martes, 12 de agosto de 2014

Reivindicación dun cineasta

Agora que Alberte Pagán ven de publicar a edición en castelán do seu estudo sobre a obra fílmica de Andy Warhol en Cátedra, ao tempo que circula a segunda parte da edición en galego (Edicións Positivas), pode servir de utilidade esta vella recensión. No ano 2007, Pagán, xa acreditado especialista en cine experimental, veía impresa a primeira parte do seu monográfico en Positivas. 


Reivindicación dun cineasta

Figura icónica representativa do século XX e auténtica metáfora das prácticas artísticas e socioculturais de toda unha época, Andy Warhol (1928-1987) foi dono dunha prolífica e concentrada obra fílmica que cubriu con intensidade uns poucos anos –entre 1963 e 1968- para logo, atravesado polo momento simbólico e abrupto en que é gravemente ferido pola activista Valerie Solanas, abandoar este ámbito de creación. Se con posterioridade só dirixe Blue movie (Fuck), para moitos existe unha continuación do seu traballo na perspectiva e modos narrativos do seu patrocinado Paul Morrissey. Pero tal e como afirma Jonas Mekas, Warhol devén en produtor de títulos moi lonxe dos seus obxectivos e intereses, desmitificacións ou curiosidades sazonadas pola troupe caótica que conformaba “The Factory” que se deslizan polas lindes do xogo sobre códigos xenéricos tradicionais, unha proposta sen embargo mellor coñecida polo público e por boa parte das eséxeses ou estudos especializados.

O limitado coñecemento do cine de Warhol, marcado por apresurados ou inexistentes visionados –feito hoxe atenuado polas edicións videográficas-, a letanía repetitiva sobre obras apenas entrevistas como Empire, Eat ou Chelsea girls, así como a escasa bibliografía solvente elaborada sobre a súa obra filmica, son os puntos de partida sobre os que se traza a radical proposta que establece Alberte Pagán no libro A mirada impasíbel. Experto en cinema experimental, avalado por publicacións anteriores (Introducción aos clásicos do cinema experimental, 1999; Imaxes do soño en liberdade. O cinema de Eugenio Granell, 2003), firmante de suxestivos artigos (memorable o incluido no volume Dentro y fuera de Hollywood), Pagán é á vez un destacado cineasta, autor de obras como Os Waslala (2005), curta impregnada de elementos materialistas, e a lúcida aposta da longametraxe Bs. As. (2006), presente en prestixiosos festivais e pola que se filtra un elaborado esforzo que obtén significacións valiosas de termos como identidade ou non-lugar.

Cando Eduardo Arroyo, Gilles Aillaud e Antonin Recalcati perpetran en 1965 o célebre asasinato pictórico de Duchamp Vivre et laisser mourir, ou la fin tragique de Marcel Duchamp, no cadro, un dos admiradores que aparece amortallando o cadáver de Duchamp é Warhol. Duchamp, protagonista dun dos seus retratos (Screen tests), atribuía a Warhol un interese conceptual. Pagán amplía esa dimensión sitúando o insólito (e esencial) da súa aproximación nunha premisa: o estudo da materia artística (fílmica) se antepón ás interpretacións de raíces conceptuais habituais nos achegamentos ao autor. O libro sinala ademais a incidencia sociocultural e artística do cine de Warhol, os ascendentes, fontes, estruturas, épocas e estilos (hai varios Warhol), de modo que a precisión e exhaustividade na análise de películas concretas permiten con claridade e afán divulgativo observar os achádegos e elementos que se van introducindo no seu cine.

A escisión que se establece na filmografía de Warhol organiza o texto de modo elocuente: o corte se produce a través de compoñentes formais, estratexias da singular escritura fílmica do artista estadounidense que descartan criterios cronolóxicos e facilitan unha comprensión por fases da súa traxectoria. Nesta primeira das dúas partes previstas estuda a articulación significante do autor nos títulos onde a “mirada impasíbel” se amosa como decisión expresiva: o cuestionamento de toda representación tradicional; a planificación estática; as unidades de duración (a bobina) e o propio concepto de duración como elemento que articula a proposta (Empire, Sleep); a vindicación de encadres fermosos, ben elaborados e coidados; o rigor por enriba do aparente azar ou determinismo; o serialismo e a repetición (en paralelo á súa labor pictórica); a fisicidade palpable como resultado; o potencial das dimensións espacio-temporais.

A inserción da obra de Warhol nun momento histórico, os anos 60-70, no que evolucionan obras extremas tan versátiles como as de Snow, Mekas, Conner, Le Grice, Jacobs ou Brackhage, lonxe de servir de refuxio contextual ou histórico, permite resaltar a súa singularidade e riqueza visual. A progresión do seu produtivo arsenal de recursos, baseada na investigación, a renovación e evolución do tecido expresivo nun proceso semellante ao da propia Historia do cine, cun proveito in crescendo da montaxe que o afasta progresivamente do modelo de representación primitivo, aparece como orixe de prácticas materialistas e estruturais, mesmo anticipa o cine de xentes como Frampton ou parte da produción do austriaco Peter Kubelka.

