Entrou onte nas salas o filme que máis alegrías lle está a dar á industria ianqui en 2011: The Hangover Part II, un título que á Warner debeulle parecer demasiado austero para España e por iso decidiron transformalo no definitivo Resacón 2, ¡Ahora en Tailandia!. Á marxe das (limitadas) virtudes da película, que repite sen inspiración o esquema da primeira entrega, o que interesa do seu espectacular éxito –235 millóns de dólares recadados até o momento– é constatar como unha comedia pode arrasar pasando por riba das carísimas producións de superheroes. Máis aínda: The Hangover recibiu nos Estados Unidos a cualificación de “Restricted”, o cal significa que os menores de 17 só poden vela se van acompañados dun adulto; e malia iso os seus espectaculares números superan os obtidos pola cuarta entrega de Piratas do Caribe, apta para toda a familia. E sen necesidade de 3D!
Este fenómeno coincide no tempo coa relativa decepción de tres estreas case consecutivas baseadas en personaxes de banda deseñada: Thor, X-Men: First Class e a recentísima Green Lantern, que non chegará aquí até finais de xullo. Filmes os tres que como mínimo duplican o orzamento da despedida de solteiro ideada por Todd Phillips e que nalgún caso –a precuela dos Mutantes, a que peor funcionou de toda a saga– ingresarán a metade de diñeiro. As action movies con cómic de fondo seguen a ser produtos rendíbeis, mais xa non garanten resultados mareantes coma os de Spiderman ou o último Batman, The Dark Knight. A esperanza agora vén da man duns señores que non controlan ben as súas noites de festa; as súas desventuras servirán para sacar os despachos de billetes da atonía na que levaban mergullados varias semanas.
Martin Pawley. Artigo publicado o venres 24 de xuño en Xornal de Galicia
Ningún comentario:
Publicar un comentario