mércores, 31 de xullo de 2013

Stoker (Park Chan-Wook, 2013)



Estrea no cine estadounidense do surcoreano Park Chan-Wook, director da inesquecible Old Boy (2003). Thriller turbio, creador dun especial clima de tensión e desasosego, inspirado nun excelente título de Alfred Hitchcock, La sombra de una duda (1943), onde Joseph Cotten interpretaba a un amable asasino de vellas polo que se fascinaba a súa sobriña, o mellor desta irregular película, artellada sobre unha fráxil narración chea de claroscuros, pasa pola súa construción estética, un xogo de formas moi capaz de derivar en sinuosas atmosferas. Trala morte do seu pai, India Stoker (excelente Mia Wasikowska, revelación do filme), queda desolada. Incapaz de achegarse a unha nai inestable (Nicole Kidman), a chegada dun irmán perdido do pai (Matthew Goode), criatura progresivamente inquietante, comeza a alterar e apartar a India do seu mutismo. Quizáis o seu destino está marcado. Quizáis Charlie sexa o responsable das desaparicións de varias persoas próximas. Esta atractiva e circular trama aparece enmarcada nunha singular colaxe, unha fusión de Eros e Tanatos, un relato de iniciación e perturbadora análise das relacións familiares, á vez que conto gótico de estilo inconfundible –mórbido, onírico, salvaxe- e ritmo propio, que foxe de calquera coartada realista. Apta para padais exquisitos. Nota: 6/10.

José Manuel Sande

On the road (Walter Salles, 2012)



Proxecto promovido por Francis Ford Coppola, precedido da expectación xerada polos seus anos de preparación, adaptación da mítica (e mitificada) novela de Jack Kerouac publicada en 1957, un texto que ía elevar unha forma de vida, o estalido contracultural beatnik acontecido nos Estados Unidos nas décadas 50/60 do século pasado, xerme de liberdades e creacións varias. Dirixida polo director brasileño Walter Salles (Estación Central del Brasil; Diarios de una motocicleta), o filme resultante posúe grandes medios e fastosidade visual. Porén, atopamos unha historia pobre, soporífera (¡!), narrativamente torpe e falta de emoción e recursos, lonxe de calquera opción de captación do espírito orixinal, a historia (autobiográfica) dun escritor, Sal Paradise, fascinado polo seu entorno, en especial por un personaxe, Dean Moriarty (que imita a icona xeracional Neal Cassidy) e o intento épico dun grupo –Corso, Ginsberg, Burroughs,…- por coñecer o seu mundo, atravesar América (do Norte) e vivir experiencias cheas de intensidade.
Unha das grandes decepcións do ano, excelente exemplo das submisións e dificultades de conciliar cine e literatura, unha tentativa superficial de correcta factura, empeñada antes que nada en estender toda unha maquinaria publicitaria co obxectivo de utilizar un tecido emblemático, operación que remata por resultar profundamente banal. Ociosos, eruditos e/ou curiosos, poden revisar á esquecida e honesta Heart Beat / Generación perdida (1980) de John Byrum, filme onde, entre outras cousas, rastreamos excelentes caracterizacións: Kerouac era John Heard e Cassady Nick Nolte, este sen lugar a dúbidas o actor idóneo para encarnar a rebeldía estadounidense do momento. Infinitamente máis interesante. Nota: 2/10.

José Manuel Sande

martes, 30 de xullo de 2013

The Great Gatsby (Baz Luhrmann, 2013)



Ambicioso achegamento, marcado polos seus máis de cen millóns de euros de orzamento e o feito de inaugurar Cannes 2013, ao relato literario homónimo, aproximación a unha época, os tolos anos 20, previos á Depresión estadounidense, e a toda unha narración épico-tráxica, a historia de amor desmedida do misterioso millonario Jay Gatsby, sorte de (anti)heroe romántico, por Daisy Buchanan, narrada polo seu veciño Nick Carraway.

