Amosando publicacións coa etiqueta Lucía Veiga. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lucía Veiga. Amosar todas as publicacións

sábado, 14 de marzo de 2026

Lucía Veiga, oficio de pór e quitar.

O vindeiro sábado 21 de marzo entréganse no Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo os premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual, que chegan á súa vixésimo cuarta edición co maior número de candidaturas de sempre e a presenza entre as finalistas dun filme que tamén concorre aos Oscars como é Sirat de Oliver Laxe. Falamos coa presidenta da Academia, a actriz Lucía Veiga, do papel dunha entidade que fará 25 anos en 2027, unha efeméride que convida a facer balance dos cambios que se produciron neste tempo mais tamén dos desafíos pendentes.

Cales son as funcións que desenvolve a Academia Galega do Audiovisual, para alén desa cara máis pública que son os premios Mestre Mateo?
Fíxate que eu, como socia que xa era antes, tampouco tiña presente todo o que facía a Academia, e comprendo que o resto dos académicos e o público siga pensando que o fundamental son os Mestres, que traballamos un mes ao ano e que o resto do tempo non se fai nada. Un dos propósitos é facermos máis visíbeis todas as nosas actividades. A Academia ten como obxectivo potenciar, protexer e mellorar a creación audiovisual, ser un punto de encontro entre todas as profesións do sector, e unha das patas desa tarefa é organizar os premios, mais hai outras xestións que teñen que ver coas administracións, as institucións e coa propia audiencia. Facemos encontros, debates, ciclos de proxeccións... moitas actividades que se organizan xunto con outras asociacións do sector. A nosa función é axudar e servir como piar no que se apoien outras cousas. Ao termos dentro da Academia tanta variedade de profesións, que mesmo poden ter intereses encontrados entre si, a nosa actuación pode ficar ás veces limitada, pois a Academia non se pode manifestar ou apoiar certos asuntos que só afecten a unha parte, non podes poñerte de parte de ninguén, sempre hai que pensar no conxunto. Mais hai moito que se pode facer no que atinxe ao conxunto; falamos de dereitos, de igualdade, de lingua, de cultura, de seguridade, de melloras para todo o sector. Agora, por exemplo, estase falando moito dos asesores de intimidade e dos asesores de infancia nas rodaxes. E cómpre insistir na cuestión da lingua, que ten que ser unha cuestión perpetua na nosa academia. De feito o premio de honra Fernando Rey este ano vai a unha tradutora e asesora lingüística, Rosa Moledo, e pensamos que sempre terá sentido lembrar que un dos nosos obxectivos fundamentais é a defensa da lingua e da calidade da lingua. Iso é así aínda que audiovisual galego tamén é aquel que non se fai en galego, o cal tamén é unha batalla dentro da Academia porque hai opinións moi enfrontadas, hai quen cre que só o que se fai en galego é audiovisual galego e quen pensa que se se fai en Galiza con profesionais galegos e con orzamentos galegos, é audiovisual galego (...)

Martin Pawley. Entrevista completa publicada no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario do sábado 14 de febreiro de 2026. As persoas subscritoras poden lelo completo nesta ligazón.