mércores, 10 de xullo de 2013

Proxecto NIMBOS

Para poñer en marcha algunhas cousas abonda un correo electrónico. Este que copiamos a seguir recibírono no que vai de mes máis de trinta cineastas do país:

Queridos amigos,

O ano que vén dedicáselle o Día das Letras Galegas ao poeta da Terra Chá Xosé María Díaz Castro, autor dun único volume publicado, Nimbos, que é un dos fitos da creación literaria en lingua galega no século XX.

Hai xa uns anos que tiven a idea de “promover” algún proxecto fílmico colectivo arredor desta obra, e a designación de Díaz Castro coma escritor homenaxeado pola Real Academia Galega en 2014 -ano, ademais, do seu centenario- é a escusa perfecta para finalmente botarse á tarefa. Unha iniciativa que comparten os meus compañeiros en ACTO DE PRIMAVERA José Manuel Sande e Xurxo González.

A idea é ben sinxela: propoñémosvos a diversos cineastas que fagades unha peza curta, entre 1 e 5 minutos, asociada a un poema do libro. Non se trata de ilustrar o poema en imaxes, en absoluto, senón de crear unha obra cinematográfica nova que naza da lectura do poema. Cada autor que participe elixirá o(s) poema(s) sobre o(s) que quere traballar e a partir de aí, (case) total liberdade. Hai unha única condición, ademais do tempo: desbotamos expresamente o uso íntegro e literal dos poemas do autor, e recomendamos limitar o uso dos textos, se for preciso, a “algúns” versos soltos. (...)

Non fai falla que vos diga que para a elaboración destas pezas non hai recursos dispoñíbeis, máis alá do cariño e o apoio moral dos promotores. A vosa participación é obviamente voluntaria e implica un alto grao de boa vontade. Entendemos que non queirades ou poidades participar nisto que provisionalmente chamamos “Proxecto NIMBOS”. Se queredes e podedes, rogamos nos comuniquedes a vosa dispoñibilidade e interese de aquí ao 10 de xullo, sen compromiso. De non recibirmos resposta antes desa data entenderemos que non queredes sumarvos ao proxecto (e non pasa nada, tan amigos). De aceptardes, seguiríamos en contacto para coordinar “ques” e “candos”.

Ficamos ao voso dispor para resolver as dúbidas que teñades.

Unha aperta,

Martin Pawley (en nome de ACTO DE PRIMAVERA)

Se esta idea/arroutada que botamos á rede acaba sendo unha feliz realidade é debido á xenerosidade e á complicidade dun bo número de creadores amigos. Son xa máis de vinte os que responderon afirmativamente ao noso convite: Xurxo Chirro, Margarita Ledo, Eloy Enciso, Alberto Gracia, Oliver Laxe, David Castro Sopeña, Carlos Álvarez-Ossorio, Diana Toucedo, Juan Lesta, Belén Montero, Xacio Baño, Pablo Cayuela, Xan Gómez Viñas, Jaione Camborda, Víctor Hugo Seoane, Otto Roca, Alfonso Zarauza, José Antonio Cascudo, Ángel Santos, Manuel Fernández-Valdés e Eloy Domínguez Serén. E en breve chegarán algunhas confirmacións máis.

Gustaríanos contar con máis colaboracións, tamén de cineastas de fóra de Galicia. Seguiremos lanzando botellas ao mar co desexo de que algunha chegue a bo porto. Irémosvos mantendo informados. Podémosvos dicir que xa hai unha primeira curta practicamente rematada. Empezaremos a difundilas dentro duns meses, cada unha no seu tempo, coa intención de que a maioría estean listas de aquí ao próximo 17 de maio. Isto é só o comezo.

4 comentarios:

  1. parabéns e xa logo diredes como disfrutar dos feitos.buxo,beleza e realidade

    ResponderEliminar
  2. Uxia Blanco Iglesias10 de xullo de 2013, 21:15

    Gostaría de participar deste proxecto, neste momento estou a rematar unha curta de 20 minutos de duración. Son actriz, saín entre outras películas,em Sempre Xonxa, La lengua de las mariposas...., dou tamén cursos de dicción e teatralización ..... Podería facer unha marabillosa imaxe sonora partindo dunha frase dunha poesía de Diaz Castro. Unha aperta e sería un pracer participar no proxect

    ResponderEliminar
  3. Uxía, coñecémoste ben :-) Escríbenos un email a actodeprimavera@gmail.com e mantémonos en contacto.

    ResponderEliminar
  4. [...] como novo cinema galego. De máis de trinta convites enviados por Martin Pawley para participar no Proxecto Nimbos, máis de vinte persoas responderon en poucos días confirmando que entrarían a formar parte desta [...]

    ResponderEliminar