martes, 7 de xuño de 2011

Mutacións

O sábado 2 de xaneiro de 2010 Xornal de Galicia publicou un artigo meu no que falaba de varios filmes de cineastas galegos en diferente fase de produción. Dende onte está en salas comerciais de Madrid, Barcelona e A Coruña Todos vós sodes capitáns, unha das obras citadas e que en virtude do seu prestixio crítico e ampla difusión en festivais internacionais xustifica por si soa a atrevida frase inicial daquel texto (“Digámolo xa ao principio: 2010 será o ano máis importante da historia do audiovisual galego”). Falaba tamén de Gato encerrado, a impoñente curtametraxe de Peque Varela que uns meses despois competiría en Xixón, no Expotoons de Bos Aires e no certame da cinemateca uruguaia; de Canedo de Vicente Vázquez e Usue Arrieta, os QQ, gañadores este ano do proxecto X Films do festival Punto de Vista e dun premio da Fundación José García Jiménez; e tamén de Vikingland, a primeira longametraxe de Xurxo Chirro que forma parte da competición internacional do próximo FIDMarseille.
A xulgar pola súa escasa pegada na prensa, con honrosas excepcións como a que teñen entre as mans, este novo fito parece ter pasado inadvertido. Na súa historia recente o FID Marseille premiou autores xa indiscutíbeis coma Jia Zhang-ke, Wang Bing, Chantal Akerman, Patricio Guzmán ou Frederick Wiseman. A sección oficial que cada ano presenta o certame que dirixe Jean-Pierre Rehm alimenta moitas outras citas cinematográficas, e non só no ámbito do documental. Os filmes mellor acollidos no FID atopan oco en Xixón, Pamplona, no DocLisboa ou no Festival dei Pópoli; sen ir máis lonxe, foi aí onde tivo lugar a premiere mundial da que foi logo gran triunfadora do Bafici 2011, Qu’ils reposent en révolte (des figures de guerres) de Sylvain George. Con certeza Marsella será para Vikingland o primeiro porto dunha longa e enriquecedora singradura festivaleira.

O traballo independente, á marxe da industria e ás veces solitario de Xurxo Chirro, coma antes o de Alberte Pagán –sempre unha referencia– marca un camiño a seguir, posíbel e fértil. É o vieiro elixido por Víctor Hugo Seoane, cuxa seriedade e vontade de traballo proporcionará grandes resultados máis pronto que tarde; o de Ángel Santos, que chegou máis lonxe ca nunca cunha peza feita na casa, Fantasmas #1; o de Lois Patiño, xa unha realidade recoñecida polos Rencontres Internationales Paris-Madrid-Berlin, capaz de integrar na súa cada vez máis fascinante obra ecos dos cineastas que admira –2012 será o seu ano, sen dúbida–; ou o de Marcos Nine, que representa mellor que ninguén o que pode seguir acontecendo aquí e agora se por unha vez a realidade non se encarga de matar a esperanza. O salto que o leva de fabricar hábiles documentais con formato e espírito televisivo a mergullar nun proxecto a contracorrente coma La brecha, cuxo resultado é merecente de aplauso, é a demostración práctica das estimulantes mutacións que están a producirse no noso país; iso que demos en chamar Novo Cinema Galego. Un cinema que ademais de galego e novo é bo, moi bo.

Martin Pawley. Artigo publicado o luns 6 de xuño en Xornal de Galicia

Ningún comentario:

Publicar un comentario