Chamábase João Francisco dos Santos e era analfabeto “de pai e mãe”.
Naceu o 25 de febreiro de 1900 en Glória do Goitá, municipio do estado
de Pernambuco, mais residiu dende neno no Rio, onde se forxou a súa
lenda, a lenda de Madame Satã, o “homossexual mais macho que já houve na
história”. O amante apaixonado e o pai de familia numerosa, o
transformista musculoso que practicaba capoeira e se enfrontaba con
frecuencia coa policía, o home provocador e desafiante que foi procesado
en vinte e nove ocasións e condenado en dez delas, que recoñecía polo
menos tres homicidos e o triplo de agresións. Nunha desas leas morreu un
garda civil; a pistola estaba na súa man, mais non foi del a culpa: nas
súas propias palabras “a bala fez o buraco” mais “quem matou foi Deus”.
Un currículo criminal que o levou a entrar e saír varias veces do
cárcere até cumprir, en total, vinte e sete anos e oito meses en
prisión, máis dun terzo da súa vida. Madame Satã, mito lumpen, símbolo
da contracultura, fillo “deste asfalto, deste clima, deste ragu cultural
brasileiro, que tentamos negar inutilmente” segundo foi definido nunha
gran entrevista a comezos dos 70 na revista O Pasquim.
Un
personaxe así merecía unha película. Foi a primeira longametraxe do
cearense Karim Aïnouz e con ela chegou ao Festival de Cannes, sección Un
Certain Regard. As altas expectativas do seu debut confirmounas con
obras posteriores aínda máis sólidas coma Viajo Porque Preciso, Volto Porque te Amo ou O Abismo Prateado. Con Madame Satã fixo un filme
carnoso e escuro, sensual e fascinante, que supera o risco (temíbel) do
espectáculo lascivo para europeos ao ofrecer un retrato necesariamente
poliédrico do mito, encarnado por un Lázaro Ramos no papel da súa
carreira por máis que logo probase ser un eficaz comediante ás ordes de
Jorge Furtado (O homem que copiava, Meu tio matou um cara). Un filme tan
gozosamente pegañento e contaxioso coma a canción Ao romper da aurora,
un samba clásico de Francisco Alves, Lamartine Babo e Ismael Silva que o
protagonista entoa -literalmente berra- nunha das súas secuencias máis
memorábeis.
Martin Pawley. Texto escrito para a ficha (PDF, 367KB) do filme no ciclo de cine transxénero do CGAC, do 27 de febreiro ao 3 de abril.
Ningún comentario:
Publicar un comentario