Organizador Gatsby de fastuosas festas, a película, como todas as do australiano Baz Luhrmann (Romeo y Julieta; Moulin Rouge), resulta, en correlación, en exceso manierista, unha orxía estética, convivencia de soño e luxo, onde a recorrencia ao 3-D, a teatralidade, o impresionante deseño de produción e a exuberante banda sonora devoran en parte a sensibilidade da que se parte. A película atopa os seus mellores momentos cando se centra no amor fou de Gatsby e os propios personaxes, mentres entra no delirio máis superficial (e irritante) cando reflicte o ambiente ou contexto onde estes se desenvolven. Presidida por un excelente reparto (Leonardo Di Caprio, Tobey McGuire, Carey Mulligan, etc), a célebre e emotiva novela de Francis Scott Fitzgerald publicada en 1925, excelente retrato dun período histórico, malia as dúas (e insuficientes) versións anteriores, a de Elliott Nugent en 1949, con Alan Ladd como Gatsby, e a firmada por Jack Clayton en 1974, con Robert Redford como elegante protagonista, segue agardando por unha versión acorde ao seu potencial e talento. Nota: 5/10.

José Manuel Sande

luns, 22 de xullo de 2013

xoves, 18 de xullo de 2013

Costa da Morte

O filme de Lois Patiño foi seleccionado para a próxima edición dun dos eventos cinematográficos máis importantes a nivel mundial: o Festival del Film de Locarno. O cinema galego repite participación no certame suízo: se o ano pasado foi Eloy Enciso, co seu Arraianos, agora é Costa da Morte de Lois Patiño o que engrosará a sección Cineasti del Presente. Esta reiteración de presenza galega en dous anos consecutivos non hai que vela como algo usual senón como un feito excepcional que poucas cinematografías teñen posibilidade de acadar. Quero remarcar esta circunstancia para sinalar que a participación de filmes galegos en festivais internacionais é o fenómeno de maior promoción da cultura galega no exterior dos últimos anos.

Non obstante o extraordinario logro de Lois Patiño non é algo que nos colla por sorpresa xa que é desde hai tempo un cineasta do presente. O vigués chegou ao cinema desde o eido da psicoloxía e así se comprenden os seus primeiros filmes documentais da serie Rostros de arena, obras centradas en aspectos psicolóxicos dos seus personaxes e realizadas nun contexto de espreguizamento das fórmulas popularizadas no documental español.

Mais Patiño dá un paso ao fronte e comeza a estudar polo miúdo a ferramenta cinematográfica. Abre unha segunda etapa na que afonda no carácter estético do cinema analizando a alteración dos parámetros espazo-temporais. Nesta etapa máis contemplativa explora a hibridación do cinema con outras artes como a pintura e a fotografía. Isto pódese ver nas distintas curtametraxes que compoñen as series de inspiración deleuzeianas Paisaxe-distancia e Paisaxe-duración.

Este proceso de introspección levouno a una terceira etapa. Abriu o foco. Comezou a poñer en práctica todas as súas procuras en proxectos de maior substancia para impregnarse da psicoloxía da paisaxe, xogar coa súa escala e a do home inmerso nela, nunha sorte de polifonía visual onde se xunta certo panteísmo galego con referentes artísticos do sublime romántico. Comezou coa tentativa de Esliva, que mestura o performático con certa mensaxe ecoloxista. Achégase á chave en Na vibración, coa que é capaz de absorber as forzas telúricas. E atina co obxectivo en Montaña en sombra onde, centrándose nas paisaxes de alta montaña, consegue facer un espectáculo altamente sensorial coas alteracións atmosféricas das cimas nevadas. Esta curtametraxe levouno directamente ao Festival de Roma (alí foi a estrea mundial) e a ser premiado no Festival de Oberhausen e no Fidocs.

