venres, 23 de abril de 2010

Legado e porvir

Boa parte dos feitos excepcionais adoitan ser perpetrados por persoalidades igualmente singulares. A elección dunha fermosa primeira longametraxe, Todos vós sodes capitáns, dirixida polo cineasta galego Oliver Laxe, para a Quincena de Realizadores do Festival Internacional de Cine de Cannes 2010 –reforzada polo feito de ser a única película española participante no certame– atense a esta máxima, mais non convén levarse a engano. Laxe, autor de inusual talento, riguroso discurso, bonhomía enchida de xenerosidade, viaxeiro solitario á procura da autenticidade, xa fora deixando pegadas na sucesión de traballos anteriores realizados. Só a carencia de curiosidade e/ou coñecemento podería xustificar o esquecemento desta traxectoria previa, un feito que o convertía inmediatamente en máis ca unha promesa, un explorador heterodoxo, progresivamente maduro e sabio do que se podía esperar o mellor.

Y las chimeneas decidieron escapar (Oliver Laxe, 2006)

Dous experimentos, Y las chimeneas decidieron escapar (2006) e Suena la trompeta, ahora veo otra cara (2007), filtraban a súa vertente lúdica. E ben pensado, todo experimento non é outra cousa que parte íntrinseca da noción de xogo. Nestas pezas, a capacidade para manter certo hermetismo non será óbice para elaborar, no primeiro caso –peza codirixida por Enrique Aguilar–, unha notable (contra)sinfonía da cidade onde o antropocéntrico flutúa como unha guirnalda sutil que consente un ensaio sobre a dor e os espazos baleiros; e, no segundo, estabelecer unha aproximación iniciática a un mundo árabe onde a disolución de imaxes, faces e referencias constitúe unha impugnación do relativismo abrumador de toda mirada colonial, impura.

A obra de Oliver Laxe crece en sinxeleza ao tempo que a multiplicación do suxerente e a ductilidade poética lévano cara a unha decidida esencialidade, unha complexa e enriquecedora depuración. Os presupostos de París#1 (2008), un proxecto nos seus comezos intitulado As copas dos árbores tremen sobre os restos dun incendio, deixa ver a franqueza da súa perspectiva. A situación inicial, un grupo de amigos que comparten unha experiencia cinematográfica en Galicia, transfórmase nun relato de viaxes, un caderno cheo de bosquexos e miradas, unha ruta estimulante –próxima incluso aos mellores universos transitados por xentes como Esteva o Jordá– que supón unha intensa exploración en torno á mirada, as tradicións e a etnografía, os propios mecanismos de construción fílmicos.

Esa sinxeleza e ese carácter celebratorio da vida mesma eclosionan mesturando moitos destes rasgos en Todos vós sodes capitáns. Laxe presenta e artella unha experiencia, o obradoiro fílmico que comparte cuns rapaces en Tánxer, mentres parece ameazarnos coa destrución de toda categoría. Ficción e non ficción morren como expresións derivadas dos nosos límites e o íntimo e a colectividade converxen para amosar os austeros silencios, itinerarios e pálpitos da historia do cine, do noso devir e o dos cativos protagonistas.

Nunha ocasión escoiteille a Oliver unha frase clarividente: “O amor non se acaba, simplemente muta. É unha liberdade de mirada”. Na súa constante impregnación deste espírito de liberación, a película rima, enlaza e recorre as fontes do legado, todas as correntes e grandes nomes da historia do cine ao tempo que parece desfacerse deles e axudar a escribir o seu porvir. Kiarostami, Pasolini, Tarkovski, Cassavetes, Bresson e os grandes pioneiros ennoblecen esta obra de revelación, seleccionada no primeiro certame cinematográfico mundial. Beau Geste.

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o venres 23 de abril de 2010

mércores, 21 de abril de 2010

O noso home en Cannes

“DIGÁMOLO XA ao principio: 2010 será o ano máis importante da historia do audiovisual galego”. Así comezaba un artigo que escribín hai uns meses –o 2 de xaneiro– no que apuntaba a estrea ao longo do ano de diversos filmes realizados por un grupo emerxente de directores galegos cuxa obra anterior xa merecera a atención dos cinéfilos. Unha nova xeración que se beneficiou do case paternal apoio da extinta Axencia Audiovisual Galega, que tivo a audacia de abrir unha liña de axudas específica para estimular a produción de películas de claro contido artístico, nunha aposta pola calidade que en días tan felices (e estraños) coma o de hoxe fica sobradamente xustificada.