Cheo de paixón e erudición, eficaz, instructivo, moi próximo ao lector interesado, o estudo aparece publicado por Edicións Positivas, selo independente que ten editado títulos de estirpe fílmica (Bresson, Pasolini) e avala a futura segunda parte da análise de Pagán, esa “mirada inqueda” de Warhol froito da madurez expresiva pola que aflorará un cine máis aberto e dinámico, preto en ocasións do relato narrativo e que virá a pechar esta satisfactoria recuperación do Warhol cineasta revolucionario.

José Manuel Sande. Crítica do libro "A mirada impasíbel. As películas de Andy Warhol. Primeira parte", editado por Positivas en 2007.

1 comentario:

  1. AS PELÍCULAS DE ANDY WARHOL, PRIMEIRA PARTE: UNHA CERTA MIRADA

    Andy Warhol botouse a facer cinema en 1963, uns meses despois da súa primeira exposición individual como pintor na que causaron sensación as súas latas de sopa Campbell. O paso ao celuloide non foi en ningún caso un simple capricho de artista cotizado: entregouse á realización de películas con verdadeira paixón até o punto de producir centos delas en só seis anos. Acadou unha destacada sona como creador experimental e mesmo chegou a anunciar o abandono da pintura en favor dos filmes, que xulgaba "máis emocionantes". O intento de asasinato por parte de Valerie Solanas acabou definitivamente co seu entusiasmo; despois dese traumático episodio limitouse a dirixir "Blue movie" e a apoiar a produción das que rodou Paul Morrisey con Joe Dallesandro como protagonista, que por seren máis convencionais e comerciais gozaron dunha moi superior difusión. É unha crenza xeralizada que a pegada do xenio nesas pezas é relevante, pero non é tal; a dicir de Jonas Mekas son de feito "unha boa ilustración do que non é Andy Warhol". A confusión veu apoiada pola imposibilidade de acceder á filmografía xenuinamente warholiana durante varias décadas, primeiro por vontade do autor, que decidiu retiralas da distribución a comezos dos setenta, e logo, despois da súa morte, polas típicas leas entre herdeiros.

    As dificultades reais para ver as películas de Warhol, feito ao que non son alleas as peculiares características dalgunhas delas (nomeadamente a súa duración, que se estende até as oito horas no caso de "Empire"), explican tamén o grande número de erros que se repiten unha e outra vez nos textos que examinan a súa obra. Erros que son desmontados e aclarados neste rigoroso libro de Alberte Pagán, que evita falar por boca doutros e parte da análise directa dos filmes. Posto que non existe un catálogo completo do cinema de Warhol e que hai aínda infinidade de fitas inéditas, o traballo de Pagán non pretende ser enciclopédico e asume con honestidade o carácter parcial do seu esforzo, cuxo interese e valor ultrapasa en calquera caso o ámbito galego.

    Alberte establece unha clasificación esencial na traxectoria do cineasta: un conxunto de filmes iniciais resoltos mediante planos fixos, en contraposición a aqueles posteriores nos que Warhol optará por desprazar a cámara e facer panorámicas, varridos e desenfoques. "A mirada impasíbel" ocúpase desta primeira fase; a outra será revisada nunha próxima entrega que levará por título "A mirada inqueda". O Warhol da cámara estática é un home de ollada fría e entomolóxica, "cruel na súa crueza"; alguén que se deixa levar pola contemplación agradecida dos seus personaxes, mesmo cando o personaxe é un edificio. En palabras de Pagán, "o estatismo devén esteticismo", e deriva nun exquisito coidado na maneira de iluminar e de compoñer os planos que non se reproducirá coa mesma intensidade nos traballos con cámara en movemento. E é que se hai un rasgo que caracteriza A mirada impasíbel é o convencimento co que o autor reivindica o valor estético destas películas. Fronte á súa caracterización tradicional como "obras conceptuais", máis interesantes cando se fala delas que cando se ven -idea exposta polo propio Warhol- Alberte Pagán defende a súa beleza plástica, a sofisticación pictórica dos encadres e a precisión no manexo da luz e os seus sutís cambios; a calidade como retratista que reflicten os numerosísimos "screen tests" e mesmo o sofisticado traballo de montaxe que hai detrás dunha obra como "Sleep", descrita polo común como un puro plano de cinco horas dun home durmindo. Non é preciso que o lector comparta os postulados de Alberte, ou que fique convencido polos seus argumentos, para recoñecer a extraordinaria valía do seu libro, especialmente importante polo que ten de inusual nunha industria cultural como a nosa.

    (Martin Pawley. Publicado en PROTEXTA, suplemento de libros da revista TEMPOS NOVOS, nº 3, verán 2007)

    ResponderEliminar