Tras dar conta desta traxectoria chea de decisión e conciencia non é estraño que o seu filme máis ambicioso, síntese da súa traxectoria até o momento, Costa da Morte acabe formando parte do concurso dun gran festival internacional. O proxecto nace en 2011 cando Patiño o presentou ás axudas de talento para longametraxes da Xunta de Galicia. Ficou latente durante varios anos, facéndose aos poucos, deixándose contaxiar e contaxiando a outros dos seus traballos que transcorrían en paralelo. Prolongouse no tempo polas distintas etapas de rodaxe nas cales Patiño conviviu e explorou o territorio. A idea era dar conta da paisaxe e da vida dun espazo como é a Costa da Morte nas súas variacións ao longo dun ano. No documental Patiño saca á luz a especial relación que ten o home coa natureza impoñente e avasaladora, nun prisma de secuencias que van decorrendo por medio de relacións visuais ou sonoras. Tamén establece un interesante e nutrinte xogo coa incorporación de diálogos con figuras na distancia. Nestes puntos cobra protagonismo a voz humana que se relaciona co territorio facendo que emerxan pesadelos do pasado, as dificultades do presente e as arelas do futuro.

Xurxo González

mércores, 10 de xullo de 2013

Proxecto NIMBOS

Para poñer en marcha algunhas cousas abonda un correo electrónico. Este que copiamos a seguir recibírono no que vai de mes máis de trinta cineastas do país:

Queridos amigos,

O ano que vén dedicáselle o Día das Letras Galegas ao poeta da Terra Chá Xosé María Díaz Castro, autor dun único volume publicado, Nimbos, que é un dos fitos da creación literaria en lingua galega no século XX.

Hai xa uns anos que tiven a idea de “promover” algún proxecto fílmico colectivo arredor desta obra, e a designación de Díaz Castro coma escritor homenaxeado pola Real Academia Galega en 2014 -ano, ademais, do seu centenario- é a escusa perfecta para finalmente botarse á tarefa. Unha iniciativa que comparten os meus compañeiros en ACTO DE PRIMAVERA José Manuel Sande e Xurxo González.

A idea é ben sinxela: propoñémosvos a diversos cineastas que fagades unha peza curta, entre 1 e 5 minutos, asociada a un poema do libro. Non se trata de ilustrar o poema en imaxes, en absoluto, senón de crear unha obra cinematográfica nova que naza da lectura do poema. Cada autor que participe elixirá o(s) poema(s) sobre o(s) que quere traballar e a partir de aí, (case) total liberdade. Hai unha única condición, ademais do tempo: desbotamos expresamente o uso íntegro e literal dos poemas do autor, e recomendamos limitar o uso dos textos, se for preciso, a “algúns” versos soltos. (...)

Non fai falla que vos diga que para a elaboración destas pezas non hai recursos dispoñíbeis, máis alá do cariño e o apoio moral dos promotores. A vosa participación é obviamente voluntaria e implica un alto grao de boa vontade. Entendemos que non queirades ou poidades participar nisto que provisionalmente chamamos “Proxecto NIMBOS”. Se queredes e podedes, rogamos nos comuniquedes a vosa dispoñibilidade e interese de aquí ao 10 de xullo, sen compromiso. De non recibirmos resposta antes desa data entenderemos que non queredes sumarvos ao proxecto (e non pasa nada, tan amigos). De aceptardes, seguiríamos en contacto para coordinar “ques” e “candos”.

Ficamos ao voso dispor para resolver as dúbidas que teñades.