Fotografía de Álvaro Redondo

Dixen Axencia e fixen mal; é mellor chamarlle ás cousas polo seu nome, que neste caso é o de Manolo González e o de Xurxo González, verdadeiros impulsores dunha frutífera estratexia audiovisual que quedou en stand by hai máis ou menos un ano. A presenza histórica e ilusionante de Oliver Laxe na Quincena de Realizadores é só o primeiro chanzo, pois canda el hai outros autores cuxa obra ha de proporcionarnos antes ou despois grandes noticias. A primeira montaxe –en sentido estrito, apenas unha mera ordenación de secuencias– de Dous fragmentos / Eva, de Ángel Santos, apunta en boa dirección, con mención especial para Fernando Tielve, un actorazo que domina cada plano en que aparece. A espléndida Canedo de Vicente Vázquez e Usúe Arrieta, que nunha versión aínda non definitiva poderemos descubrir o martes 27 en Ourense e ao día seguinte no CGAI da Coruña, dálle a volta ao tópico do regreso ás orixes nunha celebración alegre e luminosa da identidade que viaxará moito e ben, igual que a esperadísima Arraianos de Eloy Enciso. Co bo oficio de Marcos Nine, a honestidade de Manu Mayo e o valente talento de Peque Varela vaise enchendo unha listaxe de autores a seguir que non para de medrar; a última incorporación, a de Lois Patiño, director do emocionante, case estremecedor, documental Recordando los rostros de la muerte, que se proxectará no próximo Documenta Madrid.

As autoridades e institucións galegas teñen a responsabilidade de non deixar morrer este soño. Teñen que facelo por compromiso co país e coa cultura, que é a súa única razón de ser. As políticas que deseñen deben contribuír a consolidar isto tan grande que agora está nacendo. Nos medios tamén hai moito camiño por andar. É hora de aprendermos a transmitir o orgullo polas cousas que facemos; de decatármonos de que hai un mundo por contar máis alá da fusión das Caixas; de comprendermos que as páxinas de cultura non son, non poden ser, o recurso necesario para cubrir papel cando non hai un número abondo de esquelas ou de anuncios por palabras. Polo que a min respecta, alégrame escribir nun xornal que cedeu espazo para falar de Laxe un ano e medio antes de que se convertera no home do día, o noso home en Cannes.

Martin Pawley. Publicado o mércores 21 de abril de 2010 en Xornal de Galicia.

luns, 22 de marzo de 2010

Play-Doc 2010

O Festival Internacional de Documentais de Tui presume de números, e con razón. O dato oficial que dá a organización fala de máis de sete mil espectadores desde o pasado mércores até onte, unha cifra que parece probada pola experiencia de ver o Teatro Municipal completamente abarrotado nas sesións de tarde e noite. É case inevitábel ficar marabillado polo multitudinario apoio dun público que responde con fidelidade e entusiasmo, así como pola abundante presenza de voluntarios e colaboradores que lle outorgan ao Play-Doc a aparencia dun gran festival feito con recursos razoabelmente modestos: aproximadamente cen mil euros, unha terceira parte do orzamento do festival Punto de Vista de Navarra, que á súa vez custa menos da metade que Documenta Madrid, os dous grandes certames do estado español dedicados á non ficción que dun xeito ou doutro deben ser espellos nos que mirarse.

A forma do Play-Doc é certamente exuberante; é o fondo o que pode provocar máis dúbidas. Ben consolidado despois de seis anos, e coa certeza de que cen mil euros non son en calquera caso poucos euros, quizais vaia sendo hora de que o de Tui supere a súa condición de festival modélico a escala galega para captar o interese e a atención dos cinéfilos que viven a moitos centos de quilómetros do Rosal. Polo seu carácter fronteirizo tamén sería desexábel que Play-Doc amosase no futuro unha maior curiosidade pola vizosa creación documental ao sur do Minho, ausente nas seccións competitivas das tres últimas edicións.

Portugués é, iso si, un dos membros do xurado, Dario Oliveira, codirector do festival de Vila do Conde. El e mais a xornalista e profesora catalana Eulalia Iglesias e o historiador e programador do CGAI José Manuel Sande decidiron que o premio á mellor longametraxe fose compartido por dous dos cinco filmes a competición: Sanya i Vorobey (Sanya e Pardal), do ruso Andrey Gryazev, retrato correcto aínda que tamén pouco inspirado da (infra)vida cotiá de dous traballadores nunha fábrica semiabandonada, do cal o xurado salientou “a forza e a inmediatez que transmite a través da súa depurada observación dos protagonistas, inmersos nunha situación desesperada pero non exenta de saída”; e Sweetgrass, fermosísima alfaia dirixida por Ilisa Barbash e Lucien Castaing-Taylor que explora con agarimo e rigor antropolóxico a esforzada peripecia dos últimos pastores que levan ovellas ás montañas Absaroka-Beartooth de Montana na procura de herba no verán.

