Esta entrevista ten seis anos de antigüidade. O CGAI dedicáballe nese ano 2008 unha retrospectiva completa a Adolfo Arrieta coas novas montaxes que estaba facendo das súas películas. Esa filmografía á que en boa medida Arrieta -agora Adolpho Arrietta, concienciudo mestre dos heterónimos leves- volvía con outra mirada, adquire corporeidade e maior visibilidade hoxe, unha vez vén de editarse completa no selo videográfico Intermedio.Figura da creación underground internacional, admirado por Marguerite Duras, revisitado polo novelista Enrique Vila-Matas na súa obra París no se acaba nunca, considerado como un artista puro e xenial, practicante dun cine punk á francesa, Adolfo Arrieta (Madrid, 1942) leva anos refacendo a súa obra fílmica, con novas montaxes de todas as súas películas. Intermedio edita a súa obra en DVD.
Arrieta comeza a súa carreira como pintor. Influído por Cocteau filma as curtas El crimen de la pirindola (1965), subversivo retrato da burguesía madrileña da ditadura que filtra unha historia criminal, e La imitación del ángel (1966), expresión do seu coñecemento dos mitos e capacidade poética. Decepcionado polo ambiente cultural, vaise establecer en Francia. Alí, a súa obra é ben recibida e conta coa colaboración de actores de prestixio e produtores independentes, firmando as obras de culto Les intrigues de Sylvia Couski (1974) e Tam-Tam (1975), retratos das bohemias neoiorquina e parisiense, nas que Arrieta se desenvolvía, un mundo de travestís e artistas cheo de lirismo e un ton persoal que obtén difusión internacional a través de circuítos paralelos, ademais de premios en distinguidos festivais. Dono dun cine fresco, iconoclasta, lúdico e de vocación vangardista e clandestina, trazado a alustros de inspiración, para moitos precedente do primeiro Almódovar, regresa a España e roda Merlín (1990) ou Vacanza permanente (2006), ao tempo que traballa en proxectos ambiciosos que non resultan, como unha adaptación de La Celestina de Fernando de Rojas.
Pregunta. Es pintor e nun momento determinado decides facer cine. Que leva a esta decisión?
Adolfo Arrieta: Vin ao pintor Javier Grandes (actor fetiche e amigo) cunha "pirindola" e pensei que merecía a pena filmar iso. Sempre tivera gañas de facer unha película. Tiña unha cámara en 8mm de cativo e filmaba todo. Empecei a pensar en formatos superiores, 16mm, e merquei unha cámara barata de segunda man, unha Kodak que rodaba a 18 imaxes por segundo coa que comecei El crimen de la pirindola. Levoume a deixar a pintura, funme esquecendo. La imitación del ángel rodouse con dúas cámaras diferentes, incluída unha Bolex. Filmei moitísimo e cando o vin revelado todo estaba negro, esquecera quitar o tapón do obxectivo. Que horror. Sobreviviron partes elaboradas con outro obxectivo que non tiña tapón. Montei a película aproveitando o escaso material...
Que che leva a abandonar Madrid?
Marchei polo traballo. A situación era pesadísima e pouco estimulante. Abandonei para seguir facendo cine. A miña marcha foi un exilio voluntario.
Esa mediocridade ambiental transmítese nestes primeiros traballos. En Francia traballas con profesionais importantes (Jean Marais, Howard Vernon), as túas películas se ven e retratas mundos que coñeces, un microcosmos de arte e bohemia. Sentíaste cómodo con eses grupos sociais insurrectos, independentes? A túa obra dá impresión de soltura e liberdade.
Claro. Ademais todos os meus amigos eran así. A Jean Marais coñecino porque era unha persoa accesible, culto e interesante. Un amigo díxolle que eu estaba interesado en facer unha película underground. Comezamos a filmar na súa casa. Non sabía moi ben que facer con el e lle filmaba todo. De aí sae Le jouet criminel (1970), aínda que quizais debería titularse Retrato de Jean Marais.
Les intrigues de Sylvia Couski ten unha considerable repercusión.
É unha nova versión de Le jouet criminel, máis divertida. Coincide cunha forte reacción en París contra o academicismo posterior a maio de 1968, o enciclopedismo, o estruturalismo, a revista Tel Quel, a manía teorizante francesa. Xorde unha reacción ben levada polos antipsiquiatras, Guattari, Deleuze. Moitos amigos meus fanse travestís non por moda, senón por actitude revolucionaria. Hoxe escreben sobre isto, en Liberation e outras publicacións. É un París inventado, pero á vez a cidade era así, festa, explosión da natureza. Nunca fixen documentais, pero as miñas películas teñen esa dimensión, na súa captación de ambientes, na autenticidade dos personaxes. Fíxena na primavera de 1973. Montouse en Madrid e viaxou ao festival de Toulon, onde gañou o premio con Jonas Mekas no xurado. Proxectouse con éxito en Madrid na Filmoteca en 1974, cunha presentación estupenda e escandalosa. A rodaxe de Tam-Tam coincidiu coa morte de Franco. Todo o mundo estaba contento, esperando o gran incendio, a gran revolt. Non pasou nada diso, pero foi unha época excitante. Tam-Tam é máis seria que Les intrigues... As dúas recibiron moi boas críticas. Logo está Flammes (1978), a miña película máis completa.
Durante eses anos, hai proxectos que se frustran?
Si, sempre houbo miles de proxectos que non saíron. Quería facer un cine cosmopolita. Encántame ser apátrida, estranxeiro en todas partes. Logo de Grenouilles / Ras (1984) hai un gran espazo de tempo onde non fixen absolutamente nada. Durmir. Tiven un momento depresivo. Recupereime e dirixín o episodio de Delirios de Amor (Kiki) (1990), co que quedei contento, e Merlín, unha experiencia tremenda, dous anos de preparación e unhas aventuras incribles. Despois teño outro baixón. Escribín guións que foron publicados en Francia. Tentei facer unha película sobre episodios ocorridos en Versalles. Estaba obsesionado co final do século XVIII, os antecedentes e o inicio da revolución francesa, unha época de cambios apaixoante. Dirixo Eco y Narciso (2003), baseado en Ovidio. Tiven as veces pouca imaxinación para inventar historias. Kiki sae de Colette; Merlín inspírase en Cocteau. Traballei nunha versión de La Celestina. Logo regálanme unha cámara dixital. Con ela gravo Vacanza permanente. Estou facendo outra cousa cunha HD de alta definición, non sei que vai sair. Gustaríame dirixir unha película dentro do Vaticano. É un lugar misterioso, esas covas lembran unha narración de Gide.
Que cineastas te interesan?
Sempre me sinto perto dos mesmos, os que me gustaron na xuventude. Cocteau, Jean Vigo (Cero en Conduta). Moitos franceses, Garrel, Rohmer, Bresson, Eustache. De mozo vía películas de Godard e Resnais e disfrutaba con ese cine diferente. El año pasado en Marienbad, Noche y niebla, Al final de la escapada, Vivre sa vie... Do cine americano admiro cousas sobre todo da etapa clásica. Estimúlame o cine underground de New York. Warhol é fundamental, o máis importante de todos, sempre pon en cuestión o que é o cine, a forma de contar con imaxes. En cada película súa hai vontade de ruptura coa academia. Do cine español pouca cousa. Gústame Buñuel, Saura (La caza, Los golfos). Impresionoume Los atracadores de Rovira Beleta. Valentísima. Agora non vou moito ao cine. Vexo películas na televisión, en casa.
José Manuel Sande
Ningún comentario:
Publicar un comentario