Domingo, 7 de agosto, San Gaetano. O sol sae ás 5:15 e ponse ás 19:42; a Lúa é crecente. O preciso intertítulo inicial ponnos en situación: estamos en pleno ferragosto e o principal obxectivo de calquera romano é poñer os pés canto antes na praia de Ostia. Experimentado documentalista, Luciano Emmer debutaba na ficción con
este filme que adoptaba os postulados do neorrealismo no ámbito menos amargo da comedia costumista e coral. O naturalismo, a rodaxe en exteriores e a total ausencia de artificio baixo o prisma do humor amábel; máis Calabuch que Plácido, para entendernos.
Obra agridoce e con certas doses de morriña, Domenica d'Agosto é unha boa mostra do que se deu en chamar “neorrealismo rosa” con mozos en bicicleta, primeiros amores, familias numerosas arquetípicas que nin a carón do mar renuncian ao espaguete e un garda urbano co rostro, mais non a voz, de Marcello Mastroianni: foi dobrado por outro grande, Alberto Sordi. Tanta praia, porén, non foi do agrado do Centro Católico Cinematográfico de Italia, que no seu día descualificou o filme por ofrecer “momentos de noxento exhibicionismo”. A perversa imaxinación censora sempre ve máis do
que hai.
Martin Pawley. Texto escrito para o ciclo "Creo en Italia... Máis che vale!" de Cineuropa 2013.
Ningún comentario:
Publicar un comentario