O estadounidense Jay Rosenblatt foi obxecto dunha pequena retrospectiva que presentou nove dos seus traballos nos que se vale de material preexistente para elaborar con el pezas que mesturan rexistros poéticos, reflexivos e emocionais. O seu último filme, The Darkness of Day (A escuridade do día), levou o premio á mellor curtametraxe “polo seu uso da metraxe atopada que transcende a mera compilación para compor unha elexía en torno ao suicidio”. Na competición galega o gañador foi Alberte Pagán por Tanyaradzwa, que en Tui se viu nunha montaxe especial de menos de dúas horas acorde coas necesidades do festival.

Martin Pawley. Publicado o luns 22 de marzo en Xornal de Galicia.

sábado, 6 de marzo de 2010

Kathryn Bigelow e o 8 de marzo

Empezarei cunha obviedade: a gala dos Oscar é o espello no que se miran todas as entregas de premios, sexa para imitala ou para escapar dela, en xeral con pouca fortuna. Por aquí o habitual é repetir o tópico de que as cerimonias hollywoodenses son sempre un aburrimento, mais eu levo gozado moito con elas, cousa lóxica en alguén que suma á súa natural mitomanía o gusto polas listaxes -e a fin de contas os Oscar están cheos das dúas cousas-.

Os mitos van a menos, iso si; e máis agora que tomaron a decisión de homenaxear os vellotes ás agachadas, fóra do prime time televisivo, coa entrega dos premios honoríficos a Lauren Bacall, Gordon Willis, John Calley e Roger Corman nunha cea alá polo mes de novembro. Na procura dun público máis novo a Academia confía máis -e con razón- en Hannah Montana que na viúva de Bogart, e por iso a coloca sobre os escenarios xunto a un dos actores da saga Crepúsculo, Taylor Lautner, e o líder da triloxía High School Musical, Zac Efron. Os protagonistas dos filmes de maior éxito do ano pasado terán o seu minuto de gloria como presentadores no Kodak Theatre de Los Angeles: Sam Worthington (Avatar), Chris Pine (Star Trek) ou Bradley Cooper (Resacón en Las Vegas). Non me parece mal, mais así non hai maneira de ter unha standing ovation como é debido. Desta volta, o patio de butacas posto en pé ao completo só cabe imaxinalo cando Jeff Bridges recolla o premio ao mellor actor por Crazy Heart, máis polos servizos prestados que polas virtudes dunha interpretación sen tacha nunha película francamente anódina. Outro momento épico viría cun Oscar para Christopher Plummer como actor de reparto, mais todo apunta a que o austríaco Christoph Waltz (Inglorious Basterds) se vai encargar de que tal cousa non aconteza.

Non é un ano especialmente glorioso, non. Cun espanto coma Precious e o discreto Up in the air ocupando posicións de privilexio, non é estraño que o interese fique reducido ao amistoso duelo entre James Cameron e Kathryn Bigelow, Avatar vs The hurt locker. Os números de Avatar son colosais: é o filme que máis cartos recadou na historia do cinema, con máis de 2.500 millóns de dólares en todo o mundo. As contas de En terra hostil son cento trinta veces máis modestas: para que se fagan unha idea, tivo máis espectadores Celda 211 en España que o (excelente) filme da Bigelow nos Estados Unidos.

O seu máis que probábel triunfo nos Oscar débese en boa parte á influencia das asociacións de críticos norteamericanas, que a resituaron na primeira liña ao concederlle un premio tras outro a finais de 2009. The hurt locker foi o mellor filme do ano para os críticos de Austin, Boston, Chicago, Denver, Houston, Kansas, Las Vegas, Los Angeles, Nova York, Oklahoma ou San Francisco. Os profesionais do cinema americano non deixan tampouco moito espazo para a dúbida: a película foi premiada polas asociacións de guionistas, produtores, directores, directores de arte e montadores. É case unha aposta segura: Kathryn Bigelow será a primeira directora que reciba un Oscar, e cando iso suceda nós estaremos xa no luns oito de marzo, Día Internacional da Muller. Xornalistas do mundo, ide afiando os titulares!

Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 6 de marzo de 2010.

luns, 22 de febreiro de 2010

RR (James Benning, 2007)

Planos fixos de dez minutos en 13 Lakes e Ten Skies, planos de dous minutos e medio na “triloxía de California” formada por El Valley Centro, Sogobi e Los, planos dun minuto en One way boogie woogie e a súa secuela 27 years later... Calquera achegamento á obra de James Benning acaba por estar chea de números, como se a súa filmografía estivese gobernada por regras de cálculo. Como argumento a favor desta visión reducionista adoita recordarse a formación matemática do director, cousa que sempre me pareceu moi curiosa: xuraría que non é imprescindíbel ser matemático para saber contar até dez. O propio Benning resolveu as dúbidas hai anos en Circling the image, o documental que Reinhard Wulf fixo durante a rodaxe de Trece lagos: o de menos era se os planos duraban sete minutos ou dez, o importante era o proceso creativo en busca dunha “solución elegante”, equivalente ao exercicio de abstracción dun matemático que pretende obter unha demostración simple e fermosa -si, tamén fermosa- dun teorema.

