Amosando publicacións coa etiqueta Festival de Donostia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Festival de Donostia. Amosar todas as publicacións

xoves, 9 de febreiro de 2012

Publicacións do Festival de Donostia 2007

Alén da selección de filmes que inclúa en competición, un festival de cinema pode medirse tamén pola calidade das retrospectivas que organiza, que adoitan ser, ademais, un bo refuxio contra a mediocridade das seccións oficiais, como a que vimos de padecer en Donostia. Na súa edición número 55 o maior dos certames españois incluíu ciclos dedicados ao cinema nórdico contemporáneo e aos directores Philippe Garrel e Henry King, nos tres casos acompañados de volumes en español e inglés de singular interese.

En Fiebre helada. El nuevo cine nórdico Christian Monggaard repasa a produción fílmica desenvolvida nestes últimos anos en Dinamarca, Finlandia, Islandia, Noruega e Suecia. O libro, de pretensións meramente introdutorias, incorpora un pequeno dicionario de directores escandinavos, e por suposto índices onomásticos e de películas, característica esa común a todas as publicacións do Festival.

Bastante máis valioso resulta o volume coordinado por Quim Casas, Philippe Garrel. El cine revelado, por achegarse a un cineasta de enorme prestixio que porén permanecía inédito nas salas comerciais españolas. O director d'O nacemento do amor e d'Os amantes regulares é un creador radical, de vida apaixonada e extrema, por momentos autodestrutiva, da que deixou boa constancia nas súas películas. Nun dos capítulos Juan Bufill explora os anos que Garrel viviu coa cantante Nico: “Lembro a miña derradeira visita á parella. O teléfono estaba cortado por falta de pagamento, pero tamén a luz e a calefacción. Era unha cova no centro de París, perto da Ópera, chea de xiringas e culleres dobradas. A heroína era a dona”. Aquilo rematou hai tempo. Hoxe Garrel é “un home feliz, saudábel, salvado: ten fillos, fai cinema e pensa xa sen desorde”, e a súa obra vai gañando unha merecida visibilidade. O espléndido libro está coeditado polo Centro Galego de Artes da Imaxe, e conta coa colaboración do seu programador, Jaime Pena.

A retrospectiva clásica serviu desta volta para canonizar a Henry King, director sempre vencellado a un mesmo estudio, a 20th Century Fox. A dicir de Quim Casas, coordinador xunto a Ana Cristina Iriarte da publicación, Henry King “deu a case todos os xéneros polo menos unha obra mestra, ou unha película de ruptura, ou unha obra inclasificábel segundo os parámetros tradicionais”, e este feito colócao uns chanzos por riba dos eficaces artesáns do Hollywood clásico. Coeditado polo Festival de Donostia e a Filmoteca Española, o volume contén artigos, entre outros, de Carlos Losilla, Ricardo Aldarondo e Miguel Marías, así como un de Gregory Peck no que o actor revisa a súa estreita colaboración co cineasta.

Martin Pawley. Publicado en PROTEXTA, Suplemento de libros da revista Tempos Novos, nº 4, outono 2007.

sábado, 30 de xullo de 2011

Donostia, o curmán pobre

A Mostra de Venecia fixo pública onte a súa inabarcábel programación completa, cunha sección competitiva que combina grandes autores –Cronenberg, Ferrara, Garrel, Polanski, Friedkin, Sokurov– e cineastas que se incorporaron á pasarela festivaleira nos últimos anos –Giorgos Lanthimos, Steve McQueen, Andrea Arnold–. O luxo cinéfilo prosegue fóra de concurso con Chantal Akerman, Marco Bellocchio, Ermano Olmi, Victor Kossakovsky ou Al Pacino, mais a volta da parella Claude Nuridsany & Marie Perennou, autores de Microcosmos e Xénese. En Orizzonti, a portuguesa Teresa Villaverde (Cisne) e o chileno José Luis Torres Leiva (Verano) nunha ampla listaxe na que tamén resoan os nomes de Michael Glawogger, Ross McElwee e Ben Rivers.

Unhas horas antes o Festival de Donostia daba a coñecer once títulos da súa sección oficial, e o anuncio revela con claridade as dificultades para facerse un oco nun calendario no que por orzamento e por historia son o curmán pobre. Con Venecia coma meta inalcanzábel, a estratexia pasa por acoller filmes que teñen a súa verdadeira premiere en Toronto, caso dos de Terence Davies –a gran figura desta edición–, Sarah Polley e Mathieu Demy, o fillo de Jacques, a quen se lle dedica unha retrospectiva. Posto que pasaron por salas nos seus países de orixe tampouco son presentacións mundiais nin a comedia Los Marziano de Ana Katz, estreada con éxito na Arxentina a finais de abril, nin Kiseki de Hirokazu Kore-eda, un habitual do certame sempre derrotado, a diferenza de Arturo Ripstein, que gañou dúas veces a Cuncha de Ouro e agora proba sorte con Las razones del corazón. É un programa de transición, continuísta. Polos cambios, se os houber, aínda haberá que agardar.

Martin Pawley. Artigo publicado o venres 29 de xullo en Xornal de Galicia

Actualización: outros dous filmes aínda non anunciados oficialmente mais si seguros na sección oficial de Donostia son No habrá paz para los malvados de Enrique Urbizu e Los pasos dobles de Isaki Lacuesta. Isaki presentará ademais un documental en Zabaltegi relacionado con ese mesmo proxecto, e tamén con Miquel Barceló coma inspirador: El cuaderno de barro.

Actualización 2 de agosto de 2011: o festival deu a coñecer a listaxe de filmes españois seleccionados nas diferentes seccións, entre os cales hai dous con produción galega: Tralas luces de Sandra Sánchez (Tic Tac Producciones) e Arrugas de Ignacio Ferreras (Perro Verde Films)