mércores, 25 de marzo de 2026

Fantasmas da memoria

Imaxe promocional de Espellos nº 3, que se estrea en salas o 10 de abril. Fonte: Filmin.
A longametraxe En tránsito, que transcorre ao inicio da ocupación nazi de Francia, está poboada por personaxes á espera de conseguir visados e pasaxes que os leven camiño da América, billetes sen data de regreso cos cales fuxir da barbarie inminente. O director, Christian Petzold, tomou nese filme a decisión arriscada de valerse dunha ambientación contemporánea. As paisaxes urbanas que vemos son as de hoxe, igual ca os coches, os barcos ou o vestiario. Este choque de tempos engade unha capa moi poderosa ao achegar o drama da guerra e o holocausto ao presente para sinalar novas vítimas. A Europa que asasinou xudeus ou xitanos non hai tanto deu paso a unha Europa racista e xenófoba que practica a ignominia de marcar outros seres humanos coa etiqueta de “ilegais”, que expulsa migrantes ou lles lanza pelotas de goma nas fronteiras. As culpas non son só as do pasado, seguimos fabricando razóns para a vergoña. Oito anos despois da súa estrea na Berlinale de 2018, a súa clarividencia resulta aínda máis admirábel. Neste 2026 que discorre a unha invasión por mes, Venezuela primeiro, Irán despois, no que a lei dos máis fortes esnaquizou o pouco que quedaba do dereito internacional sen contestación práctica por parte das outras potencias ou, no mellor dos casos, cunha simple reprobación de boca para fóra, revisar En tránsito non deixa bo corpo: para alén de representar unhas culpas non abondo expiadas, as súas imaxes adquiren matices premonitorios. Se calquera von der Leyen afirma sen arroibar que a orde mundial está morta e ben morta e se nos convida día si, día tamén, a investir máis miles de millóns na industria da guerra, se votar fascismo xa é unha opción considerada normal por un de cada cinco dos nosos veciños, talvez non esteamos tan lonxe dese universo de refuxiados na busca de vías urxentes de saída (...) 

Martin Pawley. Artigo publicado no Nós Diario o 21 de febreiro de 2026, sábado. As persoas subscritoras poden ler o artigo completo en liña nesta ligazón.

Ningún comentario:

Publicar un comentario