A verdadeira clave do cinema de James Benning está na forma en que analiza a relación entre tempo e paisaxe. Hai uns meses pregunteille pola súa naquel momento última película, Ruhr, gravada en vídeo dixital. “It's about the first derivative of the function, f(t), that is, it looks closely for change over time”, respondeu. Podería ser un chiste entre cinéfilos afeccionados á ciencia pero realmente é a mellor definición posíbel das súas intencións: observar moi de perto os cambios que se producen co tempo; non os cambios a gran escala, senón os cambios esenciais, os máis sutís, os que se revelan ante nós cando nos detemos a mirar e escoitar. Por iso é útil recuperarmos a noción de derivada: o cambio que experimenta unha función a partir de variacións infinitesimais da magnitude da que depende. Se temos que buscar paralelismos matemáticos, o cinema de Benning non pertence ao ámbito da aritmética, senón ao da análise: as súas imaxes debuxan a derivada da paisaxe respecto do tempo.


Esquezamos, pois, a duración dunha secuencia. Despois de varios anos impóndose a si mesmo normas arbitrarias, en RR a lonxitude dos planos vén marcada polo que tarda cada tren en pasar. Case podería dicirse que fica máis en mans do maquinista que do propio director, que descoñece cantos vagóns ten cada un ou a velocidade coa que avanzarán sobre os camiños de ferro. Nesta función non coñecemos todas as condicións iniciais: é o propio obxecto filmado o que as fixa. Velaí un desafío interesante para o director. Os corenta e tres trens que aparecen na película son máis ou menos a cuarta parte dos que James Benning perseguiu ao longo de dous anos e medio, que nalgúns casos se corresponden con liñas ben coñecidas para el e noutros se trata de lugares que descubriu navegando por Internet. Mais cada espazo é único; iso é o que Benning quere reflectir, ese é tamén o problema a resolver. Non hai un patrón predefinido ao que axustarse. Dun plano a outro varía a distancia entre a posición da cámara e o tren, a dirección na que se despraza a máquina, o ángulo co que se achega. Ás veces as tomas son rápidas e ruidosas, noutras o tren avanza sen molestar ou cruza con delicadeza o horizonte. O ritmo nace da combinación destas abraiantes coreografías mecánicas, filmadas coa paciencia dun pescador que agarda a que o peixe pique. James Benning mira e escoita e neste caso ademais espera, se é preciso durante varias horas e baixo unha calor abafante coa intención de rexistrar o paso dese tren que só vén unha vez á semana.

Na entrevista que concedeu a Mark Peranson para Cinema-Scope James Benning transcendía a etiqueta de “película observacional”. Alén das paisaxes e os trens para o cineasta RR convértese nunha película sobre o consumismo e os excesos inherentes á sociedade capitalista. “Podía sentir o peso dos bens de consumo achegándose a min, especialmente co petróleo e os automóbiles, pois vin unha chea de tanques-cisterna e vagóns cargados de coches que parecían pasar un detrás doutro constantemente”. Unha resposta propia de alguén empeñado en facernos entender que ningunha imaxe é inocente, e que todas, por acción ou por omisión, acaban por revelar os nosos valores e os nosos prexuízos.

Martin Pawley. Publicado orixinalmente en español en Miradas de cine no especial James Benning composto ademais polos seguintes artigos: Notas aplazadas sobre James Benning (Ángel Santos Touza), Casting a glance (Miguel Gil) e Ruhr (Ángel Santos Touza)

domingo, 14 de febreiro de 2010

Ás de bolboreta

Mensaxe nunha botella

A edición 2009 dos Premios Xerais viña con sorpresa, e grande: a dobre condición de gañadora de Rosa Aneiros en dúas categorías, a de novela con Sol de inverno e o Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil con Ás de bolboreta. Visto coa perspectiva dos meses o que máis chama a atención é que neste último vencese co acordo unánime do xurado, que destacou a súa obra con claridade por riba das outras cun nivel de consenso que non se producira en edicións anteriores.

