O delirio anticomunista da chamada caza de bruxas estadounidense desenvolvida no periodo da Guerra Fría, axitada a finais dos anos 40 e primeiros 50, terá abondosas ramificacións –vítimas– na práctica cultural e no activismo político.
O libro que Dashiell Hammett (1894-1961) nunca desexaría escribir, transcrición das súas sesións de comparecencia ante comisións de investigación da época –incluíndo un acareo co senador McCarthy–, vén de ser editado por Errata Naturae: Interrogatorios. O pai da novela negra foi comprometido co seu tempo, loitador polos dereitos civís e literato autodidacta, un autor preciso e xenial que bebeu na súa experiencia para elaborar impresionantes narracións como Red harvest (1929) e The glass key (1931).
Hammett non podía imaxinar, na proclamada patria das liberdades, que acabaría sometido a paranoicos interrogatorios, investigado por suxeitos innobles, sometido a escrutinios de estulticia reaccionaria, encarcerado, coa saúde estragada. Se todo isto trasloce o texto, un necesario percorrido pola súa traxectoria amosa como o estilo seco e cortante das narracións facilitou o interese do cine: títulos como El halcón maltés (1941), a serie de filmes de El hombre delgado, a nominación ao Oscar polo guión de Watch on the Rhine (1943).
O Hammett biografiado non queda atrás. A historia amorosa con Lilian Hellman é materia para Julia (1977) de Zinnemann; a xuventude detectivesca domina Hammett. El hombre de Chinatown (1982), azarosa incursión en Hollywood de Wim Wenders. A inquietante alusión ao traballo na axencia de investigadores Pinkerton de An Injury to One (2002) de Travis Wilkerson bosquexa a complexidade dunha vida apaixoante.
José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 4 de xuño de 2011.
Ningún comentario:
Publicar un comentario