Amosando publicacións coa etiqueta Tacita Dean. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Tacita Dean. Amosar todas as publicacións

martes, 11 de agosto de 2026

As eclipses de Sol no cinema

Barrabás (Richard Fleischer, 1961)

“A luz desapareceu do ceo”. Nunha taberna na antigüidade a xente ergue a cabeza con preocupación. Unha muller (a formidábel Katy Jurado) achégase á porta e mira o exterior; “nunca o vira tan escuro no medio do día”, afirma. Noutro andar da casa, Barrabás (Anthony Quinn) esperta asustado. Non ve nada e cre que ten algo nos ollos. Baixa as escaleiras e pregunta que está acontecendo. Atrás del, Raquel (Silvana Mangano), declama a resposta definitiva. “Sabes ben o que pasa”, di. “Até a luz nos abandonou agora que o matamos”. A crucifixión de Xesucristo ten eco no firmamento: apagouse a luz do Sol. E na pantalla, ese apagamento ten forma de eclipse. Dunha eclipse real.

A produción de Dino de Laurentiis Barrabás, dirixida por Richard Fleischer, é un caso excepcional de película na que se aproveitou a ocultación total do Sol pola Lúa do 15 de febreiro de 1961 como recurso para ilustrar o escurecemento do ceo do que dan conta, asociados ao relato da morte de Xesús, tres dos evanxeos. Tomaron a decisión non lonxe da data da eclipse e iso rompeulle a cabeza ao director de fotografía Aldo Tonti, quen tivo poucos días para pensar como resolver o desafío de rodar o fenómeno coa cámara de cinema (...)

Martin Pawley. Artigo publicado no Nós Diario o 11 de agosto de 2026, terza feira. As persoas subscritoras poden ler o artigo completo en liña nesta ligazón.

mércores, 29 de novembro de 2017

"Visións do ceo", ciclo de cinema no CGAI-Filmoteca de Galicia

A obra do canadense Peter Mettler (Toronto, 1958) lidou sempre cos contactos (e conflitos) entre a ciencia e a tecnoloxía, a natureza e a capacidade humana para facer do mundo relato e mitoloxía. Despois de tres longametraxes de ficción (Scissere, The Top of His Head e Tectonic Plates) o cineasta aceptou a suxestión do artista e científico suízo Andreas Züst (1947-2000) de filmar as auroras boreais en Picture of Light. O desafío era en primeiro lugar tecnolóxico, o de captar as sutís fantasmagorías que producen as execcións de material solar ao chegar a atmosfera terrestre, só ao alcance da película cinematográfica cando se amplían considerabelmente os tempos de exposición (de aí a necesidade de empregar a técnica do time-lapse), e facelo ademais en condicións climáticas extremas, con temperaturas de até 40 graos baixo cero que exixían a axeitada protección das cámaras. Mais sobre todo estaba o desafío estético, o rexistro da “marabilla”, a beleza suprema dun fenómeno natural que escapa ao noso control. Vinte anos antes da invención do selfie, Peter Mettler reflexiona no filme acerca do feito de vivirmos nun tempo no que só parecen existir as cousas que poden ser gardadas en imaxes. Mais as imaxes conxeladas para sempre polo cinema dun prodixio efémero non son o prodixio: a experiencia é sempre outra.

Isto serve tamén para The Green Ray, a curta na que conseguiu captar o fuxidío último raio do Sol a inglesa Tacita Dean (Canterbury, 1965), artista plástica mundialmente recoñecida, candidata en 1998 ao Premio Turner e en continuo apostolado dos 16mm. Antes, en 1999, propuxérase filmar a eclipse solar total do 11 de agosto nunha granxa. O día grande amenceu cuberto de nubes, experiencia esta non precisamente descoñecida para os afeccionados ao ceo, así que o resultado, Banewl, non fala tanto do encontro da Lúa e o Sol como da experiencia de vivir ese encontro nese lugar, ao ritmo apracíbel das vacas que se fan donas da paisaxe.

Martin Pawley. Texto escrito para o programa de novembro/decembro do CGAI-Filmoteca de Galicia. O ciclo "Visións do ceo" está organizado pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío co apoio do Concello da Coruña.