![]() |
| Dispositivo LightSound. Imaxe: Martin Pawley. |
O astrofísico canario Jorge Rivero González leva case quince anos dedicado á comunicación científica en diferentes institucións, entre elas o Observatorio de Leiden, dende onde coordinou as actividades coas que a Unión Astronómica Internacional celebrou a nivel global en 2019 o seu centenario. Na actualidade é o responsábel da Oficina de Comunicación e Divulgación do Institut de Ciències de l'Espai (ICE-CSIC), con sede en Barcelona. Jorge foi (e segue a ser) un dos impulsores do proxecto "Amanar", que promove a divulgación da astronomía nos campos de refuxiados saharauís en Tinduf ao tempo que investiga a cultura astronómica deste pobo
cunha perspectiva de colaboración entre iguais, afastada de calquera tentación colonialista. Amanar foi a iniciativa pola cal hai uns anos a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, da que fago parte, entrou en contacto
con el. Esta semana convidámolo dende o grupo de traballo "Diversidade" da agrupación a pasar un par de días na Coruña e así aproveitarmos as súas cualidades como divulgador e, sobre todo, o seu empeño en achegar a astronomía a audiencias que non adoitan ser as máis habituais nas actividades públicas. Para aprendermos del, en suma.
Traía debaixo do brazo un trebello orixinalmente desenvolvido en 2017 na Universidade de Harvard, o "LightSound", deseñado para "sonificar" unha eclipse, isto é, para converter as variacións de luz que se producen nunha eclipse en variacións de sons e permitir que fagan seguimento do fenómeno as persoas cegas ou con baixa visión, un colectivo que no Estado español abrangue a un millón de persoas (...)
Martin Pawley. Artigo publicado no caderno de verán Máis do Nós Diario o 6 de agosto de 2026. Podes ler o texto completo no sitio web do xornal.

Ningún comentario:
Publicar un comentario