Boa parte da maxia do texto de Rosa Aneiros para cativar coa mesma eficacia a adultos e mozos reside no seu carácter caleidoscópico e plural. O escenario principal é unha cafetería de Santiago de Compostela, o Luzada, rexentado por Patricia, unha muller que se fixo cargo do local nun momento no que vía inviábel proseguir coa súa formación académica. No Luzada conflúen unha morea de personaxes cuxas vidas iremos descubrindo ou máis ben intuíndo a través de estampas impresionistas e conversas collidas ao voo que revelan verdades entre liñas. Coñeceremos así a Eusebio e Lola, os anteriores donos do bar, que loitan en soidade contra as dificultades que se derivan da vellez e da perda progresiva de saúde e mobilidade. A Iqbal, un mozo inglés de orixe paquistaní que marchou de Londres tralos atentados no metro en xullo de 2005 e que bota horas e horas no Luzada conectado a Internet, no mesmo ordenador que Mohamed mira de cando en cando con medo de que as palabras se convirtan en ferramentas de transmisión do odio. Saberemos da señora Filomena, cuxo fillo está en misión humanitaria co exército en Darfur e que sofre ao ver nos xornais os froitos da violencia e da guerra. De Manuel, un neno africano que non superou a morte da súa nai adoptiva e que ten no seu avó a súa principal compañía. Tamén dunha muller que agarda por unha chamada que non chega, a dos sobriños que intentan entrar en España cruzando o valado da vergoña que separa mundos en Melilla, ou de Aysel, vítima do amor e da indiferenza que Occidente amosa ante a represión do pobo kurdo polo goberno turco.

Rosa Aneiros constrúe con eles un puzzle que pode reordenarse de diferentes maneiras. Estrutura o libro en capítulos breves que admiten unha lectura independente, pero que se reforzan os uns aos outros e gañan en complexidade igual que están conectadas entre si as vidas das persoas. Na sociedade global na que vivimos calquera historia quédanos a uns poucos graos de separación e os grandes sucesos que ocupan a atención dos medios acaban por ter repercusións concretas na experiencia cotiá daqueles cos que compartimos a hora do café; de aí o urxente que é desbotarmos os prexuízos e a desconfianza e a necesidade de comprender o outro. A escritora manexa con oficio distintos rexistros, do naturalismo dos diálogos entre un avó e o seu neto ao apaixonado lirismo que asoma en moitas páxinas; como na canción brasileira, é consciente de que a tristeza non ten fin mais a felicidade si, e por iso o ton xeral vén marcado por unha certa amargura, aínda sen negarlle espazo á esperanza. Rosa Aneiros fixo un libro con mensaxe, dito sexa sen ánimo pexorativo: unha mensaxe de solidariedade e amor polo ser humano. Desas aínda temos moita falta.

Martin Pawley. Publicado en PROTEXTA, suplemento de libros da revista TEMPOS NOVOS, nº 12, outono 2009.

sábado, 13 de febreiro de 2010

O estadounidense Ben Russell gaña o festival Punto de Vista

“Hai que facer as cousas duras porque o tempo e a memoria as amolecen”. Díxoo o luns o dúas veces Premio Nacional de Música Agustín González Acilu tras a presentación no Festival Punto de Vista dun documental sobre a súa figura. Non pasa nada se agora algo non se entende, non hai que preocuparse, “xa se comprenderá”, engadía logo, co convencemento de que “o bonito non é o mellor”. A palabra lúcida do músico navarro resume ben as intencións do festival, que por sexto ano explorou o fértil territorio da non ficción para albiscar as tendencias do cinema que virá desde unha actitude de oposición ao pensamento feble e xelatinoso.

A edición que remata hoxe, a primeira de Josetxo Cerdán como director despois da espiñenta substitución do anterior responsábel, Carlos Muguiro, estivo marcada pola presenza en Pamplona do cineasta neoiorquino nado en Kābul Jem Cohen, obxecto dunha completa retrospectiva que chegará tamén ao CGAI nas próximas semanas. Cineasta vocacionalmente underground e urbano, Jem Cohen móvese con intuición entre diferentes formatos e xoga coas texturas da imaxe para crear vídeos musicais, pezas de corte ensaístico e diarios de viaxe cun enfoque íntimo e lírico que non exclúe o posicionamento político e a reflexión filosófica sobre o noso tempo.

Na Sección Oficial a triunfadora foi Let each one go where he may, de Ben Russell, que se alzou co Gran Premio Punto de Vista. O xurado recoñeceu o virtuosismo coreográfico dun filme resolto en trece espectaculares planos-secuencia que seguen a dous irmáns en case permanente movemento polo Surinam actual, un itinerario no que acaba por escoitarse o eco do pasado colonial e escravista. Menos cerebral e artificiosa e en consecuencia máis perdurábel é Sweetgrass, obra mestra de Ilisa Barbash e Lucien Castaing-Taylor que nos trouxo algunhas das imaxes máis fermosas que veremos neste 2010. Ilisa e Lucien rexistraron durante tres veráns o desprazamento dos gandeiros de Montana na procura de pastos para as ovellas e elaboraron con teimuda paciencia unha deslumbrante elexía a un estilo de vida que se extingue. As virtudes deste excelente docu-western foron recompensadas cun merecido Premio do Público. O palmarés complétase cos nomes de Jay Rosenblatt e Antoine Boutet, mencións especiais por The Darkness of Day e Le plein pays; Lluís Escartín, mellor curtametraxe por Amanar Tamasheq; e o extravagante premio á mellor dirección para Javier Fernández, Luis López e Natalia Marín, membros do colectivo Los hijos, polo seu filme Los materiales.