Unha aperta,

Martin Pawley (en nome de ACTO DE PRIMAVERA)

Se esta idea/arroutada que botamos á rede acaba sendo unha feliz realidade é debido á xenerosidade e á complicidade dun bo número de creadores amigos. Son xa máis de vinte os que responderon afirmativamente ao noso convite: Xurxo Chirro, Margarita Ledo, Eloy Enciso, Alberto Gracia, Oliver Laxe, David Castro Sopeña, Carlos Álvarez-Ossorio, Diana Toucedo, Juan Lesta, Belén Montero, Xacio Baño, Pablo Cayuela, Xan Gómez Viñas, Jaione Camborda, Víctor Hugo Seoane, Otto Roca, Alfonso Zarauza, José Antonio Cascudo, Ángel Santos, Manuel Fernández-Valdés e Eloy Domínguez Serén. E en breve chegarán algunhas confirmacións máis.

Gustaríanos contar con máis colaboracións, tamén de cineastas de fóra de Galicia. Seguiremos lanzando botellas ao mar co desexo de que algunha chegue a bo porto. Irémosvos mantendo informados. Podémosvos dicir que xa hai unha primeira curta practicamente rematada. Empezaremos a difundilas dentro duns meses, cada unha no seu tempo, coa intención de que a maioría estean listas de aquí ao próximo 17 de maio. Isto é só o comezo.

domingo, 7 de xullo de 2013

Curtas 2013: A história de um erro (Joana Barros)

A Paramiloidose ou Polineuropatía Amiloidótica Familiar (PAF) é unha doenza xenética hereditaria, severamente incapacitante e de consecuencias fatais. É unha enfermidade rara que presenta un alto nivel de incidencia na Povoa de Varzim e Vila do Conde, en especial na zona pesqueira das Caxinas, onde é popularmente chamada “doença dos pezinhos” por ser nos pés onde primeiro se detectan os seus síntomas. Esta forma de neuropatía ten a dubidosa honra de ser a única doenza descuberta en tempos modernos por un médico portugués, Mário Corino da Costa de Andrade, que identificou os seus elementos diferenciais en 1952. O traballo posterior de científicos coma Pedro Pinho e Costa ou Maria João Saraiva permitiu a comprensión das causas da paramiloidose, provocada pola deposición no tecido nervioso dunha sustancia fibrilar insolúbel denominada “amiloide” e constituída por unha proteína do sangue, a Transtirretina (TTR), asociada ao transporte de hormonas da tiroide e vitamina A (de aí xorde o seu nome: transporte, tiroide, retinol). En condicións normais a TTR do sangue é solúbel nos tecidos, mais iso non acontece en formas mutadas da proteína froito da alteración dun único aminoácido; neses casos a acumulación de fibras nos tecidos do sistema nervioso central acaba por producir efectos devastadores.

Fican moitas cousas aínda por saber respecto da enfermidade. Pode darse en pacientes de apenas doce ou trece anos, mais tamén hai casos de persoas portadoras que despois dos noventa non deron sinais de manifestala e, porén, si os seus fillos a moita menor idade. Posto que case toda a proteína é fabricada no fígado, o transplante vense demostrando dende hai anos unha solución paliativa tan drástica coma eficaz; máis recentes son os ensaios dun medicamento con resultados favorábeis significativos de se empregar nunha fase inicial da neuropatía, mais serán precisas novas investigacións para determinar as razóns polas que funciona mellor nuns pacientes ca noutros.

Joana Barros, da Associação Viver a Ciência, presentou hoxe no Curtas de Vila do Conde o excelente documental que realizou sobre este fascinante asunto médico, A história de um erro. Por riba do elegante aspecto visual que Joana Barros e o seu director de fotografía, David Francisco, lle outorgaron ao filme -realzado por unha tamén elegante, e espléndida, música de Pedro Braga Falcão e Luís André Ferreira-; por riba do atinadísimo equilibrio entre os contidos médicos e o retrato social e humano, a principal virtude deste documental reside no respectuoso achegamento aos pacientes e na delicada análise dunha enfermidade dexenerativa: nin se oculta a verdade, o cal sería deshonesto, nin se cae no exceso dolorista e dramático. Ten o ton xusto, nin máis nin menos. Por se isto non abonda, A história de um erro leva implícita unha defensa entusiasta do investimento público e o esforzo en favor dos servizos de saúde, tanto no plano da investigación pura como na mesma atención ao enfermo, e iso é algo que convén aplaudir neste tempo obsceno no que a sanidade e a educación tenden a ser as vítimas principais da crise financeira, en Portugal igual ca en España.

