Cales son as funcións que desenvolve a Academia Galega do Audiovisual, para alén desa cara máis pública que son os premios Mestre Mateo?
Fíxate que eu, como socia que xa era antes, tampouco tiña presente todo o que facía a Academia, e comprendo que o resto dos
académicos e o público siga pensando que o fundamental son os Mestres, que traballamos un mes ao ano e que o resto do tempo non se fai nada. Un dos propósitos é facermos máis visíbeis todas as nosas actividades. A Academia ten como obxectivo
potenciar, protexer e mellorar a creación audiovisual, ser un punto de encontro entre todas as profesións do sector, e unha
das patas desa tarefa é organizar os premios, mais hai outras xestións que teñen que ver coas administracións, as institucións e coa propia audiencia. Facemos encontros, debates, ciclos de proxeccións... moitas actividades que se organizan xunto con outras asociacións do sector. A nosa función é axudar e servir como piar no que se apoien outras cousas. Ao termos dentro da Academia tanta variedade de profesións, que mesmo poden ter intereses encontrados entre si, a nosa actuación pode ficar ás veces limitada, pois a Academia non se pode manifestar ou apoiar certos asuntos que só afecten a
unha parte, non podes poñerte de parte de ninguén, sempre hai que pensar no conxunto. Mais hai moito que se pode facer no
que atinxe ao conxunto; falamos de dereitos, de igualdade, de lingua, de cultura, de seguridade, de melloras para todo o sector. Agora, por exemplo, estase falando moito dos asesores de intimidade e dos asesores de infancia nas rodaxes. E cómpre
insistir na cuestión da lingua, que ten que ser unha cuestión perpetua na nosa academia. De feito o premio de honra Fernando
Rey este ano vai a unha tradutora e asesora lingüística, Rosa Moledo, e pensamos que sempre terá sentido lembrar que un dos
nosos obxectivos fundamentais é a defensa da lingua e da calidade da lingua. Iso é así aínda que audiovisual galego tamén é aquel que non se fai en galego, o cal tamén é unha batalla dentro da Academia porque hai opinións moi enfrontadas, hai quen cre que só o que se fai en galego é audiovisual galego e quen pensa que se se fai en Galiza con profesionais galegos e con orzamentos galegos, é audiovisual galego (...)
Martin Pawley. Entrevista completa publicada no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario do sábado 14 de febreiro de 2026. As persoas subscritoras poden lelo completo nesta ligazón.

Ningún comentario:
Publicar un comentario