Mulleres en Venecia 
“Pietro Puliani é un afamado vidreiro veneciano que posúe grandes 
coñecementos sobre alquimia e poderes adivinatorios aprendidos en 
Exipto”. A primeira frase da contracapa coa que a editorial promociona A venus de cristal parece deixar clara unha saudábel intención de serie 
B, con ese protagonista enigmático que vive nun maxestoso palacio, 
oculta o rostro baixo unha máscara carnavalesca e traballa “con métodos 
que están fóra da comprensión humana”. Ingredientes coma estes debían 
facer que o prato tivese un agradábel arrecendo a folletín, pero a prosa
 requintada da autora quere apuntar nunha liña ben diferente: o libro 
ten unha certa vontade de transcendencia e agacha baixo a súa recargada 
imaxinería unha reflexión sobre a procura da beleza, co mito da 
inmortalidade e a perfección da xuventude asomando ao fondo.
Ambientada
 na Venecia do século XV, descrita de maneira tópica como unha 
engaiolante cidade de vicio e perdición, A venus de cristal convértese 
nun estraño híbrido a medio camiño entre O perfume de Patrick Süskind e 
un serial bizarro ao estilo do Fu-Manchú de Sax Rohmer. Polas súas 
páxinas desfilan nobres intrigantes, prostitutas desdentadas e lascivas,
 escravas fermosas que tocan a cítara e no treito final Giuliano de Médici e Sandro Botticelli, enfeitizados os dous pola muller “máis bela 
entre as belas”, Simonetta Cattanei, de “palidez alabastrina” e co 
“candor reflectido nas súas delicadas formas”. Abenzoada pola brevidade,
 a noveliña de Chelo Suárez é un simpático despropósito que dificilmente
 pode inspirar animadversión e si porén moita tenrura. A obra formou 
parte da terna de finalistas do Premio Xerais no ano 2006: agora podemos
 comprender o atinada que foi a decisión dun xurado que escolleu como 
gañador a Diego Ameixeiras pola moi superior Tres segundos de memoria.
Martin Pawley. Publicado en PROTEXTA, Suplemento de libros da revista Tempos Novos, nº 6, primavera 2008.

Ningún comentario:
Publicar un comentario