Martin Pawley. Artigo publicado en Xornal de Galicia.

martes, 26 de xaneiro de 2010

Lara xa si!

De maneira sorpresiva apareceu en Internet un pequeno filme de Lara Bacelo que non chega aos cinco minutos de duración chamado Varona. A peza é do ano pasado, foi proxectada nalgúns espazos mais, outra vez –e xa van abondo-, ninguén reparou nesta pequena xoia do audiovisual galego. Ver a peza recentemente deume a motivación necesaria para escribir estas liñas. O texto que aquí introduzo non sabía como titulalo, contemplei varias opcións mais ningunha me convencía. Finalmente, nun pomposo delirio intelectuloide, parodiei o título do famoso libro da feminista Teresa Laurentis, Alicia ya no, remedo dun filme de Wenders (Alicia xa non vive aquí) que á súa vez era unha homenaxe a Alicia no país das marabillas, de Lewis Carroll.

Lara Bacelo: un xénero en si mesma

Este pequena peza irrompe na filmografía de Lara Bacelo despois de Ollos da cidade, Conversas con Deus e John Balan, detrás da porta e mentres agardamos polo seu novo filme, Territorios. Mais Varona si ten certo parentesco cunha chea de pequenas pezas que a autora fixo para Internet. Ese traballo de videoblogueira é o que máis a condicionou no desenvolvemento da súa actividade audiovisual. Propostas que raian a elexía íntima cun alto grao de introspección que converte as súas imaxes en textos chamados a percorrer camiños propios da literatura (ficción, poesía, ensaio).

O traballo de Lara Bacelo, marcado pola palabra versatilidade, está afastado, para ben e para mal, do encorsamento caduco dos xéneros audiovisuais. Varona é froito da súa experiencia na rede e do seu espírito amalgamador de materiais de distintas procedencias. Uns vimbios que farán pensar a moitos en certa videocreación dos 80 mais iso é practicar unha redución indiscriminada xa que precisamente Lara Bacelo non ten esa quentura formalista nin cinéfila. A cineasta o que fai é sacarlle partido as facilidades de edición dixital para triturar as imaxes a prol dun discurso feminista crítico e denso.

Varona: eséxese escachadora

O filme estrutúrase nunha dialéctica entre unha voz “en over” que le fragmentos da Biblia nos que se opina sobre as mulleres, e as imaxes, tanto de produción propia (fuxidas e eivadas) como de material encontrado (sobre todo imaxes pornográficas). Con esta estrutura Lara Bacelo comeza a golpear o espello “do país das marabillas” para deixar en evidencia os papeis da muller que aínda lle asigna a sociedade. Nesta contraposición a directora pon nun mesmo plano as consideracións da muller polo dogma cristiano e pola espectacularidade sexual da muller (suxeito-fantasía) imposta pola mirada do home (fetichismo, vouyerismo, exhibicionismo, representación…). Mais esta armazón non fica aquí e fai apuntamentos sobre os malos tratos, a prostitución, o sexo, o amor e a maternidade.
Unha panorámica completa e sintética da situación da muller a través dos seus ollos. A súa mirada faise patente coa súa presenza, coa súa voz tratada para aportar un desasogante androxenismo, polos seus “territorios” persoais (que explosionarán no seu seguinte filme) e pola manipulación das imaxes. Lara compenetra idealismo e resistencia, actúa como unha Penélope posmoderna para tecer e desfiañar as imaxes, clipealas, distorsionalas, invertilas,… Mais este afan construtivo non se debe a certa ostentación materialista senón que Lara Bacelo fai seu o rol xenesíaco de “muller tecedora”, contemplando o tecido como texto, sendo xeradora de significados, de vida.

Lara no audiovisual das marabillas

Mais a Lara quédalle outra reviravolta das máximas feministas que é a súa posición de poder nunha sociedade patriarcal, enténdase aquí por iso, a industria audiovisual galega. Non imos dicir nada novo se comentamos que Lara Bacelo non ten referencias en Galicia; as creadoras audiovisuais en Galicia sucedéronse, mais non hai ningunha que amose tanta liberdade e capacidade de risco. Quizais o único referente válido podía ser Peque Varela con 1977. As dúas coinciden na reflexión sobre o xénero e o carácter autobiográfico da súa obra, que combina teimas persoais e a manipulación do imaxinario colectivo, mais Lara Bacelo difícilmente pasará por Sundance. Porén, os referentes da cineasta de Mos habería que atopalos no outro lado do Atlántico, na figura de Barbara Hammer na que coincide en militancia, rebeldía e paixón polos límites.

