Rosario “Sasà” Scimoni fará todo canto poida con tal de saír adiante na
procura das dúas cousas que arela: diñeiro e compaña feminina. O seu non
ten que ver coa tenra picaresca dos desherdados da fortuna, el é un
xenuíno cambiachaquetas profesional e sen conciencia que leva ao extremo
aquela frase de Groucho Marx de “estes son os meus principios, mais se
non lle gustan teño outros”. Grazas a súa ética mutante e a súa moral
camaleónica saltará do socialismo ao fascismo e do fascismo ao comunismo
sen complexo ningún, coa mesma falta de escrúpulos coa que casará por
conveniencia e desenvolverá toda sorte de actividades e negocios,
incluso o cinema se iso lle serve, de paso, para achegarse a unha
actriz.
O Rosario Scimoni encarnado por Alberto Sordi
-actor prolífico que naquel mesmo 1954 aparece acreditado en quince
películas- non deixa de ser un inquietante antecedente da lóxica bunga
bunga de Silvio Berlusconi, outro experto na arte di arrangiarsi. A de
Luigi Zampa é, si, unha comedia brillante e viva, unha desapiadada e
enérxica sátira social e política, mais acaba por deixarnos o corpo
inquieto porque no seu retrato cruel e sarcástico do arribismo -e, peor
aínda, a súa aceptación e aplauso nun país enfermo- é fácil recoñecer
moitas das feridas do presente.
Martin Pawley. Texto escrito para o ciclo "Creo en Italia... Máis che vale!" de Cineuropa 2013.
Ningún comentario:
Publicar un comentario