. José Luis Rebordinos (editor). 172 páxinas.
Martin Pawley. Publicado en PROTEXTA, Suplemento de libros da revista TEMPOS NOVOS, nº 5, inverno 2008.
Ningún comentario:
Publicar un comentario