Martin Pawley

xoves, 4 de xullo de 2013

“Pico”, intuitivo, disciplinado e integral

por Miguel Castelo

Xosé Manuel Olveira Gallardo era un tipo cabal e educado, botando a tímido. Tan bo actor como persoa. Ou sexa: excelente. A súa voz característica e a súa lingua verdadeira (non resulta retórico lembralo) eran ferramentas principais do seu oficio de intérprete.

A particular forma do seu apéndice nasal valeulle dos seus amigos e compañeiros de escola o agarimoso alcume polo que despois o chamaron sempre os seus colegas da escena. A “Pico” gustáballe cantar e cantaba moi ben. Canción melódica, que con frecuencia lle pedían os compañeiros, actores e actrices, no cabo dos ensaios, entre viños, nalgunha das moitas tascas de Compostela, ou en situacións semellantes no decurso das xiras. Non lle faltaba sentido do humor, do que en confianza facía gala, se cadra para contrarrestar o seu punto de timidez. “Dous e Pico” é o nome do trío músico-vocal co que actuaba nos anos mozos nas festas de Esteiro, a súa parroquia, e a contorna muradá, meritoria antesala sen dúbida da súa innata condición de actor. Un actor que se foi facendo paseniñamente, primeiro en Candea, baixo o saber e a bonhomía de Xosé Agrelo Hermo, noiés de pro que consagrou a súa vida ao ensino e o teatro; e logo, xa en Santiago, no Teatro de Cámara Ditea, con Agustín Magán, até que en 1986, dous anos despois do nacemento do Centro Dramático Galego, é requirido para facer parte do elenco da súa décimo cuarta produción. Porén, este ascenso ao teatro institucional constitúe para “Pico”, cheo de ilusión, un insospeitado trago amargo. Dirixida por Xulio Lago, a súa intervención n'A noite vai coma un río convértese nunha experiencia tan excitante como traumática, o que o sitúa no desacougo da dúbida sobre a súa condición de actor e a un paso de abandonar o oficio. Mais ao ano seguinte, no remuíño do seu debate interno, cada vez máis asentado na crenza da súa incapacidade e no trabucamento da súa etapa anterior, vólveno convocar desde o CDG, agora para intervir n'A Pousadeira. E nesta nova proba, baixo a dirección de Xoan Cejudo, todo acontece de modo diferente, ficando felizmente confirmado como actor de talento. Este venturoso novo paso, de Capitán cunqueirán a goldoniano Marqués de Forlipópoli, constitúe un salto cualitativo que o vai convertendo progresivamente nun actor cada vez máis sólido, versátil e solicitado. Até o punto de ter momentos do seu itinerario profesional nos que, sen deixar as habituais series televisivas ou algún esporádico filme, intervén, nun auténtico desafío ao don da ubicuidade, en máis dunha montaxe teatral a un tempo. Tantas veces houbo que escribir o seu nome nos papeis que por cabo, e non sen esforzo, os informadores, axudados polos correctores de probas e os trasnos do prelo, aprenderon a suprimir o “i” inexistente do seu apelido, que con aplicada teimosía viñeran incluíndo unha e outra vez durante tanto tempo.

Actor intuitivo, disciplinado e integral, Xosé Manuel Olveira “Pico” deixa un grato recordo entre todos nós. E unha notábel ausencia.

* * *


O actor galego Xosé Manuel Olveira "Pico" Gallardo naceu en Creo (Esteiro, Muros) o 7 de setembro de 1955 e finou en Santiago de Compostela o 13 de xuño de 2013.