Varona é unha “rara avis” no audiovisual galego, un traballo que por desgraza xa foi segregado e condenado á invisibilidade. Mais ao espectador habería que lembrarlle que non se pode falar da diferenzas e de marxinalidade de identidades dentro da sociedade facendo uso dun linguaxe dominante, é decir, clásico, porque iso sería reproducir contextos segregadores.

Lara Bacelo que estás nos ceos! Apíadate de nós!

Xurxo González

mércores, 13 de xaneiro de 2010

Eric Rohmer (1920-2010)

Manolo González, director da Axencia Audiovisual Galega mentres existiu, afirmaba onte que para el o mundo se dividía entre os que amaban a Rohmer e os que o detestaban. Sorprendeume moito lerlle tal frase porque se hai un director cuxa obra dificilmente pode producir animadversións furibundas ese é Eric Rohmer, o alcume co que pasou á historia Jean-Marie Maurice Scherer. Pode gustar máis ou menos, mesmo pode gustar inspirando sentimento de culpa, como confesaba neste mesmo xornal Iago Martínez, incapaz de explicar a súa debilidade por A miña noite con Maud; mais odio, o que se di odio, é algo que non pode nacer dun cinema, o de Rohmer, que puxo moito esforzo en non ferir, en non facerse notar. Así xurdiron as súas imaxes limpas e cálidas, sempre afastadas de calquera trampa exhibicionista, sempre empeñadas en eliminar “toda sorte de alardes técnicos innecesarios ou demasiado visíbeis”, como dicía en 2007 a conta do seu xa derradeiro filme, O romance de Astrea e Celadón.

A volta a unha “simplicidade antiga” seguramente era unha esixencia daquel relato cheo de sensualidade e hedonismo ambientado na Galia do século V, mais a simplicidade é realmente unha virtude esencial de toda a súa carreira, longa e coherente como poucas. Para describir os seus case sesenta anos de traballo ininterrompido como director hai que recorrer a unha serie de etiquetas inevitábeis. A sobriedade, por exemplo. O gusto polo cotiá, polas experiencias comúns, aparentemente intranscendentes; por un certo naturalismo que non consiste, claro que non, en pousar a cámara e filmar o que pasa diante, pois o que verdadeiramente interesa é capturar “non os acontecementos como tales, senón o relato que alguén fai deles”. O diálogo, alicerce dunhas secuencias que ás veces quedaban totalmente en mans duns actores e actrices (profesionais ou non) aos que lles deixaba improvisar as conversas, como fixo en O raio verde. A literatura, fundamental nun home que de cando en cando escapaba do seu tempo con personalísimas adaptacións como Percival o galo, A marquesa de O, Triple axente ou A inglesa e o duque, na que experimentou coas imaxes dixitais demostrando que manterse fiel a un estilo non é o mesmo que ficar ancorado no inmobilismo. O amor e a fidelidade, temas constantes do seu cinema e sempre tratados con sutileza e elegancia. É por iso que os seus filmes resultan tan acolledores. A exquisita sensibilidade que deitou Eric Rohmer nos seus fotogramas é a razón que explica que dentro deles o espectador se sinta a gusto. Como se estivese entre amigos. En parte é así: está entre amigos.


Os personaxes de Rohmer –os que poboan os seus ciclos emblemáticos, os 'Contos morais', as 'Comedias e proverbios' ou os 'Contos das catro estacións'– sentímolos cercanos porque son donos das nosas mesmas paixóns, medos, ilusións e covardías. A diferenza é que nas nosas vidas non temos a beleza morna das súas composicións, as cores coidadosamente recreadas polo mestre. O que nos falta é a luz das súas películas.

Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia o 13 de xaneiro de 2010

sábado, 2 de xaneiro de 2010

2010, o ano do Novo Cinema Galego

Digámolo xa ao principio: 2010 será o ano máis importante da historia do audiovisual galego. Non é unha arroutada chovinista: nos próximos meses presentarán as súas novas obras boa parte dos mellores directores do país, os máis deles moi novos, un feito que nos autoriza a falar en termos xeracionais. Non é tanto un relevo, posto que o cinema de noso non gozou até agora da estabilidade precisa para falarmos de grupos ou colectivos ben diferenciados, senón a consolidación dun conxunto de autores que se expresan con liberdade á marxe das convencións industriais e conectan cos debates e tendencias que caracterizan a creación contemporánea. Falamos pois dun grupo de cineastas que “non chega tarde”, que experimenta as modas e usos audiovisuais ao mesmo tempo que se manifestan no resto do planeta.

