Alén da selección de filmes que inclúa en competición, un festival de
cinema pode medirse tamén pola calidade das retrospectivas que organiza,
que adoitan ser, ademais, un bo refuxio contra a mediocridade das
seccións oficiais, como a que vimos de padecer en Donostia. Na súa
edición número 55 o maior dos certames españois incluíu ciclos dedicados
ao cinema nórdico contemporáneo e aos directores Philippe Garrel e
Henry King, nos tres casos acompañados de volumes en español e inglés de
singular interese.
En Fiebre helada. El nuevo cine nórdico
Christian Monggaard repasa a produción fílmica desenvolvida nestes
últimos anos en Dinamarca, Finlandia, Islandia, Noruega e Suecia. O
libro, de pretensións meramente introdutorias, incorpora un pequeno
dicionario de directores escandinavos, e por suposto índices onomásticos
e de películas, característica esa común a todas as publicacións do
Festival.
Bastante máis valioso resulta o volume coordinado por
Quim Casas, Philippe Garrel. El cine revelado, por achegarse a un
cineasta de enorme prestixio que porén permanecía inédito nas salas
comerciais españolas. O director d'O nacemento do amor e d'Os amantes
regulares é un creador radical, de vida apaixonada e extrema, por
momentos autodestrutiva, da que deixou boa constancia nas súas
películas. Nun dos capítulos Juan Bufill explora os anos que Garrel
viviu coa cantante Nico: “Lembro a miña derradeira visita á parella. O
teléfono estaba cortado por falta de pagamento, pero tamén a luz e a
calefacción. Era unha cova no centro de París, perto da Ópera, chea de
xiringas e culleres dobradas. A heroína era a dona”. Aquilo rematou hai
tempo. Hoxe Garrel é “un home feliz, saudábel, salvado: ten fillos, fai
cinema e pensa xa sen desorde”, e a súa obra vai gañando unha merecida
visibilidade. O espléndido libro está coeditado polo Centro Galego de Artes da Imaxe, e conta coa colaboración do seu programador, Jaime Pena.
A
retrospectiva clásica serviu desta volta para canonizar a Henry King,
director sempre vencellado a un mesmo estudio, a 20th Century Fox. A
dicir de Quim Casas, coordinador xunto a Ana Cristina Iriarte da
publicación, Henry King “deu a case todos os xéneros polo menos unha
obra mestra, ou unha película de ruptura, ou unha obra inclasificábel
segundo os parámetros tradicionais”, e este feito colócao uns chanzos
por riba dos eficaces artesáns do Hollywood clásico. Coeditado polo
Festival de Donostia e a Filmoteca Española, o volume contén artigos,
entre outros, de Carlos Losilla, Ricardo Aldarondo e Miguel Marías, así
como un de Gregory Peck no que o actor revisa a súa estreita
colaboración co cineasta.
Martin Pawley. Publicado en PROTEXTA, Suplemento de libros da revista Tempos Novos, nº 4, outono 2007.
Ningún comentario:
Publicar un comentario