Martin Pawley. Artigo completo publicado no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario do sábado 23 de agosto de 2025. As persoas subscritoras poden lelo completo en liña no sitio web do xornal.
sábado, 23 de agosto de 2025
Maureen Fazendeiro, a memoria da terra
O Festival de Cinema de Locarno (Suíza), sempre unha referencia cinéfila de agosto, seleccionou no seu concurso internacional o filme portugués As Estações, primeira longametraxe en solitario da cineasta Maureen Fazendeiro, que propón unha viaxe polo Alentejo a través do tempo, da súa historia e as súas lendas a partir do traballo emprendido pola parella de arqueólogos alemáns Georg e Vera Leisner. Un excelente documental que conta coa participación de Filmika Galaika, unha produtora fundamental na internacionalización do cinema de noso.
O inicio de todo foi un artigo de xornal. O 20 de agosto de 2015 o portugués Público traía un artigo de Lucinda Canelas con título sedutor, “Nas antas do Alentejo já se falou alemão”, á volta dun matrimonio alemán que investigou os monumentos megalíticos de toda a península Ibérica, Georg Leisner (1870-1957) e Amanda
Vera de la Camp (1885-1972). Casaran en 1909 e cos anos foron desenvolvendo unha grande paixón pola arqueoloxía, até o punto de que Georg iniciou estudos académicos na materia camiño dos sesenta anos. A súa tese de doutoramento, publicada en 1938, versaba sobre a distribución e as tipoloxías das tumbas megalíticas
en Galiza e o norte de Portugal, unha primeira conexión co noso país que se prolongaría co andar das décadas a través da súa relación con Florentino López Cuevillas e Luis Monteagudo, documentada a través da súa
correspondencia. En novembro de 1943, ao fin dun longo proceso para a obtención do visado de entrada, chegaron a Portugal, país no que acabarán por residir regularmente en parte porque, entre tanto, a súa vivenda en Múnic
fóra destruída durante a Segunda Guerra Mundial. As bombas arrasaron co seu fogar mais tamén con moito material acumulado nas campañas de exploración, incluído o obtido na Galiza (...)
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario