mércores, 15 de febreiro de 2012

O som, a fúria, a alegria

Ana Moreira e Carloto Cotta en TABU (Miguel Gomes, 2012; O som e a fúria)
 
En canto prendín o ordenador hoxe pola tarde púxenme a buscar opinións sobre a estrea na Berlinale do filme Tabu de Miguel Gomes. Revisei moitas mensaxes de twitter, localicei algunhas anotacións en blogs e finalmente tiven referencia directa de coñecidos e amigos. Souben do entusiasmo de Sergio Wolf e logo o de José Luis Losa (“cine primordial”, “una obra que desmocha caminos de libertad en la creación cinematográfica”, “afirmacion mayúscula de Miguel Gomes”, “una de las más originales sublimaciones del melodrama que haya dado este siglo”). E sorprendinme a min mesmo ben contento, coa sensación de que non o estaría máis se o filme en cuestión fora meu.

Para a alegría, debo recoñecelo, tiña unha razón adicional que se suma a outra moi recente, e de ningunha das dúas podo darlles máis detalles polo momento (unha terceira razón, por certo, ocupará os cen minutos da miña vida inmediatamente posteriores á redacción deste post). Mais no esencial a alegría nacíame en Berlín, por culpa dun filme que rabeo por ver e do que só coñezo uns poucos minutos colgados en Internet a maneira de imaxes promocionais. Algo máis sei, si. Coñezo o que me contou hai un par de anos o bo do Miguel Gomes unha noite no Cabaret Maxime de Lisboa, durante o Indie no que el era xurado. Alegrarme polo éxito crítico de Tabu é, pois, unha maneira de alegrarme por Miguel. E por Luís Urbano e Sandro Aguilar, os seus produtores. A Luís e a Miguel coñecinos ao mesmo tempo, cando viñeron á Coruña por mor do ciclo e a carta branca que o CGAI lle dedicou ao autor do Aquele querido mês de agosto. Con Sandro xa tivera un primeiro contacto uns meses antes en Xixón, e coñecino “de verdade” na edición do Indie antes citada, onde el presentaba a sublime Voodoo. Aquela visita ao Indie foi a máis breve das que eu fixen a ese festival, xusto unha fin de semana; a proximidade de Cannes, o Cannes de Todos vós sodes capitáns, suxería regresar cedo á casa. Ese Cannes para o que tanto e tan rápido houbo que facer e que aprender (e a xente d'O Som e a Fúria estaba aí para dar consellos).

Sinto por eles aprecio suficiente como para experimentar ledicia polas cousas boas que lles pasen. Con orgullo podo chamalos amigos, un substantivo que no sucesivo penso empregar máis a miúdo e con máis xenerosidade; e reencontrarme con amigos coma eles (ou coma Gonçalo Tocha, João Botelho, Francisco Ferreira ou a turma do Indie, por citar apenas algúns dos vinculados co cinema) é unha das causas polas que volvo sempre que podo, e sempre feliz, a Lisboa. Máis alá do afecto, tamén sinto que todos eles son “dos meus”, que partillan a miña mesma maneira de entender este negocio. Que gozan co cinema e non coas súas pompas e circunstancias, que se preocupan pola beleza das imaxes e non pola lonxitude do tapete vermelho. Xente para a cal a cultura non é unha palabra baleira que aparece na súa tarxeta de presentación. Que se fan preguntas, reflexionan e crean. Que saben que o progreso esixe non conformarse e ensaiar outros camiños, aceptando o risco de equivocarse.

As mellores películas do pasado, esas que son tan grandes que xa ninguén ten a imprudencia de cuestionalas, fixéronas persoas coma eles, homes e mulleres que puxeron nas súas imaxes amor, talento e traballo. As mellores películas do futuro fanas hoxe Miguel, Gonçalo e moitos outros, e aínda que algúns, os menos atentos, tardarán cincuenta ou sesenta anos en enterarse, somos lexión os que xa sabemos recoñecelo. Alégrome polo éxito dos amigos. Alégrome por eles, e tamén porque o seu triunfo é tamén o triunfo dun xeito de ver o mundo.

Martin Pawley

4 comentarios:

  1. O som e a fúria podería ser un modelo de producion a seguir? Obviamente esta produtora lisboeta caracterízase por sacar adiante producións totalmente singulares baseadas no talento. Proxectos que partilhan con productoras de media Europa, tenen apoios dos fundos nacionais e o trampolín dos grandes festivais. Funcionan como un colectivo onde existe implicación entre persoas dunha mesma xeración e dunha mesma idea de cinema. Porén, isto non lles impide colaborar en proxectos como nos próximos filmes de Manoel de Oliveira. Probablemente esa “familiaridade” é a que lles leva a cometer erros (como a duración dalgún dos seus filmes), mais supoño que diso tamén se darían conta e tomarán cartas no asunto. Urbano, Aguilar, Nicolau e Gomes son xente con muita cinefilia detrás ben canalizada polo que non se deixarán levar polos cantos de serea do cinema comercial. Eles apostan por ofrecer unha proposta distinta que precisa dun público activo que a peche. Cando este non é unha necesidade pódese facer cinema que albisca a categoría de arte como así están a facer. Un cinema homoxéneo, feito a escala entre a idea e os recursos. En Galicia creo que isto sería complicado porque a mentalidade de produción está a anos luz a pesares de que que houbo voluntariosos esforzos neste senso, mais nunca se contemplaba o principal, a escala do proxecto (probablemente sexa unha das causas pola que ainda non colaboraron con Galicia). Sempre poño o mesmo exemplo: “primeiro vense as características do solar e despois se deseña a casa que irá nel”.

    ResponderEliminar
  2. Esa é a idea básica, penso eu: o feito de funcionaren coma un colectivo de persoas -algúns da mesma xeración, mais tamén outros, caso de Manuel Mozos, algo maiores- que teñen unha mesma visión do cinema, afastada dos tópicos mainstream; e dentro diso hai espazo para diferenzas de estilo máis que significativas: pouco ten que ver un filme de Sandro Aguilar e un do Miguel Gomes.

    Eu síntome tan próximo a ese espírito, como afastado del está Carlos Boyero, por poñer un exemplo (hoxe golsou en El País unha das súas típicas crónicas festivaleiras, desta volta contra TABU, mais no esencial é a mesma que escribiría contra calquera outro cineasta actual que odie, que son case todos os que merecen ser chamados cineastas). E tamén teño absolutamente claro que por máis que A ROSA E A ESPADA do João Nicolau non me pareza un completo acerto (aínda que ten dentro cousas sensacionais, sen ir máis lonxe o comezo), eu estou moitísimo máis perto do Nicolau que do Jorge Coira de 18 COMIDAS, por citar un filme ben cercano. Que dicir entón dos filmes de todos eles que si admiro sen matices...

    ResponderEliminar
  3. Creo que a base do traballo de producion non está exclusivamente en conseguir finanzamento senón que é primordial entender o proxecto. E isto que parece tan fácil, non o é. A partires de aí dar luz verde ou recuar, ver se é factible ou adialo para máis adiante. Mais alcanzar esta simbiose entre o produtor e o director é moi complicada mais que nada pola grande diferenza nas perspectivas ou expectativas sobre o proxecto e a concepción do mesmo. Por un lado eu creo que o produtor ten que ser creador e o director tamén produtor. Sen este partilhar de roles é difícil construir o edificio. Agora mesmo os produtores en Galicia só entenden o cinema dunha maneira anacrónica ou romántica sen saber cales son as novas tendencias creativas. Xa quedou máis que demostrado que se poden facer pequenas producións con relativo éxito polo menos no eido crítico (que é mellor que nenhum)… Agora só fica certa coherencia, tanto polos produtores como para os creadores, para sacar o mellor dos sistemas e buscar a comuñón máis perfecta e fructifera. O som e a fúria é obvio que atopou a fórmula e agora porfían nela para que cada vez sexa máis rendíbel.

    ResponderEliminar
  4. Si, estou completamente de acordo. O produtor non debería ser un mero intermediario financeiro, senón alguén que defina ou asuma liñas creativas.

    ResponderEliminar