Este aliñamento non é algo casual, por outra parte; vén propiciado polo apoio –non só financeiro– prestado pola Axencia Audiovisual Galega, cuxa inusual audacia para mirar máis lonxe non foi suficientemente aplaudida nin polas autoridades –as de agora e as de antes– nin polo sector. Singularmente valiosa foi a creación dunha liña de pequenas axudas á produción audiovisual destinadas aos creadores, as chamadas “de promoción do talento”, que só ao longo de 2009 permitiron o nacemento de máis de trinta traballos cun investimento público equivalente ao que recibe unha soa longametraxe de animación. Máis que un desexo é algo a esixirlle á actual administración o mantemento –e se for posíbel o reforzo– desta política de subvencións cuxos primeiros grandes froitos empezaremos a gozar en breve.

Hai xusto un ano o suplemento de cultura deste xornal dedicáballe un par de páxinas a dous directores galegos cuxa obra completa collía daquela dentro dun DVD: Ángel Santos e Oliver Laxe. Aquel artigo foi unha tan xusta como atrevida aposta nacida do entusiasmo provocado nos meses precedentes polas súas anteriores películas, O cazador e París #1 respectivamente, recoñecidas pola revista Cahiers du Cinéma entre as mellores curtas de 2008 en España. Eles dous seguen a ser os cineastas sobre os que recae a máxima atención. Ángel gravou a comezos do outono a súa primeira longametraxe, Dous fragmentos / Eva, unha historia triangular de amor e desamor coa que volve unha vez máis aos seus temas preferidos, as relacións de parella e a distancia entre as emocións desexadas e as vividas, nun relato deambulante que ten a cidade de Santiago de Compostela como cuarto protagonista. Como resultado do obradoiro de cinema con rapaces en situación de exclusión social que desenvolveu en Tánxer, o galego Oliver Laxe ultima na actualidade a longametraxe Todos vós sodes capitáns, un dos títulos capitais de 2010. Oliver supera o debate sobre as barreiras entre a ficción e o documental para crear unha fermosa peza de cinema extremadamente puro que nos obriga a pensar na linguaxe fílmica, na súa beleza e na súa verdade, por riba de formatos e etiquetas.

O abraiante teaser de Arraianos amosounos un vello en paraxes invernais e neboentas declamando un texto coa forza espectral das películas dos Straub-Huillet. Pouco teñen que ver esas imaxes coas que encherán finalmente o traballo de Eloy Enciso, que rodou o seu documental ficcionado sobre o Couto Mixto durante unha esplendorosa primavera, mais como declaración de intencións é abondo elocuente. A austeridade e o rigor son tamén trazos característicos da obra de Xurxo Chirro, que en Vikingland se vale dun fascinante material alleo –as vídeo-cartas que un mariñeiro galego enviou á familia nos noventa– para elaborar unha relectura do Moby Dick de Herman Melville de dimensións monumentais. No extremo oposto en canto a duración está a curta de animación Gato encerrado de Peque Varela, que en menos de dez minutos fabula coa noción popular das varias vidas que ten un gato e a partir dela reflexiona sobre as desigualdades do noso tempo con sutileza e intelixencia.

Igualmente comprometida é a actitude de Manu Mayo en Dous de vintetantos, documental que lle pon rostro ás vítimas dos accidentes de tráfico e transcende as convencións televisivas grazas á presenza do director, que introduce de forma explícita aspectos íntimos da súa vida. A maior sorpresa vén de man de Vicente Vázquez e Usue Arrieta, os QQ, que con Canedo regresan ás orixes do primeiro, unha vila preto de Ourense. A tala dunha árbore e a elaboración a partir da súa madeira dun libro que conterá unha foto de familia é a escusa artística dunha película-performance que festexa e honra de maneira libre e lúdica os elementos cos que se constrúe unha identidade.

Manuscritos pompeianos de Marcos Nine, Fatum de Pablo Millán, Contra a morte de Alexandre Cancelo e Iago Martínez, Territorios de Lara Bacelo, Entre linguas de Sánchez Maragoto, Varela Aveledo e Vanessa Villaverde, Roger de Flor: Naturalidade Silvestre de Carlos Alberto Alonso, Gaiteiro! de Rubén Pardiñas, Corpos arbóreos de Andrés Victorero... unha listaxe exhaustiva de títulos de interese está fóra do alcance dun artigo coma este. As obras e os autores xa os temos; agora só falta que o noso país sexa por fin consciente do seu potencial creativo.

Martin Pawley. Publicado o sábado 2 de xaneiro de 2010 en Xornal de Galicia