![]() |
| With Hasan in Gaza (Kamal Aljafari, 2025) |
En 1965 a OLP creou en Beirut un centro de investigación co obxectivo de reunir e conservar toda clase de materiais sobre a cultura e a historia de Palestina. Chegou a contar con varias ducias de persoas que traballaban na catalogación, a investigación e a divulgación dos recursos acumulados, miles e miles de libros e documentos; un dos seus directores foi o poeta Mahmud Darwish. Cando en 1982 se produciu a segunda invasión israelí do Líbano o centro foi albo da vesania: o exército destruíu o mobiliario, saqueou o equipamento (dende unha imprenta até os teléfonos e ventiladores) e roubou o arquivo todo, que foi cargado en camións e enviado a Israel. Pode parecer unha anécdota menor comparada co historial de atrocidades do sionismo –o asalto aconteceu uns días antes do masacre de Sabra e Shatila, sen ir máis lonxe–, mais na súa cerna está unha das claves do horror, a operación de borrado dun pobo, un empeño manifesto e sistemático que leva sendo executado sen
disimulo dende hai máis dun século. Expresouno con máxima claridade a primeira ministra Golda Meir nunha infame
entrevista en 1969, "there was no such thing as Palestinians", "they don’t exist", ou sexa, "as persoas palestinas non existen". E para que pareza que non existen, nada máis eficaz que eliminar a súa memoria.
O cineasta palestino Kamal Aljafari (Ramla, 1972) válese deste feito na excepcional A Fidai Film (2024), unha das películas máis importantes dos últimos anos. Logo de case media hora de metraxe vemos imaxes dun noticiario israelí que dá conta do espolio. Na reportaxe, un home di que a oficina está (era mellor dicir "estaba") moi ben organizada e describe que entre os documentos hai nóminas, listaxes de doazóns ou un grande número de imaxes "empregadas para a propaganda". Outro enumera andares enteiros cheos de libros, xornais e volumes de xornais dos anos precedentes, coleccións de recortes de prensa sobre asuntos variados e microfilmes catalogados por tema e autor, un "tesouro agochado", nas súas propias palabras. Unha biblioteca, abofé, é sempre un tesouro, un tesouro molesto para os bárbaros. Kamal preséntanos inmediatamente despois escenas dese arquivo coa súa descrición e até o número de catálogo, entre elas unha do dificultoso avance dun rapaz por un camiño enlamado cara a un campo de refuxiados, pouco máis dun minuto que se ergue como metáfora elocuente e concentrada da crueldade da ocupación. De todas as ocupacións.
A Fidai Film emprega imaxes de arquivo de distintas épocas. Non hai información precisa sobre cada unha, mais obviamente recoñecemos o paso do tempo tanto pola súa textura e aparencia como polos detalles que nelas aparecen. Algunhas lévannos ao mandato británico, entre 1920 e 1948; outras achégannos o sufrimento dos 60, 70 e 80, mais é a súa mestura e montaxe, a desorde e mesmo a confusión, a que reforza o discurso. O que conmove é o eterno retorno de destrución que chega até hoxe, a cobiza incesante, un ano após outro, de expulsión dunha nación do seu territorio, a súa premeditada aniquilación. A arbitrariedade das detencións e castigos colectivos que puxeron en práctica os británicos tivo e ten
continuidade no dominio e control, sen freo, dos gobernos de Israel. A Fidai Film fai da memoria resistencia: as imaxes fican e falan dun pobo que foi e é. Non é un documental convencional, é infinitamente mellor, un ensaio de múltiples capas e edición minuciosa que merece ser meditado plano a plano e reivindica a potencia inmensa do cinema.
En novembro Kamal Aljafari
visitará por primeira vez Galiza. Virá ademais cun novo filme, Con Hasan en Gaza, que
se presentará antes na Seminci
de Valladolid. O seu rexistro é
completamente diferente mais
a mensaxe é parecida. A Gaza
da que fala é a que visitou e
filmou en 2001; foi alá na procura dun amigo que coñeceu
no cárcere cando tiña dezasete
anos. Levou unha cámara e documentou a viaxe, mais nunca
chegou a ver esas fitas de vídeo,
esqueceuse delas e do que contiñan. Redescubriunas non hai
moito, cun xenocidio en curso.
É inevitábel preguntarse cantos dos rostros e cantos dos lugares que conteñen están agora
desaparecidos, exterminados
pola mesquindade racista.
Mais aí fica para sempre Gaza,
outra Gaza, tamén ferida, mais
viva. Máis unha vez, a memoria
é unha ferramenta de resistencia. De re-existencia.

Ningún comentario:
Publicar un comentario